O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Concello de Verea solicitarán ao Ministerio da Presidencia a declaración, ao abeiro da Lei estatal 20/2022, de 19 de outubro de Memoria Democrática, en particular aos artigos 49 a 53 na Sección 4ª do Título II, como Lugar de Memoria da Poza das Ras, en Verea, o espazo á beira do río Ourille onde o 29 de agosto de 1936 foron asasinados por elementos sublevados contra a República os mestres Julio González e Amadeo López, o chofer Silvio Torres e o farmacéutico Eloy Romero, e expostos publicamente os seus cadáveres.

“El procedimiento de declaración de Lugar de Memoria Democrática podrá incoarse de oficio por la Dirección General competente en materia de memoria democrática, o a instancia de entidades que promuevan y difundan la memoria democrática. En este caso, la solicitud incluirá como mínimo la identificación del bien, así como de los valores materiales, históricos intangibles o simbólicos que justifican su declaración, y en el caso de patrimonio material, su delimitación cartográfica con sus correspondientes coordenadas geográficas”, sinala o artigo 50 da Lei.

“La Transición democrática derrotó a las víctimas por segunda vez, al convertirlas de nuevo en víctimas del silencio y del olvido. Esta hábil operación cosió eficazmente el tejido social y no pudo ser contrarrestada por una minoría de historiadores que, una y otra vez, contra viento y marea, se esforzaban por resucitar de ese forzado letargo el pulso de la memoria. (…) El derecho a la verdad, a la justicia y a la reparación deben estar presentes en cualquier proceso de superación de un pasado lleno de violaciones de los derechos humanos. No puede cimentarse el futuro sobre un pasado sin restañar. (…) Es absolutamente imprescindible la apuesta por la memoria histórica y el combate contra la amnesia colectiva que propugna el opio de las conciencias, borra la memoria y siega la capacidad de transformación socio-política”, advirte o historiador e profesor emérito da Universidad de Deusto Xosé Estévez no limiar do seu último ensaio Galeuzca, la periferia contra el páramo (2023), presentado este verán en Celanova.

Mestres e militantes republicanos

En agosto de 1936, na Poza das Ras foron tiroteados até a morte, e abandonados alí os seus corpos para espallar o terror entre a veciñanza, Julio González Álvarez, de 25 anos, natural de Verea e mestre en Gontán (Verea); Amadeo López Bello, de 32 anos, natural de Carballeda de Avia e mestre en Beiro (Carballeda de Avia); Silvio Torres Díaz, de 23 anos, natural de Ourense, chofer de profesión e veciño do Couto (Ourense); e Eloy Romero Luis, de 28 anos, natural de Vilardevós e farmacéutico en Leiro, que fora presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense.

Orde do corpo de Carabineros de Ourense para a posta en liberdade de Amador e Julio o 27 de agosto de 1936.
Orde de posta en liberdade de Eloy e Silvio, o 28 de agosto.

“A proclamación da Segunda República permitiu desde o primeiro momento ir tomando medidas encamiñadas á democratización da educación e da cultura, considerándoas asunto de Estado. A Constitución democrática de 1931 establecía que o servizo da cultura é atribución esencial do Estado, e prestarao polo sistema de Escola unificada; ensinanza primaria gratuíta e obrigatoria, educación para todos, laica, en réxime de coeducación, activa –fará do traballo o eixo da súa actividade metodolóxica– e inspirada en ideais de solidariedade humana. A Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO) reflectía estes principios resumidos na portada da súa revista mensual, como evidencia de que o Maxisterio de Ourense era un dos piares nos que se asentaba o cambio educativo e social”, escribe o profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Cid en “Proxectos educativos na Segunda República. Educación, República e represión: 75 aniversario da utopía republicana”, faladoiro recollido nas Actas do III Congreso Manuel Luís Acuña, celebrado en 2006 na Pobra de Trives, publicadas no 2008.

Julio e Amadeo eran membros de ATEO (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense) e tiveran militancia política.

Amadeo comezou a súa militancia no Partido Republicano Radical Socialista (PRRS), e foi presidente da Asociación Agraria Radical-Socialista de Beiro. O Partido Republicano Radical Socialista fundouse no cárcere Modelo de Madrid en 1929 por presos políticos da ditadura de Primo de Rivera, entre eles, Marcelino Domingo e Álvaro de Albornoz, que chegarían a ser ministros dos primeiros gobernos de Alcalá Zamora e Azaña. Desde o goberno, o PRRS impulsou reformas agraria e educativas así como a laicidade do Estado.

ATEO fundouse en 1931, con Albino Núñez como primeiro presidente, a quen despois seguiron Evaristo Suárez e Luís Soto. Mantivo nos primeiros tempos unha composición plural, cos radicais-socialistas (Núñez), comunistas (Soto) e galeguistas (Manuel Luís Acuña). En 1933 integrouse na FETE (Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza).

A Poza das Ras, na actualidade.

Amadeo López Bello

Amadeo López Bello (imaxe cedida pola familia a través de Mateo Martínez).

Amadeo López Bello, mestre e socio de ATEO, fora xulgado xunto a outras cinco persoas(Antonio Alejos, Nonito Álvarez, Benigno Fernández, Benito Quinteiro e Victoriano Gómez) por “el delito de sabotaje y rebelión clandestina” en 1934. “Na madrugada do seis ao sete de outubro de 1934 producírase un corte na estrada Ribadavia-Beariz. Algunhas testemuñas acusaron a veciños da parroquia de Beiro como os autores materiais do suceso, entre os que se atopaba Amadeo López Bello. Diversas persoas ligaron o mestre coa sociedade agraria radical-socialista de Beiro, declarando incluso que os acusados sabotearan a estrada logo de estar escoitando a radio nun café de Leiro ata altas horas da madrugada, aínda que as probas non foron suficientes e os procesados resultaron absoltos. (…) En todo caso, no interrogatorio ao que foi sometido, Amadeo afirmou ter unha moi mala relación co párroco da aldea e cun propietario local. A súa relación co estamento eclesiástico era bastante tensa, pois consideraba necesario “destruir la vieja escuela, donde se vertían y vierten toda clase de doctrinas contrarias a la vida por maestros con espíritu medieval”. Así, todo apunta a que o contexto represivo desatado tras os sucesos revolucionarios de Asturias foi tamén empregado polas elites da comarca para desarticular ás sociedades agrarias e militantes contrarios aos seus intereses e, ao mesmo tempo, resucitar o sindicalismo católico”, relata o historiado Mateo Martínez no seu artigo “Amadeo López Bello e a revolución pedagóxica”, publicado en xaneiro de 2023 en Mazarelos. Revista de Historia e Cultura.

Amadeo, militante do Partido Republicano Radical Socialista desde principios da década dos 30, traballou na revista Escuela del Trabajo, vinculada á Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense (ATEO), e foi colaborador da revista Nós.

No verán de 1933 asistiu como representante da ATEO ao VI Congreso Internacional de Asociaciones del Magisterio organizado en Santander. E na primavera de 1934 participou na Semana Pedagóxica de Ribadavia cunha “lección práctica” do seu método pedagóxico con alumnos da escola de Beiro (Carballeda de Avia), na que traballaba, segundo lembra o historiador Mateo Martínez.

Naqueles meses casou coa mestra Concepción Viéitez Figueiredo, que sería depurada e desterrada despois do 36. Foi destinada a Vitoria. Regresou a Beiro en 1945. O fillo de Concepción e Amadeo vive en Vigo, xa xubilado como avogado. Os restos de Amadeo López Bello descansan en Ourense.

Traslado de Amadeao a Celanova o 29 de xullo de 1936. AHPO

▪️ ▪️ ▪️

Julio González Álvarez

Julio González Álvarez.

Julio González Álvarez tiña 25 anos cando foi destituído como mestre de Gontán (Verea) por unha orde do 12 de agosto de 1936. Julio aprobara a oposición en 1933 e tivera como primeiro destino a escola de Famelga, en Pontevedra, segundo relatan Porto Ucha e Vázquez Ramil no libro La escuela activa y el entorno (2017).

Julio era socio de ATEO e colaborador da revista da organización, Escuela del Trabajo, como o seu irmán José Benito. Este, once anos maior, foi mestre na Cañiza, onde deixou unha pegada fonda aplicando o método Freinet, impulsando un xornal escolar e participando activamente na vida política local onde foi tenente de alcalde coa república e fundador da Casa do Pobo. En Carballo (Verea) aínda fican en pe os muros do que foi a escola, tamén de inspiración freineteana.

Após o Golpe de Estado, Julio fuxiu a Portugal. Mais regresou aos poucos días a Santa María de Cexo, de onde era a familia, “unha familia de labradores con posibles para proporcionarles a sus hijos estudios de magisterio”, contan Porto Ucha e Vázquez Ramil, que lembran como as dúas irmas, Virginia e Áurea, tamén foron mestras, e esta última tamén foi depurada, como José Benito, polo franquismo.

A memoria veciñal mantén que Julio regresou. Non están claros os motivos. O caso é que Julio foi capturado (en Santa María de Cexo?), foi preso no cárcere de Celanova e foi sacado o 29 de agosto para ser asasinado xunto aos outros tres homes a primeira hora da mañá, segundo testemuñas, na Poza da Ras, en Ourille, en Verea, no mesmo concello no que naceu e no que era mestre.

No anuncio en prensa da súa detención e destitución, o Gobernador Civil ordena a súa destitución en base á información do Comandante militar, quen establece que Julio é un “elemento destacado del partido comunista” y “peligroso para el movimiento nacional por considerarle de acción”. E engade o Gobernador que o meste “inculcaba a sus discípulos ideas de subversión social, inclinándoles a la lucha de clases, con la característica de odio que tal propaganda significa, desviando en secuela hacia cauces de suma violencia las mentes infantiles”.

Non hai constancia de que Julio González Álvarez fose sometido a xuízo ningún. Tampouco, do lugar onde descansan os seus restos. Os sobriños de Julio, que na actualidade residen fóra da provincia, manteñen aínda lazos con Verea.

▪️ ▪️ ▪️

Eloy Romero Luis

Eloy Romero Luis.

Segundo o proxecto Nomes e Voces, Eloy Romero Luis foi “xulgado en Ourense por exaltación á rebelión co resultado de sobresemento e posta a disposición gobernativa”. No 2022, grazas a investigación do Comité, estableceuse a sorte que correra Romero Luis: cuxa partida de defunción está no Arquivo municipal do Concello de Verea e indica que o seu cadáver apareceu aquel 29 de agosto na Poza das Ras, o mesmo día e lugar das mortes de Julio, Amadeo e Silvio, a quen no 2009 o colectivo Arraianos xa rendeu unha primeira homenaxe.

Eloy Romero Luis tiña farmacia en Leiro no 36. Asiste por vez primeira a unha xuntanza do Colexio de Farmacéuticos de Ourense en 1932, mais non hai constancia da súa colexiación. Foi presidente do Colexio desde o 22 de xaneiro do 35, en substitución de Luis Fábrega Coello, presidente desde 1926 e, chegada a República, deputado en Cortes, alcalde de Ourense e presidente da Deputación.

Romero estivo á cabeza dunha xunta de catorce persoas, elixida “por aclamación”, con José Fernández Carnicero como secretario, Modesto Fernández Román como contador, Pedro Antonio López Calahorra como tesoureiro e dez vogais dos distintos partidos xudiciais [José Meleiro Fernández, polo de Celanova]. En 1936 foi reelixido, mais renunciou ao cargo.

Nun ensaio titulado Vilardevós, publicado por Galaxia en 1961, Silvio Santiago, un dos fundadores do Hogar gallego de Caracas, ao regreso do exilio dá noticia dunha familia que vivía na rúa da Fonte, en Vilardevós, que no ano da gripe (1918) perdeu á nai e o pai o mesmo día. Os catro orfos foron acollidos por un parente, Eloy Luis André, catedrático de psicoloxía falecido no 35 en Madrid. O maior dos rapaces, o Eloi, estudou para farmacéutico, conta Silvio Santiago, irmán á súa vez de Jacinto Santiago, mestre e militante do Partido Republicano Radical e director de La Zarpa, que foi sacado da prisión de Celanova en novembro de 1936 e apareceu morto, xunto a outras dúas persoas, en Vilariño Frío, no concello de Montederramo.

acinto Santiago coincidiu no cárcere de Ourense cuns mestres amigos seus, Amadeo López Bello e Elixio Núñez Muñoz, segundo conta o xornalista Juan Tallón na biografía de Jacinto publicada en 1998: Jacinto Santiago, escenario grotesco e exemplar. En outubro, Jacinto (co Elixio) é trasladado á prisión de Celanova e o 1 de novembro apareceu morto en Montederramo (tamén o Elixio). Segundo o seu biógrafo, Jacinto faleceu durante a viaxe, antes de facer parada en Ourense, onde recolleron outros presos que tamén serían asasinados ese día no mesmo lugar. Mais o cadáver continuou a viaxe cos outros e foi deixado alí, no lugar de Vilariño Frío.

Dous anos despois de ser asasinado, no verán de 1938, sobre a familia de Eloy Romero Luis caeu unha orde de incautación desde a Comisión de Incautación de Bienes de Orense, que tamén abre expediente a Benigno Álvarez, o veterinario de Maceda, militante do PCE, morto preto de Vixueses (Maceda) en marzo do 37 e paseado o seu corpo por falanxistas en carro pola cidade de Ourense. Eloy Romero Luis ten aínda familiares en Vilardevós, onde está enterrado, segundo indica a familia.

Ficha de ingreso no Cárcere de OURENSE de Eloy Romero Luis. O 29 de xullo de 1936. AHPO
Lista de tralados á Prisión de Celanova por orde do Goberno Civil de Ourense. Orde do 10 de agosto. Ingresan o 19 segundo as “Contas de alimentación” dese mes.

▪️ ▪️ ▪️

Silvio Torres Díaz

Silvio Torres Díaz era o máis novo dos catro asasinados. Tiña 23 anos. As referencias sobre a súa biografía son escasas. Era veciño do barrio ourensán do Couto e a profesión coa que aparece nos rexistros é a de chofer. Silvio tiña unha irmán un ano maior, Salud, que foi asasinada por falanxistas un ano despois que el, o 29 de outubro de 1937. O seu corpo apareceu na Lomba de Lamas (Xinzo de Limia) xunto ao de María del Valle. Ambas foran sacadas do cárcere de mulleres de Bande aquel mesmo día. Salud fora detida por pertencer á UXT, sindicato ao que tamén puido estar vinculado Silvio.

Salud e Silvio tiñan outros tres irmáns, un home e dúas mulleres. Os fillos daquel irmán viven hoxe entre Monforte e Ourense. Outros sobriños, fillos dunha das irmás, viven en Portugal. A familia tivo noticia dos traballos de intervención da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) en 2019 no cemiterio de Mosteiro de Ribeira, en Xinzo, onde posiblemente foron soterrados os corpos de María e Salud. Non se atoparon os restos.

A investigación sobre a biografía de Silvio aínda está por desenvolver. Mais a familia apenas ten datos. “Podían ser afiliados ao PCE, tanto el como Salud, pero nin sabemos o oficio do pai nin temos ningún outro dato deles”, explica un familiar.

Na entrada da Wikipedia aparece sinalado que era “militante do PCE”, e que “foi detido en abril de 1933 xunto con José Romualdo Iglesias por opoñerse a un desafiuzamento na rúa Dous de maio. Na folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido en outubro xunto coa súa irmá Salud por repartir panfletos instando aos soldados á rebelión. Volveu ser detido a principios de novembro como medida preventiva ante os rumores de folga”.

No recorte de prensa facilitado pola familia, recóllese a publicación da nova da detención dos irmáns en 1934.

▪️ ▪️ ▪️

Lugar de Memoria

Situación do espazo coñecido como A Poza das Ras, á entrada de Sabucedo (Verea).

“Que pudiésemos documentar la aparición de cadáveres en al menos sesenta de los por entonces noventa y cuatro ayuntamientos ourensanos demuestra cuánto hay de verdad detrás de la afirmación de que la utilidad política del terror sólo existe cuando se publicitan sus resultados, y de ahí el interés en que todo el mundo pudiese contemplar los cadáveres ensangrentados de los ‘enemigos de la patria’. Con ello se lograba, además, un efecto multiplicador resultado de la transmisión a través del ‘boca a boca’ de tan macabros hallazgos, mucho más efectivo incluso que la publicitación en la prensa de los primeros fusilamientos. En este contexto, las gentes se sentían impelidas a significarse en las muestras de adhesión al régimen, confiando así poder escapar de la muerte”, explica o historiador Julio Prada, en “Memoria da Longa Noite de Pedra. La represión franquista en Ourense, 1936-1939”, un artigo publicado no ano 2004 na revista Historia Actual Online.

Na sección 4ª do capítulo IV da Ley de Memoria Democrática regúlanse os lugares de memoria, “que terán unha función conmemorativa y didáctica” e para os que se crea un inventario “como instrumento de publicidade e coñecemento” dos mesmos.

Nas vésperas da homenaxe a cargo do Concello de Verea e do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova que se renderá aos catro republicanos asasinados, solicitamos a declaración como lugar de memoria e a súa conseguinte inclusión no inventario de lugares de memoria, da Poza das Ras, o espazo comprendido entre o vello trazado e a actual estrada OU-0206, atravesado polo río Ourille, na entrada sur da localidade de Sabucedo, parroquia de Ourille.

Cartel de Xosé Vizoso para anunciar o acto do 3 de setembro de 2023.

▪️ ▪️ ▪️

Referencias

CID GALANTE, Rosa María. Concepción Vieitez Figueiredo. Blog Historia das nosas mulleres ourensás. 31.07.2022

CID FERNÁNEZ, Xosé Manuel. Proxectos educativos na Segunda República. Educación, República e represión: 75 aniversario da utopía republicana. Actas do III Congreso Manuel Luís Acuña / Xoán Carlos Domínguez Alberte e Xosé Manuel Cid Fernández (ed. lit.), 2008.

DE LOS RÍOS CONDE, Alexandre. Las mártires de Xinzo de Limia, asesinadas por los franquistas en 1937: María del Valle Lozano y Salud Torres Díaz. Web Vía Lethes. 05.04.2020

DÍAZ FOUCES, Óscar. Repressão franquista e resiliência civil: o processo de depuração do mestre republicano Manuel Vidal Portela. Murguía: revista galega de historia, Nº. 41-42, 2020, págs. 123-151.

ESTÉVEZ RODRÍGUEZ, Xosé. Galeuzca, la periferia contra el páramo. Editorial Narrabalde (2023).

FLEIRA QUINTAS, Laura. Aportación a la historia de la farmacia en la provincia de Orense. Tesis doctoral dirigida por Juan José Torrado Durán, María del Carmen Francés Causapé. Universidad Complutense de Madrid (2015).

MARTÍNEZ TORRES, Mateo. Amadeo López Bello e a revolución pedagóxica. Mararelos, revista de historia e cultura.

PRADA RODRÍGUEZ, Julio. Memoria “da longa noite de pedra”: la represión franquista en Ourense (1936-1939). Historia Actual Online, Nº. 4, 2004.

PORTO UCHA, Serafín e VÁZQUEZ RAMIL, Raquel. La escuela activa y el entorno: Una aproximación a través de los paseos, visitas y excursiones durante la Segunda República. Ed. Andavira (2018).

SANTIAGO GARCÍA, Silvio. Vilardevós. Ed. Galaxia (1961).

TALLÓN SALGADO, Juan. Jacinto Santiago, escenario grotesco e exemplar. Editores: Ourense L. Rivas Villanueva (1998).

Ley 20/2022, de 19 de octubre, de Memoria Democrática.

Acceso web

https://www.exteriores.gob.es/Consulados/amsterdam/es/Comunicacion/Noticias/Paginas/Articulos/LEY-DE-MEMORIA-DEMOCRATICA.aspx

VÍDEO

Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica. Inauguración monolito na honra de María del Valle e Salud Torres. Mosteiro de Ribeira, Xinzo de Limia, 24 de novembro de 2019 [vídeo]. Acceso en YouTube: https://www.youtube.com/watch?app=desktop&v=rB9G9AoMDQQ 24.08.2023

A Poza das Ras.

DOSSIER (PDF)


1 comentario

Do Furriolo á Poza das Ras – memoriacelanova · 20 Agosto, 2024 ás 12:47 p.m.

[…] Amadeo, Eloy, Julio e Silvio (Poza das Ras, 29.08.1936) […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario