Ricardo Feijóo Varela, socialista de Cañón, concello de Celanova. Nunca cedeu dos principios, non agachou a cabeza en 1936. Na súa casa facía parada e fonda todos os fuxidos polo vieiro da raia seca (digamos, Lois Soto, digamos Xosé Velo). A dereita coriácea da bisbarra ollaba para el con odio, e, esperaba. Salvouse da masacre no 36; pero o monstro estaba á espreita. Ricardo mantívose con dignidade contra todas as cousas adversas”.

Así describe Xosé Luís Méndez Ferrín a Ricardo Feijóo Varela nun artigo publicado no Faro de Vigo hai vinte anos, en 2003, cando a familia do socialista de Cañón, que dera refuxio a Velo e canda el a Mariano Otero Castelao, conseguiu reparar a última aldraxe contra aquel home e a súa memoria e, de paso, comezou a abrir o suco da memoria en Celanova, da memoria pública, cidadá, republicana.

“Ao meu avó chamábanlle O Maus porque era moi hábil, tiña sona como carpinteiro. Cando morreu xa era un home maior: 74 anos. Deixou dous fillos de vinte e pico anos e viúva. Porque casara tarde. Despois de dar moitas voltas polo mundo. Emigrou a Cuba. E cando os EUA entraron na I Guerra Mundial e abriron as fronteiras, pasou a Florida, camiño de Alabama onde estaba traballando na construción dunha base militar cando rematou a guerra. Máis tarde estivo en Nova York e despois foi para a Arxentina. Ao principio dos anos vinte volveu para Celanova”.

Conta o neto, Hixinio Araúxo Feijóo. O familiar que no 2003 conseguiu recuperar os restos do avó dunha tumba extramuros do cemiterio parroquial de Celanova, onde a dereita coriácea o condenara intentando manchar a súa memoria. Foi unha exhumación privada, co apoio da sociedade civil, dun enterramento executado pola Administración franquista en 1949.

“Enterraron a Ricardo nun camiño, o Demo os confunda a todos. E alí se descompuxo a súa carne para escarmento dos vivos; ou estades coa Igrexa Católica e co Movimiento Nacional ou terminades enterrados coma cans nunha barronca. Así educaban eles ao enterrar a Ricardo nun camiño”, lembra Méndez Ferrín.

Os restos do Maus, exhumados en xullo de 2003, na tumba a extramuros do cemiterio.

Ricardo Feijóo Varela morreu o 22 de abril de 1949 na súa casa de Moreiras, na parroquia de Cañón, en Celanova. Morreu dun cancro. Era mestre de carpintería. Facía casas, galerías, escaleiras, portas, móbeis. Despois da guerra confiscáranlle todos os bens e tivo que pagar multa. Por riba, fixo traballos para o Concello e para Igrexa nos que non lle pagaron nin o traballo nin o material. Fixo, por exemplo, as portas da capela da Encarnación. No 36 fora detido, mais o avogado Francisco Lezón Vázquez das gadoupas dos falanxistas. Respondeu por el. Posteriormente tamén el foi detido.

Ricardo mantiña unha desavinza grande co cura da parroquia, José Montero. O Maus representaba un contrapoder ao poder da Igrexa. Mesmo ensinaba ler e a escribir na súa propia casa. Así que cando morreu, malia que a familia tiña sepultura no cemiterio de Cañón, fixéraa el mesmo, o cura dixo que alí non o enterraban. Nin dentro nin fóra do cemiterio.

O Concello mandou traer o cadáver a Celanova. Encargáronse diso para que á xente non lle dera por enterralo en Cañón. O alcalde era Manuel Rodríguez, un falanxista. O alcalde e o cura aparecen nesa fotografía de finais dos corenta, principios dos cincuenta co resto de autoridades no concello. Nas paredes hai un retrato de Franco e outro de José Antonio. Os marcos fixéraos O Maus.

Soterrárono cos pés cara ao muro exterior para que tivese a cabeza o máis separada posíbel do camposanto. Era un camiño na parte de atrás, onde se adoitaba enterrar tamén animais mortos. Ao enterro acudiu moita xente. Tamén moitos curiosos que non se atreveron a achegarse á tumba. Daquela os enterros eran de mañá. O del foi pola tarde.

As autoridades presionaron despois á familia para sacalo de alí. Pero a muller de Ricardo, Carmen Montes Rodríguez, insistiu que alí quedaba e mesmo dixo cando chegara o momento que a enterraran a ela con el. Pasados uns meses Carmen foi o concello pedir que lle fixeran un peche para evitar que os animais remexeran na tumba. Despois puxéronlle unha lápida que fixo un canteiro que se chamaba Cachafeiro, que era da parte de Pontevedra e fora tamén represaliado e acabou en Celanova. Foi o único que aceptou o encargo da familia.

A noticia daquel enterro difundiuse en Radio España Independiente (La Pirenáica) e en prensa portuguesa.

Rosa, a filla do Maus, e a arqueóloga María José Mateo, no 2003.

Os restos do Maus ficaron alí durante 54 anos. Carmen morreu, cumpridos os 101 anos, a principios de 2002. Enterrárona en Cañón na sepultura que fixera o seu home. Apenas uns meses despois, a familia conseguiu xuntar todos os permisos necesarios para a exhumación e reuniu un equipo de cinco persoas con experiencia na arqueoloxía, entre elas, o Hixinio, un neto do Maus, o fillo da Rosa.

O 11 de xullo de 2003, durante unha xornada de traballo, completaron a exhumación. Limparon o recito, abriron a tumba e toparon os restos. Escavaron con moito coidado para recuperar toda a información que puidera conservar a tumba.

Ao día seguinte, o 12 de xullo de 2003, soterraron os restos de Ricardo xunto aos de Carmen, en Cañón. Alí descansan xuntos desde hai vinte anos.

Foi a primeira vez na bisbarra que se recuperaron os restos dun represaliado a través dunha intervención arqueolóxica e se documentou toda a intervención. O Concello e a Deputación negáronse a participar, mais ningunha Administración nin tampouco a Igrexa negou os permisos que se se solicitaron.

Pasaron 20 anos e polo camiño o Estado aprobou dúas leis de memoria e no 2021 impulsou un plan de exhumacións que, un ano máis tarde, permitiu intervir no cemiterio de Celanova na procura dos restos de sete milicianos asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939 por unha unidade militar falanxista que vixiaba o cárcere de Celanova.

Entre finais de novembro e principios de decembro de 2022, un equipo de arqueólogos, forenses e historiadores documentou as historias daqueles mozos e rescatou os restos e a súa memoria dunha foxa común no medio do camposanto. Dúas familias recuperaron os restos de Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez Del Busto e leváronos para Xixón, onde xa descansan.

A filla de Marcelino, Josefa, que visitara varias veces Celanova na procura dos restos de seu pai, veu acompañada polos seus fillos a recoller as pertenzas e os osos nun acto que se celebrou o 22 de xuño de 2023. Só quixo saír nunha foto, con membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova. Na foto está tamén o Hixinio, o neto do Maus.

“Sabemos que sen as familias nada disto tería sido posíbel. Josefa teimou sempre. A nosa familia fixo o mesmo. Probablemente se ao meu avó non o tiveran enterrado aí, non se tería dado aquela intervención do 2003 e non se abriría o camiño que nos trouxo até esta”, di o Hixinio.

O cura José Montero (de pé, segundo desde a dereita), e o alcalde Manuel Rodríguez (sentado, cuarto desde a dereita) nunha reunión no Concello a finais dos corenta, principios dos cincuenta.

Ricardo Feijóo Varela estudou cos Escolapios no Mosteiro de Celanova. Marchou a Vitoria facer o servizo militar. Despois foise para Bilbao e estivo na Escola de Artes e Oficios. Alí coñeceu aos país de Alexandre Bóveda. O pai de Bóveda tamén era carpinteiro.

Despois de volver da emigración, casou e militou no PSOE. En Celanova había unha agrupación socialista forte. Foi avalista do alugueiro da Casa do Pobo. No 31, nas elección produciuse o “pucherazo” habitual, mais coa proclamación da República o Goberno Civil elixiu a corporación. Ricardo Feijóo Varela foi nomeado presidente da Xestora, que durou tres días. As dereitas repuxéronse e as protestas obrigaron ao Goberno Civil a convocar novas eleccións. Ganou a dereita.

No 36, despois do Golpe, foi detido na vila. Alguén intercedeu por el, e non o pasearon. Confiscáronlle todos os bens. En xullo do 38 recibiu unha notificación do Juzgado de Primera Instancia de Celanova impoñéndolle unha multa de 773,25 pesetas como sanción “en un expediente de responsabilidad civil” tramitado polo Juzgado especial de incautaciones y confiscaciones de Orense.

Antes de morrer aos 101 anos, a avoa, Carmen, pediulle aos netos que sacaran os restos de Ricardo daquela tumba e os levaran cos dela.

Traballos na tumba do Maus en xullo de 2003.

“A idea sempre tivemos. A tumba nunca estivo abandonada, como se dixo. Mais non viamos posibilidade de facelo porque era, digamos, un enterramento alegal. Ninguén nos deu unha solución: nin para incorporar aquel espazo ao cemiterio nin o Concello estaba polo labor de facer daquilo un cemiterio civil… e o asunto da exhumación era complexo”, explica o Hixinio.

Pero no ano 2000 a Asociación Pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) exhumou a fosa de Priaranza del Bierzo (León). O Hixinio púxose en contacto con Emilio Silva Barrera e a ARMH. Fórono asesorando. Solicitou permisos á parroquia de Celanova (propietaria dos terreos), e aos departamentos de Patrimonio e a Sanidade da Xunta de Galiza, e tamén ao Concello de Celanova.

“Foi a ARMH a que me aconsellou levar a historia aos medios de comunicación. Conseguimos que aparecese en La Voz de Galicia a través dunha reportaxe de Pablo González”.

Publicouse o 5 de maio de 2002 co titular El Concello de Celanova rechaza incluir la tumba de un socialista en el cementerio. O alcalde era Antonio Mouriño Villar (PP). O PSOE levou o asunto ao pleno da Deputación ese mesmo mes e o propio Antonio Mouriño, daquela tamén deputado provincial, criticou a demanda socialista asegurando que tiñan “un descoñecemento total” da tumba.

“A decisión de soterralo alí fora do Concello, non da Igrexa. Pero a resposta a cada escrito que presentabamos no Concello era a mesma: que iso non era responsabilidade deles. Lavábanse as mans. Nós o que pretendiamos era que a Administración dera unha resposta democrática á cuestión. Aquilo non podía pecharse cunha exhumación clandestina. Por iso pedimos todos os permisos. E tamén pedimos axuda á Deputación, para que axudase cos gastos. Non houbo resposta. Os permisos foron chegado entre finais do 2002 até o mesmo mes de abril de 2003 que chegou o do Concello. A Administración non axudou con nada”.

A familia encargouse de facer a investigación histórica e de reunir o equipo de arqueólogos e oficiais de arqueoloxía e contratar unha funeraria. O traballo permitiu entender que o mesmo enterramento tivera unha intencionalidade ao situar o corpo cos pes do lado do muro exterior e non a cabeza. Toparon os zapatos e un crucifixo que a muller metera na caixa. A filla, Rosa, confirmou que aquel crucifixo pertencera á nai.

“Foi como botar unha pedra nun estanque. Xurdiron ondas. E da tumba do meu avó xurdiu a conexión coa fosa dos asturianos”, lembra o Hixinio, hoxe secretario do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova. Vinte anos despois o Hixinio impulsou todo o proceso que rematou en xuño deste ano coa entrega ás familias dos restos de Abelardo Suárez Del Busto e Marcelino Fernández García, dous dos sete milicianos asturianos fusilados contra o muro exterior do cemiterio en setembro de 1939, dez anos antes de que, moi preto, soterrarán ao seu avó.

A tumba do Maus, despois da exhumación o 11 de xullo de 2003.

“Precisamente o día da exhumación dos restos do meu avó, a miña nai levoume dentro do cemiterio e indicoume o lugar onde foran enterrados aqueles mozos asturianos. Sabíase que moitos presos foran enterrados no cemiterio, pero pensábase que xa non quedaba nada porque fixéranse moitas novas sepulturas”.

Nos meses seguintes, naquel 2003, en Celanova organizouse unha homenaxe aos presos asturianos no cárcere do Mosteiro coincidindo co 60 aniversario do peche da prisión onde miles de persoas foran represaliadas. Creouse a asociación Arraianos, nun acto fundacional no propio cemiterio, que se dedicou a divulgación da memoria histórica e que, entre outras accións, levantou no 2006 o memorial do Furriolo, obra de Xosé Vizoso.

“Cumprimos o que nos pediu a avoa. Pero ademais conseguimos que o asunto aparecese nos medios e que se debatera nas institucións e que cada quen mostrase a súa posición”.

E abriron o suco da memoria en Celanova da man de amigos do Hixinio, o neto do Maus. Amigos aos que lle agradece o traballo, especialmente a Juan Carlos Castro, o arqueólogo que dirixiu aquela intervención, e a María José Mateo, falecida hai uns anos, que foi a persoa que sacou os restos e cando os topou aínda non sabía que un dos seus avós fora paseado e estaba enterrado nunha foxa na parroquia de Xinzo, en Ponteareas. Toparon os restos tres anos despois da intervención en Celanova.

“O que importa é o presente. Importa recuperar os restos, devolverllos ás familias, contar as historias e que se coñezan. Ese é o presente… para o futuro que veña”, conclúe o Hixinio, vinte anos despois daquel día en que abriron o suco.

GALERÍA DE IMAXES


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario