O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova informa de que esta semana foron localizadas outras dúas familias dos asturianos presos na Prisión Central de Celanova e asasinados por un pelotón de fusilamento da Bandera de Falange de Marruecos a mañá do 22 de setembro de 1939 contra o muro oeste do cemiterio de Celanova.

As familias foron localizadas grazas a unha investigación da Dirección General de Memoria Democrática do Goberno de Asturias que dirixe Begoña Collado Villa e á mediación dunha xornalista da Radio Televisión Pública de Asturias, Patricia Martínez, que esta semana contactaron con familiares de Mariano Blanco González e Baldomero Vigil-Escalera Vallejo.

Oitenta e tres anos despois daqueles asasinatos, e recuperados os corpos dos 7 en decembro de 2022, foron identificados mediante probas de ADN e entregados as súas familias, os restos de Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez Del Busto que xa descansan en panteóns familiares en Xixón.

Mariano Blanco González tiña 36 anos cando foi fusilado aquela mañá de setembro do 39 no cemiterio de San Breixo. Era membro da CNT, secretario xeral do Sindicato de Artes Gráficas asturiano, e secretario de redacción do periódico CNT (diario confederal). Participara na Revolución de 1934, marchou a Zaragoza e regresou en 1936. Segundo a documentación do consello de guerra, era “persona imprescindible en la retaguardia roja; llegando a desempeñar el cargo de consejero municipal” en Xixón. Foi prisioneiro no mar, no buque Llodio, o 21 de outubro de 1937, desembarcado en Cedeira e trasladado a Camposancos, onde foi sometido a xuízo en xullo de 1939 xunto a Ángel Rimada Rodríguez, Manuel Miguélez Rodríguez, Eloy García González, Baldomero Vigil-Escalera, Benito Reinares Hervias, Abelardo Suárez del Busto, Isolino Hermo Blanco, Benjamín Espinedo Álvarez e Bernardo Cabañas Pedrayes.

Naquel xuízo houbo seis condenas a morte: para Ángel, Baldomero, Benito, Abelardo, Benjamín e Mariano. Os seis foron trasladados á Prisión Central de Celanova a finais de xaneiro de 1939.

Baldomero Vigil-Escalera Vallejo tiña 19 anos cando foi fusilado. Era membro da CNT, no se expediente figura como pintor de oficio e traballador da Fábrica de Gas. Na caída de Xixón foi preso no buque Gaviota o 20 de outubro de 1937, e condenado a morte en Camposancos na Causa 5597 (polo número de expediente do encausado Ángel Rimada).

Mariano, Abelardo e Baldomero morreron aquela mañá do 22 de setembro xunto aos outros catro (Marcelino, Alfonso, Guillermo e Belarmino). A Ángel, Benito e Benjamín conmutóuselles a pena de morte o 26 de setembro de 1939. Recibiron a comunicación en Celanova en febreiro de 1940.
Agora, oitenta e catro anos despois, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova puido poñerse en contacto con familiares de Mariano Blanco González e Baldomero Vigil-Escalera Vallejo. En concreto, cunha bisneta do primeiro (Brenda) e cunha sobriña do segundo (Pilar). Ambas mostraron a súa disposición a someterse ás probas de ADN en contacto con Fernando Serrulla, antropólogo forense que fai parte do equipo coordinado por Histagra que se encarga dos traballos ao redor da fosa dos asturianos de Celanova.

O Comité seguirá na procura de familiares dos outros tres homes cuxos restos foron rescatados:

Alfonso Moreno Gayol
Belarmino Álvarez García
Guillermo de Diego Álvarez.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova agradece o compromiso e a colaboración da Dirección General de Memoria Democrática do Goberno de Asturias e tamén da xornalista Patricia Martínez, da Radio Televisión Pública de Asturias, neste labor.

EN PRENSA

☑️ Nós Diario
https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=pfbid0sExjXbWnv4aEHtR1G5QPJaMDETiCttKa5uJp9zrEX4JajN5Q3RqhzU5x3tiY6cLJl&id=100064736767519
☑️ Radio Televisión Pública de Asturias
https://www.rtpa.es/noticias-sociedad:Alcontraos-otros…
☑️ Galicia Confidencial
https://www.galiciaconfidencial.com/…/243207…
☑️ Faro de Vigo
https://www.farodevigo.es/…/localizadas-familias-siete…
☑️ El Comercio de Gijón
https://www.elcomercio.es/…/localizan-familiares-dos…
☑️ Galicia Press
https://www.galiciapress.es/…/4472762-comite-memoria…
☑️ Tercera Información
https://www.tercerainformacion.es/…/localizadas-dos…/
☑️ La Voz
https://www.lavozdegalicia.es/…/0003_202310O13C4998.htm


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario