A homenaxe a Celso de Poulo e a todas as vítimas dos paseos no Furriolo durante 1936 e 1937 celebrouse onte xunto ao Memorial do Furriolo (obra de Xosé Vizoso no 2006) coa presencia da familia do último alcalde republicano de Gomesende -asasinado hai 90 anos un 18 de agosto despois de ser sacado do cárcere de Celanova-, veciñas e veciños das comarcas da Limia e Celanova e membros das asociacións Amigos da República, Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Léronse poemas de Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luis Méndez Ferrín en lembranza das vítimas da barbarie, e tamén un texto dun amigo do Celso de Poulo, o Pepiño de Gomesende, que a familia conserva como o retrato máis prezado tras a morte dun home que era querido e respectado en toda a comarca, e que exercía como deputado provincial no momento do golpe de Estado e se mantivo leal á República. E por todo iso foi asasinado.

A familia agradeceu á veciñanza a mostra de respecto, animou o traballo dos colectivos de memoria, subliñou a oportunidade de contribuír á consolidación da data da Galiza Mártir, e reclamou verdade, xustiza e reparación para todas as vítimas.

As asociacións comprometéronse a reivindicar o recoñecemento do Furriolo como lugar de memoria e iniciar o traballo polo recoñecemento institucional do Celso de Poulo en Gomesende, onde noventa anos despois a súa figura segue sendo silenciada.

Participantes na homenaxe visitaron despois da celebración no Furriolo o cemiterio de Sorga, onde fora soterrado o cadáver do Celso recuperado dunha gabia pola familia e definitivamente rescatado a comezos dos anos oitenta para levar os restos a Poulo. En Sorga hai unha fosa documentada oficialmente, mais pendente de investigar para determinar as identidades dos que alí foron enterrados.

A respecto do Memorial do Furriolo, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova lembra que será necesaria unha nova rehabilitación despois de cinco anos desde a última, que fora emprendida no 2021 da man do autor, Xosé Vizoso (falecido o ano pasado) e financiada con fondos propios e a colaboración do Concello da Bola.

EN PRENSA

ourense xa.

nós diario.

LA VOZ DE GALICIA. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/celanova/2026/08/15/celanova-homenaje-celso-poulo-paseados-asesinados-furriolo/0003_202608O15C4996.htm

EUROPA PRESS. https://www.europapress.es/abonados/NoticiaAbonado?cod=20260819183341&ch=22&pag=4


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario