RECLAMO A LIBERTADE PRÓ MEU POBO
Na memoria de Xosé Ramón Reboiras Noia
No vento de mazán que se desfraga
nos cons e pedregullo solar
de Cabo de Home e Punta do Cabalo de Fóra
reclamo a libertade pró meu pobo.
No meniño que dorme
no edredón dos teus ollos
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nas vellas mans agrarias,
nas loias amorosas dos estíos
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nos bicos acedísimos e tenros
dos meus fillos inmensos
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nos sangues artesáns que teño ardendo
en cada dedo meu;
nos finos labradores que aparecen agora no papel
levando chapeos pardos, panos de seda e zocas remontadas
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nos crepúsculos de anís
nos que se erixe a familia naval de Manoel Antonio
e pon, de arca e couso, pequeniños
lumes azuis e brancos de San Telmo
reclamo a libertade pró meu pobo.
Na angustia de arandela que te cerca,
nos marcos, portas, fechos, nos durísimos e sen luz
arames, non me torzo e
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nos tépedos infernos da túa boca, ferida
de comunión ao sol e ao viño máis adentro,
diapasón da verdade de pantrigo
e cumio do cabazo e da alborada boa
reclamo a libertade pró meu pobo.
Na cizaña, composición, feitura, debuxo ruin
de cada cerimonia de convenio colectivo
cegando o noso fogo metalúrxico
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nunha nena de seis anos que naceu en Basilea
e cantou pra min a Internacional en idioma galego e non
puiden rete-lo pranto e foi en mil novecentos
setenta e catro, e por ela
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nas muradellas de couselo e da violeta,
nas fonduras da carriz e dos fentos,
nos castros, calzadas e vieiros
(pedra do alén) pra sempre abandonados
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nos camiños fechados, nos abertos,
nos que levan ás casas dos homes nosos de cada día,
nos transportes por ferrocarril,
nos irmáns que gobernan as máquinas do mar
e os camións na alta noite,
reclamo a libertade pró meu pobo.
Na fogueira de Londonderry, en cada palabra,
en cada palabra do noso tío Ho Chi Minh, coma un ouriol
enchendo a tarde de luz nacionalista e líquidos
reclamo a libertade pró meu pobo.
Na sindical reconstrucción diaria
de cada cousa rompida e volta a endereitar,
na unión mínima dos homes darredor dun problema sórdido,
en cada petición en grupo,
en cada contubernio de mans dadas,
reclamo a libertade pró meu pobo.
Na casa dos meus avós arrecendente
a si propia, singular no mundo,
nos cabalos da serra e nos mineiros
de Lousame aquí vinte de Santiago,
reclamo a libertade pró meu pobo.
No estremecido uro das marés en guerra,
no arruallo do amor e na rapaza
perdida sen que fora nunca nosa
reclamo a libertade pró meu pobo.
No comer e no beber
en torno á ola da camaradaxe,
no sagro segredo en torno á pérola de luz clandestina,
no medo e na teimosa retesía en torno ao adverso
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nos loitadores de xofre e lume acedo,
nos difuntos endexamais vencidos,
nos que virán e son aínda lene bris e voz de melro
e portarán o ferro e darán a morte crara
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nos ríos, nas folgas, nas romaxes,
nas protestas nos muros, nos escritos,
nas gaitas, nas areas de Espasante acaso
reclamo a libertade pró meu pobo.
Nos emigrados, nos perdidos, nos presos, nos explotados,
nos que contemplan o devalar das augas
sen fin, nos que confían no meu partido (tuba de despertar
ou camiño que nunca se desanda),
nos que combaten e han de se-lo lóstrego
achaiador, neles poño a miña lingoa e descanso os meus ollos
e reclamo a libertade pró meu pobo.
e reclamo a libertade pró meu pobo.