«Non me matedes que deixo sete fillos e todos xuntos collen nun cesto”, berra Celso Pérez Enríquez na camioneta que o conduce ao Furriolo, probablemente un dos lugares do país onde hai máis presos soterrados. Alí foi fusilado e metido nunha foxa común xunto a outros correlixionarios, nunha hora indeterminada entre o 17 o 19 de agosto de 1936.

✍️ Autor: Manuel Veiga.

Celso é un de tantos, pero a súa morte ten algo máis de exemplar, pois é home coñecido e respeitado en toda a bisbarra. Ten 51 anos e sete fillos. Carlos Pereira, un dos seus netos, lembra que sendo un mozo, xa nos últimos anos do franquismo, percorría as festas da contorna e en moitas casas era convidado por xente descoñecida só por ser descendente de Celso de Poulo, como lle chamaban ao seu avó.

Celso Pérez non fuxira dos matachíns. Cando chegou a buscalo un grupo de uniformados, aos poucos días do alzamento militar, anda nos arredores da súa casa. Os falanxistas recreáronse pasando os canos das súas pistolas polas tempas da súa muller preñada. Donilda Pereira, e polas dos sete fillos, que ficaban axoenllados na solaina da casa.

Celso é un home liberal, conta cunha boa biblioteca e está especialmente dotado para os negocios como xa demostrara na súa época de emigrante en Porto Rico. Na súa tenda, El Recreo Obrero, hai de todo: tecidos, ultramarinos, mineral para as leiras, materiais de construción, ferre-tería, calzado. Fornécese de produtos cunha furgoneta alugada na que vai dúas veces á semana a Ourense (camioneta que será lembrada por Méndez Ferrín en ‘Arraianos’). Tamén se abastece por vía férrea na estación de Filgueira, onde recebe material dende Vigo. Hai días nos que diante do seu comercio se amorea a xente para mercar, até trinta carros con cadansúa xugada de bois, de Cortegada, Arnoia, Leirado, Ramirás e Cartelle. Moitos dos produtos dos que dispón non se atopan nin en Celanova. Celso tamén fai empréstamos sen interese de pequenas cantidades de diñeiro, lembra o seu fillo maior, Enrique Pérez, préstamos que dan para cebar un porco ou para calquera outra necesidade, nunha comarca superpoboada e empobrecida polas condicións impostas polos poderes. É o caso, por exemplo, do cura, Eladio Garza, que obriga a todos os veciños a traballar para el a cambio de indulxencias divinas.

Celso non é home adicado nin entregado á política, pero as súas ideas avanzadas e a súa preocupación polo progreso da zona, lévano a relacionarse cos que teñen algún papel importante na vida política da provincia sempre que visita Ourense. Ademais, por causa do traballo, traba trato con moitas das familias de comerciantes da capital, Román e Saco, Remedios, Campos, Fábrega, Aguirre ou Bernabé Vecino. Estamos nos anos da República, anos de liberdade e debate político e acceso á cultura, despois dunha Restauración que chantara as raigames do caciquismo e da ditadura de Primo de Rivera, que acabou desfeita por non dar cabida á vitalidade social e ás necesidades do novo século.

Na casa de Celso fai noite canto político progresista anda de paso pola bisbarra, dende Bóveda, Castelao e Risco, até Manuel Suárez da UGT ou Ánxel Romero, deputado en Cortes de Izquierda Republicana por Ourense. Celso é simpatizante da ORGA e do Partido Galeguista. Aínda que non milita, ten claro que “algo hai que facer” e presta a axuda que pode a todos os que procuran algún avance social, caso da Sociedade Agraria de Gomesende, que poñen a funcionar varios veciños recén chegados de Norteamérica. É o caso de Manuel Rodríguez, O Calado, e doutros amigos e clientes de Celso. Nesta organización comezan a dicir que o cura Eladio Garza ten que pagarse quere que traballen para el, e algúns barallan a posibilidade de facer un cemiterio laico. Axente vai espelindo o medo á autoridade do crego e este, ante a deserción de fregueses, acaba por marchar en 1935 para a parroquia de San Paio (A Bola). Entre a oligarquía conservadora que se incomoda co curso dos novos tempos está tamén o médico de Gomesende e algúns cobradores da contribución, que serán os primeiros en enrolárense na Falanxe. Arturo, outro fillo de Celso, lembra que nas eleicións de 1936 quixeron dar o ‘pucheirazo’ en San Lourenzo.

O colexio abríase, os caciques abrían unha botella de coñac, facían as actas e en media hora os comicios remataban. Mais desta volta hai varios interventores de Izquierda Republicana, que se opoñen. Arturo lembra este feitos por-que, aínda que só tiña catorce anos, tocáralle levar os bocadillos. Por alí pasaron Alberte Vilanova (catedrático que logo padecería máis dunha década de presidio e que sería soterrado en Celanova en 1984, envolto na bandeira republicana), os deputados en Cortes Ánxel Romero e Manuel Martínez Risco, xunto con Alexandre Bóveda. Todos foron expulsados a patadas polos caciques sen que o ‘pucheirazo’ puidera ser evitado.

Alcalde e deputado provincial

Con todo, a vitoria nas eleicións locais do 36, en España e en Galicia, é para a Frente Popular. O 16 de marzo, o novo gobernador de Ourense nomea alcalde de Gomesende a Celso Pérez Enríquez. O día 23, o Pleno da Deputación designábao deputado polo distrito de Celanova e Bande, así como representante da Xunta Provincial de Transporte. Pouco tempo había de ocupar estes cargos. O 20 de xullo os militares asaltaron a Deputación durante unha reunión e retiveron aos deputados. Celso non chegou a casa até a noite, cun salvoconduto que lle entregaran os sublevados. Convencido de que non lle pasaría ren, mal imaxinaba que tres días despois ía chegar á súa casa un autobús con gardas de asalto no que xa viñan detidos outros veciños, entre eles o médico e alcalde de Arnoia, Pepe Meixengo, que daquela contaba só 25 anos. Os falanxistas revolveron toda a casa, destruíndo e requisando moitos produtos da tenda. Do grupo de sublevados formaban parte José Luis e Antonio, do Pazo dos Loureiros de Cortegada, un dos cales cursa-ra estudos con José Antonio Primo de Rivera.

Os dous chegaron a ocupar altos cargos durante o franquismo, cousa que non lle impediu, máis ben ao contrario, exercer o ‘estraperlo’ nos primeiros anos da posguerra. Antonio dos Loureiros díxolle á muller de Celso que non se desasosegase, que ao seu home non lle ía pasar nada.

Celso foi levado á prisión de Ourense, de onde pasaría ó mosteiro de Celanova, convertido xa na altura, nunha das cárceres máis importantes do franquismo, e onde viviron os seus derradeiros días tantos presos. En canto Celso estivo preso, os falanxistas visitaron de novo a súa casa, unhas veces pedíndolle diñeiro á súa dona a cambio da vida do seu home, e outras para facerse con todo o que atopaban. Entre o 17 e o 19 de agosto do 36, Celso de Poulo foi asasinado no Furriolo, en terras arraianas, xunto con outro grupo de presos, e alí mesmo foi soterrado nunha foxa común. A familia soubo da morte o día 20. As sacas e os paseos abran-guían unha media de 12 persoas diarias que nunca voltaban. O 1 de outubro, o anterior crego de Poulo, Eladio Garza, díxolle á familia onde estaba soterrado Celso. Na foxa separaron o seu corpo do mestre Eduardo Villot o outros tres máis, e levárono ó cemiterio de Sorga (A Bola) e enterrárono alí nunha caixa de cinc, na baixada do Furriolo cara Celanova. Alí repousaron os seus restos até 1981, cando xa chegada a democracia, e coa axuda do sacristán de Sorga, a familia desterrou os seus restos. Celso conservaba uns zapatos en bon uso e o seu cráneo presentaba con claridade a marca dos disparos. De alí foi trasladado ao cemiterio de Poulo, onde repousa hoxendía.»

Nota publicada na revista ‘Arraianos’, nº 3 (primavera 2005).


📷 A imaxe que ilustra o texto é da publicación de ‘Arraianos’. Abaixo: fotografía da exhumación dos restos do Celso.

Categorías: Vítimas

1 comentario

Levárono o Furriolo e non se volveu saber del – memoriacelanova · 19 Xaneiro, 2021 ás 10:13 p.m.

[…] (cfr. por exemplo, A Nosa Terra, 26-VIII-1998 con relación á recuperación do cadáver de Celso Pérez Enríquez [páxina 42]), e mesmo testemuñas directas que acudían a ver ós seus familiares presos que […]

Deixa una resposta a Levárono o Furriolo e non se volveu saber del – memoriacelanova Cancelar a resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario