Na páxina web de Nomes e Voces, os investigadores do Grupo Histagra, encargado da coordinación dos traballos na fosa dos asturianos no cemiterio de Celanova, acaban de facer públicos varios informes da intervención “na procura dos restos de Abelardo Suárez del Busto, Alfonso Moreno Gayol, Baldomero Vigil Escalera Vallejo, Belarmino Álvarez García, Guillermo de Diego Álvarez, Marcelino Fernández García e Mariano Blanco González”.

Son accesíbeis neste momento o Informe Histórico final, o Informe da Intervención Arqueolóxica e o Informe Antropolóxico Forense, que se poden consultar en formato PDF na seguinte ligazón:

http://fosas.nomesevoces.net/lugares/fosas/30/fosa-no-cemiterio-de-celanova

Nas próximas semanas, publicaranse tamén os resultados da Análise Xenética levada adiante polo Laboratorio de Xenética Forense da USC.

As execucións

Subliñamos aquí o relato que se fai no Informe Histórico das execucións (páx. 13-15):

«As dilixencias de execución, da sentenza a pena de morte que recibiron as sete persoas que buscamos, en diferentes xuízos, coinciden en que a orde provén por parte do capitán asesor da Comandancia militar de Ourense, dada o día 21 de setembro de 1939 ao xuíz instrutor, José Bernabé Gijón. Nelas indica, por un lado, a hora e o tempo que debían “estar en capilla” os penados e, por outro, que o comandante xefe da Bandeira de Fet de las Jons de Marruecos debía determinar o lugar da execución e as forzas que debían formar parte do batallón de fusilamento. Francisco Hernández Recio foi o tenente que formaba parte da Bandeira de Fet de las Jons de Marruecos nomeado como xefe do pelotón de execución, que tería lugar nas tapias do cemiterio.


Para levar a cabo a orde recibida, o xuíz instrutor nomeou como secretario das actuacións ao falangista da Bandeira de Marruecos, Javier Aznar Acebo. O médico da Bandeira e o capelán da prisión foron citados polas autoridades militares “quedando advertidos de que los reos entrarán en la Capilla que se instalará en el Cementerio de esta ciudad (Celanova) a las cuatro horas de esta madrugada”.


Posteriormente, como parte das dilixencias efectuadas dos sumarios, o secretario, Javier Aznar, recolleu a descrición do asasinato efectuado “a las siete horas del día veintidós de septimbre de mil novecientos treinta y nueve, a mi presencia y a la del Sr. Juez, han sido pasados por las armas”. Unha vez, “hecha la descarga por el correspondiente pelotón, el médico, Francisco González del Rey, certificó la defunción”.


Posteriormente, o xuíz ordenou que se oficiara ao encargado do cemiterio, Camilo González, para que dese sepultura aos cadáveres, “participando los lugares de enterramiento” e, ademais, que se oficiara ao xulgado municipal para que inscribira as correspondentes defuncións. Nelas consta que faleceron “a consecuencia de hemorragia interna y externa producida por disparos de arma de fuego”.


O mesmo día da execución, o 22 de setembro de 1939, o encargado do cemiterio, Camilo González, informoulle ao tenente da Bandeira de Marruecos que as sete persoas que buscabamos foran enterradas no cemiterio de Celanova, en fosas numeradas localizadas na “franja de terreno comprendida en el aire oeste de la parte nueva del cementerio y en frente al panteón de Don Isauro López Montero de esta Villa”.
Xusto un día despois, a Bandeira de Fet de las Jons abandona Celanova por orde superior…»

Esta é a ficha técnica da fosa:

Localización

Localidade: Celanova. Concello: Celanova. Provincia: Ourense.
Outras referencias: A fosa atópase localizada nun espazo de xardín sen cimentar dentro do cemiterio

Características

Outras denominacións: Fosa de Celanova.
Nº persoas enterradas: 7.
Baldomero Vigil Vallejo
Marcelino Fernández García
Guillermo de Diego Álvarez
Alfonso Moreno Gayol
Aberlardo Suárez del Busto
Belarmino Álvarez García
Mariano Blanco González
Tipoloxía do asasinato: Execución.
Cronoloxía: 1939
Outras referencias: Os asasinados procedían de Asturias e foron asasinados tras sentenza en consello de guerra.

Estado

Intervención: Si.
Data da intervención: 2022.
Entidade promotora: Secretaría de Estado de Memoria Democrática; Xunta de Galicia e Universidade de Santiago de Compostela.
Propiedade do terreo: Eclesiástica.
Memorialización e sinalización: Sinalizada polo Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova cos nomes dos asasinados, así como con fotografías de dous deles.

Categorías: Documentos

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario