Con motivo da celebración das eleccións municipais e tendo en conta que as diferentes formacións políticas que concorren nos dez concellos da comarca (A Bola, A Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea) están a elaborar os seus programas electorais, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova fai públicas as demandas memorialistas máis urxentes e anima aos partidos a incorporalas aos seus programas, e á cidadanía a nos acompañar na reclamación das mesmas.
1. Retirada de todos os vestixios fascistas no concello ao abeiro da Lei de Memoria Democrática de 2022.
2. Resignificación ou recuperación dos espazos que foron ocupados pola simboloxía franquista fomentando actividades de memoria nos mesmos.
3. Creación dun Lugar de Memoria no cemiterio de San Breixo, en Celanova, xa documentado como lugar de memoria, e instalación nel dun memorial ás vítimas do franquismo.
4. Documentación, catalogación e recuperación de espazos de memoria: como o camiño até o Outeiro da Obra que construíron os presos do cárcere franquista de Celanova, ou como a Poza das Ras en Verea.
5. Documentación e protección da pintada ‘Adiante Semanario’ na fachada do Mosteiro de Celanova, obra das Mocedades Galeguistas.
6. Sinalización no concello da Bola e nos concellos veciños de Celanova e Verea do memorial de Xosé Vizoso ás vítimas do franquismo no Furriolo.
7. Apoiar unha investigación integral do acontecido no Furriolo despois do golpe de Estado de 1936, e elaboración dun censo de execucións extraxudiciais.
8. Colocación dunha placa no edificio dos Xulgados en Celanova en lembranza das mulleres que sufriron alí condena.
9. Creación no Mosteiro de Celanova dun Centro de Interpretación da Memoria Histórica de Celanova e a súa comarca.
10. Recoñecemento institucional e homenaxe nos diferentes concellos ás últimas corporacións municipais da II República.
0 comentarios