O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova rexistrou este venres no Concello de Celanova unha moción –documento en galería, abaixo– para o seu debate no pleno da corporación deste mes de marzo na que solicita que o Concello de Celanova que antes do 8 de agosto de 2021 retire o monumento franquista do Outeiro da Obra e cambie toda a sinaléctica oficial restituíndo o topónimo tradicional do lugar en cumprimento da Ley de Memoria Histórica.
O monumento levantado o 8 de agosto de 1939 por falanxistas é un elemento de exaltación do golpe de Estado do 36, da represión e da ditadura, situado a 595 metros da praza Maior de Celanova, nunha cota de 614, orientado cara o nacente e visíbel desde moitos puntos do casco urbano e da contorna. Está composto por unha plataforma de dous chanzos, un pedestal de dous corpos e unha cruz latina. Están labrados o escudo oficial do bando sublevado e o emblema de Falange Española, formado polo xugo e as frechas, así como a seguinte lenda: “A los combatientes de la parroquia de Celanova caídos por Dios y España”.
COMPROMISO DO ALCALDE. O Comité empezou a presentar esa semana o informe histórico aos distintos grupos da corporación municipal. O xoves, dous membros do Comité visitaron o alcalde, de quen obtiveron o compromiso de que poderán defender no pleno a moción a través do escano cidadán. O alcalde advertiu que vén de encargar pola súa parte un informe histórico, aínda que non indicou nin a institución nin os investigadores que se ocuparán de redactar o encargo.
A moción tamén inclúe a petición de que o Concello elabore un catálogo de vestixios, escudos, insignias, honras, placas e outros elementos ou mencións conmemorativas da sublevación militar, da represión e da ditadura franquista, tal é como obriga a Ley 52/2007, de memoria histórica. E reclama un acto de homenaxe e unha declaración institucional de desagravio aos concelleiros da última corporación municipal republicana de 1936 e aos funcionarios da institución municipal que foron represaliados.
1 comentario
"De que lado está o alcalde de #Celanova?" - Tercera Información -Tercera Información · 30 Marzo, 2021 ás 11:00 a.m.
[…] O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova rexistro a principios de marzo unha moción dirixida aos grupos que se pode consultar aquí. […]