A exposición Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova, impulsada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, inicia a súa itinerancia polos concellos da comarca coa súa chegada ao Centro Sociocultural do Picouto (Ramirás), onde permanecerá aberta ao público do 27 de xullo ao 7 de agosto.

Tras a súa estrea no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, a mostra continúa agora –coa colaboración do Concello de Ramirás– o seu percorrido co obxectivo de achegar á veciñanza un proxecto que rescata da invisibilidade a historia das mulleres represaliadas durante a guerra civil e a ditadura franquista. A itinerancia polos municipios da comarca responde á vontade de devolver esta memoria aos lugares onde viviron moitas das súas protagonistas.

Comisariada pola historiadora Rosa Cid Galante e cun deseño gráfico de Adriana Pérez, a exposición reúne documentos inéditos, fotografías, expedientes oficiais e testemuños familiares que permiten reconstruír as vidas de decenas de mulleres silenciadas durante case noventa anos. O proxecto é froito de varios anos de investigación desenvolvida polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e conta co financiamento da Secretaría de Estado de Memoria Democrática.

A mostra estrutúrase arredor de dous grandes eixos. Por unha banda, recupera a historia das mulleres encarceradas na prisión de Celanova entre 1936 e 1938, convertida durante os primeiros meses do golpe militar nun cárcere feminino onde foron internadas nais, esposas e familiares de persoas perseguidas polo franquismo. Moitas delas padeceron humillacións, torturas e unha dura represión que marcou para sempre as súas vidas e as das súas familias.

O segundo bloque está dedicado ás mestras depuradas, vítimas da política franquista de eliminación do profesorado identificado cos valores da escola pública, democrática e renovadora da Segunda República. A través dos expedientes de depuración e da documentación conservada, a exposición reconstrúe as consecuencias persoais e profesionais que sufriron estas docentes.

NOS MEDIOS

FARO DE VIGO: Ramirás visibiliza y da voz a las mujeres silenciadas durante el franquismo.

OURENSE XA: La exposición ‘Presas y Maestras’ llega a Ramirás para recuperar la memoria de las mujeres represaliadas por el franquismo.

21NOTICIAS: A exposición Presas e Mestras chega a Ramirás en memoria das represaliadas polo franquismo.

OURENSE NA REDE: «Presas e Mestras» chega a Ramirás para recuperar a memoria das mulleres represaliadas.

TERCERA INFORMACIÓN: Exposición Presas e Mestras llega a Ramirás en memoria de las maestras represaliadas por Franco.

LA REGIÓN, 27.07.2026

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario