(Parte II: conferencia de Xosé Estévez presentando ‘Galeuzca. La periferia contra el páramo’)

Segunda parte do acto cos historiadores e profesores Xosé Estévez e Uxío-Breogán Diéguez en Celanova baixo o título de Xosé Velo, político.

Galeuzca. La periferia contra el páramo, publicado pola editorial Nabarralde, é un ensaio que recolle o contexto e a síntese dos sucesivos acordos asinados por nacionalistas catalás, vascos e galegos desde 1923 até 2019. Unha historia pola que desfilan algunhas das principais figuras políticas do século vinte nas tres nacións: Castelao, Bóveda, Aguirre, Telesforo de Monzón, Maciá, Batista i Roca… e na que tamén ten parte Xosé Velo, un dos impulsores do Galeuzca de Caracas en 1959 nun capítulo que leva por título: Independentismo, anticolonismo e obrerismo.

En 1933 o pacto Galeuzca elaborouse durante as etapas dunha viaxe de representantes nacionalistas polas tres nacións entre o 21 de xullo e o 12 de agosto.

Antes celebráranse actos destacados, como o 2 de abril no Frontón Euskalduna de Bilbao. “Por la tarde Castelao, Riera i Puntí y los dirigentes de la ANV viajaron a Gernika y ratificaron la propuesta de acuerdo tripartito, con una firma simbólica en el Álbum de la Casa de Juntas, el llamado Pacto de Gernika”, conta Xosé Estévez no seu ensaio. E continúa: o 16 de aquel mes, Otero Pedrayo, deputado do Partido Galeguista, foi un dos oradores no II Aberri Eguna en Donostia. En maio, observadores cataláns visitaron Euskadi respondendo a unha petición do PNV unhas semanas antes durante unhas conversas en Barcelona.

E despois veu a viaxe. Os expedicionarios vascos e cataláns partiron o 21 reuníronse en Ourense o día 23 de xullo. Celebrouse un mitin na sede do PG. Ao día seguinte houbo unha recepción no Concello de Pontevedra, pola mañá, e no Concello de Compostela, pola tarde. O 25 de xullo houbo un mitin ao mediodía xunto ao monumento a Rosalía na Ferradura da Alameda. Falaron, entre outros, Castelao, Suárez Picallo e Blanco Amor. Pola tarde asinouse o Pacto de Compostela, con Bóveda e Álvaro das Casas como representantes galegos. A viaxe discorrería despois pola Coruña e Ferrol, para seguir cara a Bilbao onde o día 31 celebrouse unha misa na Basílica de Begoña e o día 1, un mitin en Donostia. Xa en Nafarroa, houbo unha recepción no Concello de Lizarra-Estella e mitin en Tafalla con intervención de Das Casas. O día 2 de agosto deron un mitin en Lleida e o 4, en Tarragona pola mañá e en Barcelona pola noite. O 5 a expedición foi recibida por Maciá na Generalitat. Despois dunha semana de intensa actividade política, o 11, xoves, xantaron con Cambó e o 12, venres, cearon con Maciá. Aquela xeira serviu para establecer unha estratexia de coordinación entre as tres nacións para avanzar rapidamente cara unha estrutura federal do Estado.

As conferencias celebráronse na antiga cociña do Mosteiro de Celanova o pasado luns, día 31.

“Pero tras la euforia sobrevenía la calma y el Galeuzca comenzaría a dormitar en un lento nirvana de paulatina dejación”, resume Estévez no ensaio. Daquel Galeuzca de 1933 cúmprense estes días 90 anos, e para festexar a efeméride o historiador recompilou os textos de cada un dos pactos e redactou unha breve análise introdutoria do contexto no que se deu cada un deles.

“O movemento Galeuzca é un movemento de unión e solidariedade entre as nacións periféricas, Euskalerria, Galiza e Catalunya, para conseguir cotas de autogoberno, con sensibilidades que ían desde o autonomismo á independencia”, explicou Xosé Estévez durante a presentación en Celanova este pasado luns.

Despois do 33, os seguintes pactos asinaríanse xa no exilio. “No 41 en Bos Aires, un dos asinantes foi o propio Castelao e tamén un galego dos Peares, Rodolfo Prada. Entre o 45 e o 46 teño catalogados dez anteproxectos de pactos Galeuzca. Por que? Porque se pensaba que unha vez rematada a II Guerra Mundial, os Aliados derrubarían o franquismo e instauraríase unha república que os nacionalistas galegos, vascos e cataláns querían que fose federal. Mais o franquismo non caeu”, sinala Estévez.

“Ese contexto fixo que aquel Galeuzca de Caracas tivera unha configuración especial, que incluía o obreirismo, o anticolonialismo, e mesmo unha velada alusión á loita armada”

XOSÉ ESTÉVEZ

A seguinte xeira de pactos produciuse a finais dos anos 50 en Bos Aires e Caracas. “En Bos Aires porque xorde unha nova fornada de xente das Irmandades que toma o relevo dos vellos galeguistas”, lembrou Estévez. En xullo do 58, celebrouse un gran acto no Teatro Alvear, Tres Pueblos en pie, e fíxose público un acordo de cinco puntos insistindo no dereito de autodeterminación que, meses despois, a principios de 1959, serviría para confrontar cun memorando do Goberno republicano no exilio, presidido daquela por Félix Gordón Ordax, que transmitía certa ambigüidade cos Estatutos de Autonomía aprobados pola República.

“O Galeuzca respondeu cun comunicado reclamando o dereito de autodeterminación para Catalunya, Euskadi e Galiza. Mentres, en Caracas, estábase a preparar outro pacto no que interviu Xosé Velo, quen no so foi importante nas conversas senón que tamén foi designado como o responsable de crear uns comandos de acción. É dicir, aquel acordo xa prevía a posibilidade da loita armada”, indicou o historiador. “O DRIL está prefigurado alí, nese contexto internacional de emerxencia dos non aliñados, da revolución cubana e da proclamación por parte da ONU do dereito de autodeterminación, entre outros feitos. Ese contexto fixo que aquel Galeuzca de Caracas tivera unha configuración especial, que incluía o obreirismo, o anticolonialismo, e mesmo unha velada alusión á loita armada”.

Estévez, asinando un exemplar do seu ensaio. | FOTOS: DORES e HUMBERTO.

“Foron varias as oportunidades perdidas. E durante a Transición xa non houbo nada. Foi outra oportunidade como tiñan sido a da Primeira e a da Segunda República… Eu sosteño que se no 78 tiveramos un Galeuzca forte, cando menos se tería chegado a unha democracia federal”, dixo Estévez.

“O seguinte foi xa a Declaración de Barcelona, en 1998, que o que pretendía era crear no Estado español unha especie de cultura plurinacional de tal xeito que nun futuro se puidese dar a transición cara un sistema federal. O último intento foi no 2019, coa Declaración da Llotja, que asinaron todas as forzas nacionalistas das tres nacións agás o PNV”, rematou Xosé Estévez, quen para evitar “o ton épico do que as veces abusamos os historiadores”, concluíu coa lectura de dous poemas que Manuel Gandarillas lle dedicou ao Galeuzca e que foron publicados pola revista Euskadi de Chile en 1945.

¡No han nacido los déspotas que puedan fusilar a la vez tantos luceros!”, escribiu Gandarillas en Un canto entre llamas.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario