A memoria de Amadeo López Bello, Eloy Romero Luis, Julio González Álvarez e Silvio Torres Díaz loce desde o domingo 29 de agosto, noventa anos despois dos seus asasinatos, con orgullo de ferro na Poza das Ras. As familias de Eloy, Julio e Silvio presidiron a inauguración da peza memorial deseñada polo escultor Xoán Torres Cidre, acto de xustiza simbólica impulsada polo traballo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova co firme compromiso do Concello de Verea, representados polo seu presidente Hixinio Araúxo e polo alcalde José Antonio Pérez Valado, respectivamente, que abriron os discursos con chamamentos á defensa da democracia e os seus valores e a continuar a investigación para coñecer máis verdade sobre aqueles feitos.
As familias, como hai ano e medio en San Breixo, como este pasado xuño nas xornadas de memoria e muller, como a semana anterior no Furriolo, tomaron a palabra e volveron ser o centro, a razón, da homenaxes. O Comité esfórzase por pechar a ferida: axudar ás familias a desvelar as historias dos seus e a reconciliarse con elas, e recoñecer todos a aquelas vítimas como heroes e rachar os estigmas.
Falaron familiares de Silvio e Eloy para agradecer o apoio do activismo memorialista e da corporación municipal de Verea -tamén estiveron presentes membros da corporación de Celanova: o alcalde e un concelleiro socialista; desta volta, o Subdelegado do Goberno desculpou a súa presenza-. Falou a familia de Julio, veciño de Verea, mestre en Gontán, concelleiro na última corporación republicana, irmán de Áurea, da que a familia falou en Celanova en xuño no marco da exposición sobre as presas e as mestras represariadas que estes días se presentou en Verea.
Falaron a través dos ollos de Angelita e do corazón de Aldara.
Angelita, filla de Virginia (a irmá maior de Julio González), sentou nunha cadeira a carón do Memorial -unha escultura cúbica de dous metros de alto- no lugar da Poza das Ras, onde a mañá do 29 de agosto de 1936 apareceran mortos, tiroteados, os corpos do Julio, do Amadeo, do Eloy e do Silvio, catro republicanos destacados. Dous deles mestres e membros da ATEO; outro, o que fora presidente do Colexio de Farmacéuticos da provincia; e o último, chofer, home de confianza do último gobernador civil republicano en Ourense.
Angelita asiste á homenaxe con certa emoción por ir vendo como se recupera, as poucos, sempre demasiado tarde, a memoria dos seus.
Esta mañá de sábado reúnense ao redor das familias dos homenaxeados medio cento de persoas para iniciar unha conversa ao redor do tótem, a escultura rotunda de Torres Cidre, que empeza a gañar o peso da memoria.
O ferro muda a paisaxe a medida que os versos de Baldo Ramos, de Rodríguez Fer, de Pimentel… e de Aldara, mestra ela tamén na tradición da familiar, golpean o memorial. O ferro muda el mesmo co reflexo das cores, a area, o ceo, co rumiar do regato e a brisa entre as árbores. Empeza a conversa, e Angelita sorrí levemente. A historia muda para volver falar verdades. O medo véncese, a mentira refútase, as paisaxes mudan. Canta o poeta:
“unha felicidade que agora dita estes versos e convoca os netos daquela esperanza
a carón do río que atravesa
a patria recuperada da bondade”.
É o rostro de Angelita, a palabra de Aldara, ferro sobre a ignominia:
“pensaron que a súa loita morrería
que con eles morrería a súa voz
que a memoria tamén desaparecería
e que o medo sería máis ca nós.
Pero non sabían
non sabían o que estaba por vir.
Pensaron que, matando o mestre,
morrería tamén a súa lección.
Pensaron que, roubándolle a voz,
morrería tamén a razón.
Non sabían que fariamos un mar con cada bágoa,
un océano con cada lembranza
que fariamos memoria con cada palabra
e da dor, resistencia e esperanza”.
Arredor do tótem na Poza das Ras a comunidade retoma a conversa co Julio, co Amadeo, co Eloy, co Silvio. Aquí está o fío. E o lugar e a peza no seu lugar.


















0 comentarios