Facebook bloqueou durante 10 anos a páxina do COMITÉ DE MEMORIA HISTÓRICA DA COMARCA DE CELANOVA (@memoria.celanova) despois de suprimir un post no que se lanzaba unha “alerta antifascista”.

O texto é o mesmo que o que publicou nas súas redes o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e que se distribuíu en Celanova o día da presentación dun libro (que branquea a figura dun falanxista e que publicado con cartos da Deputación de Ourense) na Fundación Curros Enríquez [ver abaixo o pasquín].

De feito, a denuncia foi un acto coordinado entre ambos Comités.

A única diferencia entre as publicacións é que na páxina @memoria.celanova advertíase desa “alerta antifascista”.

O pasado martes, día 25 de xuño, cinco minutos despois de suprimir ese post, Facebook eliminou a páxina do COMITÉ DE MEMORIA HISTÓRICA DA COMARCA DE CELANOVA, e até hoxe (unha semana despois) non recibimos resposta á nosa petición de explicacións.

Lembrámoslle a Facebook que somos unha asociación sen ánimo de lucro, legalmente constituída, e que traballa no ámbito dos Dereitos Humanos en colaboracións con outras asociacións e institucións públicas do Estado.

Descoñecemos as razóns que levaron a Facebook a nos privar dunha ferramenta básica na difusión do noso traballo e continuaremos reclamando a restitución da páxina, que non incumpriu ningunha das normas de publicación da rede social.

Solicitamos o voso apoio e a difusión desta petición.

E convidámosvos a seguir as informacións sobre a actividade de Comité a través de Facebook e Twitter (X) nas redes da web amiga adiante.gal: @adiante.gal (Facebook) e @adiante_gal (Twitter, X).


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario