Luís Gonçales Blasco, fundador da UPG canda a Celso Emilio, Luís Soto e Méndez Ferrín, entre outros, expulsado máis tarde da organización, loitador antifascista, exiliado en Francia durante dez anos entre os sesenta e os setenta, militante independentistas, membro da AGAL, profesor xubilado, autor doutros ensaios sobre o nacionalismo e, tamén, sobre a vida de Celso Emilio, presentou o sábado 3 de febreiro o seu libro Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego (Xerais, 2023), despois de telo feito días antes en Vigo, e en Foz, o pasado verán.

Gonçales Blasco, amigo persoal e militante con Celso Emilio, participou na organización da homenaxe no Hotel Roma de Ourense antes de que o poeta emprendera a viaxe a Venezuela, e mantivo contacto con el desde o exilio.

Estivo acompañado na presentación por Xabier Ferreiro, un dos fillos do poeta, e responsábel da Fundación Celso Emilio Ferreiro, quen ofreceu colaboración ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova para outras accións de recuperación da memoria e o legado familiar, como ese álbum de debuxos e sinaturas que presos do cárcere franquista dedicaron a irmá de Celso, Leopolda, pola súa axuda naqueles días.

CONTRA O ESQUECEMENTO

“Este é libro é o rescate dunha memoria, ir en contra do esquecemento… dun esquecemento no que houbo implicados”, comezou Xabier Ferreiro a súa intervención. “Na época da que fala o libro, había unha forma de facer as cousas, de levar os partidos, que chegou a todas partes e era herdeira do stalinismo, que eliminaba a individualidade, a posibilidade de pensar de forma crítica. Daquela, cando chega o momento de crear o auténtico partido comunista de Galiza, que foi a UPG, non soamente tiña o nome, senón as actitudes e as metodoloxías”.

“Dalgún xeito, Celso Emilio non puido evitar ser quen era e esa falta de disciplina levouno a ter unha vida máis independente dentro de esa maneira de pensar, e levouno a ser apartado do partido. E foi vítima daquel stalinismo que, naquela época, era un xeito de defenderse da ditadura”, explicou Ferreiro, que tamén quixo subliñar a inxusta discriminación que sofreu seu pai por ter escrito tamén en castelán. “Non foi só Celso Emilio, tamén sucedeu con Valle Inclán ou Cunqueiro. Non estaba ben visto escribir en castelán e pasou a formar parte desa lista. Son particularidades da mentalidade do nacionalismo da época, non hai que proxectalo agora. Mais era unha mentalidade estreita e houbo quen dixo que todo o que non estivera escrito en galego non merecía ser lido”, concluíu.

Celia Inés Feijóo Soto, Luís Gonçales Blasco e Xabier Ferreiro, na Casa de Curros.

COUSAS DO CELSO

Na súa quenda, Gonçales Blasco dedicou os primeiros minutos a responder a outra inxustiza máis recente contra o poeta a conta do seu libro. Desmentiu varias das acusacións que se deitan contra Celso Emilio nun artigo no último número de Grial titulado “As militancia de Celso Emilio”. Despois, recordou os tempos das Mocidades e o golpe de Estado de xullo de 1936, cun Celso Emilio mozo e xa moi comprometido politicamente.

“Nas Mocidades había un sector independentista no que figuraban o Remixio González Gándara, o Pepe Velo, Celso Emilio e outros”, lembrou o autor, e leu algunha das partes do libro dedicadas a aqueles momentos. “O 20 de xullo do 36 escribiu unha carta a Bieito Fernández desde a casa dos avós en Acevedo na que dicía: Eiquí me tes recluído en agarda de que pase a treboada. Poidose evitar ista vergonzosa pasividade da provincia de Ourense, pero o gobernador civil, por medo ou por outra cousa, non quixo facilitar armas aos que en nome de todolos antifeixistas baixamos ao goberno a pedirllas. Agora que se foda!… Ben seguro que Celso se arrepentiu despois de ter escrito esta última frase, porque o gobernador, Gonzalo Martín March, sería fusilado en setembro. A carta continúa: Non me escribas polo de agora porque é moi probábel que marche para outra aldeia de Ramirás onde teño uns parentes. E concluía: Hoxe máis que nunca: MORRA HESPAÑA! Teu e de Galiza”.

Intervención de Luís Gonçales Blasco.

Gonçales Blasco deu lectura a uns poemas do Longa Noite… e pediu que se reproduzan na cela do Mosteiro onde estivo preso. Iniciativa que o Comité apoia e reivindica. Narrou tamén o episodio da detención do poeta nos meses que estivo no exército franquista durante unha visita a Celanova.

“Celso estaba de permiso na casa por unha enfermidade da nai, que en canto chegou o fillo mellorou rápidamente. Celso, que era amigo de festas, foi celebrar aquilo saíu cuns amigos e, axudados polo viño, acabaron dicindo cousas que naquel tempo non estaban ben vistas. Se cadra, apareceu por alí algún Viva Rusia! E como había xente que prestaba orella, denunciárono. E a denuncia chegou ao gobernador militar de Ourense, que dixo: ‘A este que me lo fusilen en la plaza del pueblo’. Celso conta este episodio no libriño A Taberna do Galo. Prendérono e a familia púxose en movemento, sobre todo o seu irmán Gumersindo, xefe da Falanxe local e unha figura importante na Falanxe en Ourense. Conseguiron que saíse libre aos tres días, mais pasou eses tres días supoño que con bastante medo, condenado a morte, nesa cela de pedra”, contou Gonçales Blasco.

NACIONALISTA E COMUNISTA

E rematou expoñendo a traxectoria política de Celso Emilio, insistindo nalgunhas precisións. “Celso foi colaborador e simpatizante do PCE, pero nunca chegou a ser un militante. Cando chega o ano 63, e isto cóntao Ferrón, a Celso abríanselle tres camiños: un era a chamada do PCE, outro era a chamada do Partido Socialista Galego, que viña de se fundar baixo o patrocinio de Ramón Piñeiro e que logo mudaría moito da man de Beiras, que o transformou nun partido marxista, e o terceiro era a UPG”, dixo.

Após de dar lectura ao Romance Eleutoral do Cego de Trasmiras, co que Celso fixo campaña nas eleccións de 1997, militando no PSG e facendo parte da Candidatura Democrática Galega, Gonçales Blasco contou como Celso Emilio se afastou da UPG cando “recibiu unha visita en Madrid de dous mozos que, en nome da organización, lle esixiron que abandonase o seu traballo no Ateneo e se integrase nunha célula. Coñecendo a Celso, era de esperar a resposta: mandounos á merda”. No coloquio co público, o autor lembrou unha das últimas veces que viu a Celso Emilio, foi despois dun acto en París no que participaron outros poetas. “E díxome: ‘Eu sigo sendo nacionalista e comunista”. Pasaran 46 anos desde que, xunto a Pepe Velo e outros fundara as Mocidades de Celanova; a guerra, o cárcere, o exilio interior, o exilio exterior, Caracas, o regreso, Madrid.

Celso Emilio morreu en Vigo o último día de agosto de 1979. Está soterrado en Celanova, xunto a Moraima, e aquí, na súa terra, hai un lume que nunca se apaga.

Presentación de Xabier Ferreiro.
Gonçales Blasco e Carme, con membros do Comité na pintada do Adiante Semanario.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario