O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova nace para recuperar e promover os valores cívicos e democráticos a través do coñecemento da historia da comarca durante o século XX.

O Comité centra as súas actividades nos concellos de A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.

O Comité inscríbese na liña de investigación e divulgación da memoria histórica da comarca que recolleu o colectivo Arraianos na primeira década deste século.

O Comité ten como fins: a) Impulsar o estudo e a difusión dos coñecementos sobre a memoria histórica da Comarca de Celanova e sobre as vítimas da Guerra Civil e o franquismo; b) A loita pola xustiza para as vítimas mediante calquera dos medios permitidos pola lei; c) Esixir a retirada de toda a simboloxía franquista e fascista, e impulsar a creación ou resignificación dos lugares da memoria; d) O labor de recoñecemento público para todas as persoas que contribuíron a construír a República e loitaron despois contra a ditadura para o restablecemento da democracia; e) Colaborar e dar pulo o traballo de cantas persoas e entidades realicen actividades encamiñadas á recuperación da memoria histórica, da loita antifascista en xeral, e antifranquista en particular. [art. 4 dos Estatutos]

O Comité está formado por unha directiva composta por cinco membros e presidida por Celia Inés Feijoo Soto. Todas as decisións tómanse en asemblea, que está integrada por todas as persoas asociadas.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario