“Me congratulo en participartle mi satisfacción por los trabajos efectuados por el recluso Lucio Nestal Fernández, en la colocación de ‘La Cruz a los Caídos’.
Lo que hago presente a los efectos que estime más convenientes.
Dios salve a España y guarde a Vd. muchos años.
Celanova (Orense) 9 de agosto de 1939
Año de la Victoria.
El Capitán Jefe Acctal.”
O documento, con membrete e selo da Bandera de Falange de Marruecos, é un oficio dirixido ao Director da Prisión Central de Celanova que figura no expediente do recluso Lucio Nestal Fernández que se conserva no Arquivo Histórico Provincial de Ourense (1).

Oficio da Bandera de Marruecos ao director da Prisión Central de Celanova, ao día seguinte da inauguración do monumento.
O oficio, co número 7.780, aparece tamén citado no Libro rexistro de saída de correspondencia da Prisión Central, con data do 14 de agosto de 1939 (2). O director da prisión, Vicente Fortubel García, remite o documento ao Jefe S.N. Prisiones (Servicio Nacional de Prisiones) e anota o seguinte: “Dando traslado oficio n.º 7.780 del 9 actual del Capitán Jefe Acctal. Bandera de Marruecos participando su satisfacción por los trabajos realizados por el recluso Lucio Nestal Fernández en la colocación de ‘La Cruz de los Caídos”.
Este é o primeiro documento emitido por un órgano do incipiente Estado fascista que confirma as investigacións do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova sobre as circunstancias, as datas, os autores e a intención do levantamento, a principios de agosto de 1939 no lugar do Outeiro da Obra, do monumento ás vítimas do bando sublevado contra a legalidade republicana e cuxo carácter de símbolo fascista afectado polas sucesivas leis de memoria (2007 e 2022) promulgadas no Reino de España está documentado históricamente no Informe Nº1 (2021) deste Comité.


DATAS E PROMOTORES
Rematadas as Festas da Encarnación de 1939 o domingo 6 de agosto, coa participación na procesión dominical de militares falanxistas como recolle unha fotografía da época, o martes, día 8, segundo as crónicas en prensa do día seguinte (nos diarios Arco, La Vanguardia e ABC) celebrouse en Celanova un “gran acto patriótico” no que “la Bandera de Marruecos inaugura la Cruz de los Caídos” (3). O discurso central do acto correu a cargo do coronel Joaquín Ríos Capapé, “héroe de la Ciudad Universitaria” e fillo dun militar, Manuel Ríos Fernández, natural de Celanova, o que pode ser parte da razón pola que a Bandera de Falange de Marruecos, rematada a guerra coa caída de Madrid, fose destinada a Celanova antes da súa disolución.
O lugar foi utilizado nos meses e anos seguintes como escenario de actos de exaltación do Réxime, e durante máis de oitenta anos cumpriuse a orde do comandante da Bandera no seu discurso de despedida de Celanova: “Señor alcalde, yo espero que sabreis perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos”. O autor do mandado non figura identificado na crónica xornalística á que fai mención o Informe Nº1 (4).

Procesión do domingo 6 de agosto de 1939.
LUCIO NESTAL
De Lucio Nestal Fernández, o preso que a Bandera de Marruecos recomenda ao director da cadea, sabemos polo expediente carcelario que foi condeado por un tribunal militar dos sublevados en Oviedo a 15 anos de prisión por “auxilio á rebelión”, con data da sentencia o 7 de xaneiro de 1938 dentro do sumario 1.797. Fora detido o 16 de novembro de 1937 trala caída de Xixón. Despois da condena, ingresou na Prisión Central de Celanova en febreiro de 1938. Figuraba como albanel de profesión, natural de Oviedo e veciño de Mieres.
Lucio Nestal pertenceu á Casa do Pobo de Mieres. En abril de 1932 aparece como un dos membros (“por el ramo de la construcción”) do comité para a compra de libros (5), e en outubro dese mesmo ano, como presidente do Grupo Esperantista da entidade, grupo que se compromete a “trabajar en esta lengua internacional, que en el ánimo de todos está la importancia que tiene” (6).
Na prisión de Celanova, e con posterioridade ao episodio da colocación da Cruz dos Caídos, Lucio Nestal e outro albanel asturiano, Leopoldo Alea, foron requiridos para trasladarse á prisión de Lugo. A petición é do 2 de novembro de 1939, mais o día 10 a orde quedou anulada despois de que o director da prisión de Celanova se dirixise ao Arquitecto del Servicio Nacional de Prisiones, en Madrid, advertindo de que os “reclusos albañiles (…) son los más competentes, y sin cuyo concurso difícilmente podremos terminar obras próximas a finalizar”.
En agosto de 1940, o director da prisión de Celanova informou ao xefe de servizo da lista de vintesete reclusos que serán postos en liberdade, entre eles, Lucio Nestal, que regresaría a Mieres e, en marzo do 41, solicitaría permiso para trasladarse a Ponferrada “por motivos de traballo”. Catro anos despois, en marzo de 1945 recibíu a licencia definitiva.
TRABALLOS FORZADOS
A participación de presos na colocación do monumento e tamén no acondicionamento dos camiños de acceso e do propio espazo no Outeiro da Obra que este Comité está a documentar poñen en evidencia a utilización polo Exército sublevado e o incipiente Réxime fascista de traballo forzado neste lugar.
Ao respecto, o artigo 32 da actual lei de memoria democrática di no seu apartado 1: “La Administración General del Estado impulsará actuaciones para el reconocimiento y reparación a las víctimas que realizaron trabajos forzados, como la señalización de los lugares directamente relacionados con los trabajos forzados, de forma que se permitan su identificación y el recuerdo de lo sucedido, así como impulsar iniciativas por parte de las organizaciones o empresas respecto de las que se constate, a través de la realización de un censo, que utilizaron los trabajos forzados en su beneficio para que adopten medidas en ese sentido”.
RETIRADA XA!
Máis unha vez, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova trasladará a información actualizada ao Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática a través da Subdelegación do Goberno, e ao Concello de Celanova a través dos grupos da corporación para que se activen as medidas necesarias para o cumprimento da lei e se proceda, como noutros casos, amparados xa pola xurisprudencia do Tribunal Supremo, á retirada inmediata pois todos os elementos precisos para aplicar a lei están presentes neste caso e non é necesario, nin así o indica a lei, ningún outro trámite.
NOTAS
1) AHPOU. Referencia: ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.8.2.1.3.//25088/015. Caixa 25088/015. Páxina 14.
2) AHPOU. 24952/06 – Libro rexistro de saída de correspondencia. Referencia: ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.8.1.1.3.//24952/04. Caixa 24952/04. Páxinas 95 e 96.
3) Ver Capítulo 3.3. do Informe Nº1, accesíbel en https://memoriacelanova.fala.gal/2021/04/04/informe-do-comite-sobre-o-simbolo-fascista-do-outeiro-da-obra/
4) La Región, 30 de setembro de 1939, páx. 2.
5) Mateos Martínez, María Antonia (2006): Verdad en la farsa. Teatro social en los centros obreros de Asturias (1900-1937). Memoria para aspirar al grado de doctora. Universidad de Oviedo.
6) Avante, 22 de outubro de 1932, páx. 3.




2 comentarios
POLA RETIRADA INMEDIATA DO SÍMBOLO FRANQUISTA – memoriacelanova · 9 Agosto, 2024 ás 1:51 p.m.
[…] Obra A web Debería Desaparecer xa recolle o símbolo falanxista do Outeiro da Obra en Celanova Apareceu un oficio da Bandera de Falange que confirma as teses do Comité sobre o símbolo fascista … Rexistrada petición en Celanova para retirada do monumento falanxista A memoria defenderá no […]
LUCIO NESTAL, o albanel que foi obrigado a colocar a cruz – memoriacelanova · 9 Agosto, 2024 ás 8:30 p.m.
[…] Apareceu un oficio da Bandera de Falange que confirma as teses do Comité sobre o símbolo fascista … […]