(Obituario de MANUEL MELLA MÁRQUEZ publicado en La Región, 16.04.2024)

Quero escribir e non me saen as verbas. A semana pasada morreu un amigo, Manuel Mella Márquez (Vigo, 21 de febreiro de 1945-10 de abril de 2024). Aínda estou moi afectada pola perda inesperada do compañeiro de partido, compañeiro de reunións, de executivas, de comités, de xantares (onde se remataba falando sempre de política). Tamén amigo. Fiel e leal, con quen compartín confidencias familiares, co que sempre se podía contar.

Vou intentar facer un breve bosquexo da súa vida política, a que compartín en diversas etapas durante cinco décadas.

Manuel Mella Márquez, naceu en Vigo, mais tiña raíces familiares en Padrenda, na Terra de Celanova. Educouse en Xesuítas e pasou ao instituto Santa Irene. Rematado o bacharelato, entra na Universidade Complutense, onde chegaría a ser catedrático de Ciencia Política. Centrou parte das súas investigacións no estudo do comportamento dos grupos de influenza na política de España no século XX. Traballou e investigou ademais en universidades estranxeiras, sendo relevante o seu paso pola Universidade de Columbia, onde traballou na cátedra e no departamento que dirixía o hispanista Edward Malefakis.

Militante socialista desde 1965, na clandestinidade. Estando no núcleo duro do Partido Socialista Popular (PSP) de Enrique Tierno Galván, formou parte da ben coñecida “Platajunta”, a coalición chamada Coordinación Democrática que xurdiu en1976 para facer oposición á ditadura, xa sen Franco.

Despois de se integrar co PSP no PSOE foi concelleiro do Ayuntamiento de Madrid con Tierno Galván e con Juan Barranco. Fixo posible que volvesen os patos ao Manzanares desenvolvendo o saneamento integral de Madrid e poñendo as bases dese servizo exemplar que se chama Samur, un modelo de éxito que tamén inspirou políticas públicas en España e fóra. Desde 1999 militaba na Agrupación socialista de Vigo, sendo membro da executiva e do Comité Nacional.

Con Tierno Galván, en 1979, foi responsable da área de Medio Ambiente; e con Juan Barranco, da área de Sanidade, onde acabou coa inxusta beneficencia e impulsou a filosofía da nova Ley General de Sanidad.

Podía seguir escribindo do traballo que desenvolveu na súa traxectoria política. Dá para moito máis. Conservo un exemplar do derradeiro libro no que participou sobre Enrique Tierno Galván, que se titula “Los retos ecológicos de una gran ciudad. El caso de Madrid”, que foi un agasallo e que me dedicou.

“Manuel Mella Márquez. Concejal de Saneamiento y Medio Ambiente entre 1979 y 1983. Concejal del Área de Sanidad y Consumo entre 1983 y 1989 y Teniente de Alcalde entre 1986 y 1989… Para Celines, gran amiga y Compañera, con afecto. Manolo Mella”

É certo. Desde o primeiro momento que o coñecín compartimos unha gran amizade.

Como era Manolo? Non me chegan os cualificativos para el. Era todo un señor, un cabaleiro, intelixente, bondadoso, sinxelo, humilde, amigable, educado, amante da súa familia… Tamén da boa comida. Gustáballe moito camiñar. Participaba en todas as andainas cando estaba en Vigo e, sobre todo, era conciliador e sempre tiña unha resposta axeitada cando lle preguntabas sobre algo ou se precisabas un consello. Canto aprendín con el!

Tiña unha casa en Padrenda que estaba a restaurar. E formaba parte do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Foise silandeiro, sen avisar, como se van os bos e xenerosos, deixando un baleiro enorme nos nosos corazóns.

Que a terra che sexa leve!

D. E. P querido amigo e compañeiro!

CELIA INÉS FEIJÓO SOTO, militante do PSdeG-PSOE e presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

MANUEL MELLA MÁRQUEZ.
Categorías: Comunicados

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario