As mulleres de Celanova na represión franquista.

✍️ ROSA CID GALANTE

Nas III Xornadas Memoria e Muller de Celanova imos ter ocasión de escoitar testemuños que nos van chegar ao corazón. Seremos conscientes dun capítulo da nosa historia que, durante demasiado tempo, permaneceu sepultado baixo o peso do medo. Un capítulo escrito, con sufrimento e dignidade, por mulleres ourensás, as nosas avoas, bisavoas e veciñas. Hoxe imos escoitar o relato das mulleres falando das mulleres. Son voces en feminino de afouteza e resiliencia.

A historia adoeceu dun grande nesgo androcéntrico e, por moitos anos, ao falar da Guerra Civil e da ditadura franquista, aparecían unicamente os nomes dos homes: os fusilados, os encarcerados, os exiliados, expulsando dese relato as mulleres, que non eran consideradas obxecto de atención. Pero houbo tamén mulleres que sufriron unha represión específica, sistemática e profundamente inxusta. En efecto, este nesgo histórico xa o criticou Juana Doña Jiménez no seu magnífico manuscrito Desde la noche y la niebla, publicado en 1978. Este é un dos primeiros libros que recolle as experiencias das presas franquistas desde unha perspectiva feminista. Juana era consciente de que nas publicacións que comezaban a saír á luz sobre a ditadura había unha opacidade das mulleres na historia da resistencia, e di:

Se contaban epopeyas de las cárceles masculinas y las heroicidades de sus protagonistas, se rompía el cerco de la censura y en la más negra clandestinidad se divulgaban acciones y sufrimientos protagonizados por los luchadores-hombres. Rara vez se hablaba o escribía sobre las heroicidades de las luchadoras-mujeres. A las mujeres se les ha dedicado unas líneas apenas, en ese río de volúmenes que se ha escrito sobre la guerra civil y la resistencia en nuestro país.

Temos, por fortuna, que destacar que nos últimos anos comezou a haber numerosas publicacións sobre o papel das mulleres na historia e, en concreto, na Guerra Civil e na ditadura. Este fenómeno editorial e académico, iniciado no último decenio do século XX e intensificado a partir de 2010, non é unha simple tendencia pasaxeira; é, en realidade, un acto de xustiza histórica que está a encher esas follas incompletas ou que quedaron en branco”.

Polo tanto, cómpre estudar a represión cunha ollada de xénero. A represión franquista contra a muller non foi só física. Buscou o control social absoluto, e as mulleres constituían un piar fundamental do seu proxecto. O novo réxime impuxo un modelo de muller submisa, relixiosa, dependente do home e afastada da vida pública. Calquera muller que se desviase dese modelo era vista como unha ameaza.

No franquismo, as mulleres foron castigadas, sinaladas e humilladas por participar activamente na vida política e social, pero tamén por ser nais, esposas ou irmás de homes perseguidos. Malia todo isto, moitas delas nunca apareceron nos libros de historia ou non foron obxecto da atención dos estudosos. Mais o traballo de recuperación da memoria histórica permítenos hoxe poñer nome, apelidos e contexto a esas vidas.

Nestas III Xornadas afondamos quizais na ferida máis profunda: as que foron represaliadas, encarceradas e humilladas tras o golpe de Estado de 1936, acusadas da vaga e terrible fórmula de «colaboración coa rebelión». Cal rebelión? A rebelión, para o novo Estado franquista, era a lealdade á República, á legalidade democrática ou simplemente a defensa dos seus seres queridos.

A acusación de «colaboración coa rebelión» era un caixón onde cabía de todo:

  • Ser familiar (esposa, filla, nai, irmá) dun home perseguido (republicano, sindicalista, mestre, alcalde).
  • Ter participado en organizacións políticas ou sindicais de esquerda (agraristas, socialistas, anarquistas…).
  • Ter auxiliado a perseguidos ou «fuxidos» (darlles de comer, darlles roupa, deixalos pasar pola leira).
  • Manterse firme nos seus ideais ou simplemente non denunciar os seus.
  • Ter unha actitude considerada de «desafío» ás novas autoridades.

As mulleres republicanas, sindicalistas, mestras, enlaces ou simplemente solidarias foron castigadas con detencións arbitrarias, cárcere, rapados públicos, multas, desterros e exclusión social. A represión exercíase sobre os seus corpos e tamén sobre as súas vidas cotiás, buscando o escarmento e o control social, e para servir de exemplo á comunidade: «Mirade o que lle pasa a quen se sae do seu camiño».

Polo cárcere de Celanova e de Ourense pasaron mulleres sufrindo a inxustiza e o oprobio. Alí vivían en condicións extremas, insalubres, e algunhas estaban embarazadas ou acababan de dar a luz, polo que as súas criaturas tamén eran presas.

Cos relatos e testemuñas das familias das vítimas, saímos da ortodoxia histórica para mergullarnos na historia das emocións. Esta perspectiva non é, por iso, menos obxectiva, xa que dá voz ao pobo. A Historia debe ser unha historia do pobo e para o pobo, o que se coñece como «Historia desde abaixo». Desde esta óptica preténdese ampliar o foco e recoñecer outras formas de protagonismo histórico, incluído o protagonismo feminino.

Falar das vítimas dun réxime que procuraba o ensañamento e o máis cruel escarmento é falar de emocións. As primeiras publicacións sobre as vítimas do franquismo baseadas en testemuños reais foron, sen dúbida, o xa mencionado Desde la noche y la niebla, de Juana Doña; outro referente foi El libro blanco sobre las cárceles del Franquismo, publicado en 1977 e escrito por un equipo de investigación baixo o pseudónimo Ángel Suárez; e un impacto documental foi Os topos, de Manu Leguineche e Jesús Torbado, que ademais recolle a historia de Teo (Teodomira Gallardo).

É indiscutible que a disciplina histórica debe fundamentarse en fontes contrastadas e na reconstrución rigorosa dos feitos. Non obstante, isto non debería implicar a eliminación do sentimento nin unha aproximación excesivamente fría ao pasado. A historia tamén é experiencia vivida, e isto maniféstase de maneira especialmente clara nos testemuños das persoas que sufriron a represión. O ser humano non só actúa, senón que sente, e eses sentimentos inflúen nas súas accións individuais e colectivas.

Os defensores da historia das emocións sosteñen que non existe historia sen suxeitos. Desde esta perspectiva, o sentimento é en si mesmo un feito histórico que axuda a explicar o comportamento das sociedades.

E neste aspecto cómpre nomear a Aleida Assmann, especialista en Memoria Cultural, que subliña a importancia de incorporar a voz das vítimas como parte dun proceso de xustiza histórica. Segundo ela, é vital a memoria comunicativa que pasa de xeración en xeración; deste xeito conectámonos emocionalmente co pasado.

E o grande intelectual e filósofo Enrique Dussel falaba de «descolonizar a historia» e recuperar a memoria dos oprimidos, dos pobos e dos marxinados en Filosofía de la liberación.

No contexto español, destacan varios autores que dialogan con esta perspectiva, como Julián Casanova, co seu libro Víctimas de la Guerra Civil, que, desde a historia social, contribuíu a poñer no centro as vítimas da Guerra Civil e do franquismo, defendendo a necesidade de integrar os seus relatos para comprender plenamente a represión e combater o esquecemento institucional.

Polo tanto, xuntar as familias das mulleres que sufriron as duras represións da ditadura para que compartan as súas vivencias, narren as súas experiencias e expresen a pegada que aqueles feitos deixaron nas súas vidas nace da necesidade de compartir a memoria colectiva, coñecer quen foron esas mulleres escudo, rescatadas do esquecemento, e devolverlles o seu nome, os seus apelidos e o seu rostro, en lugar de reducilas a un simple número.

Esta necesidade de transmitir e preservar a memoria tamén pode explicarse desde unha perspectiva psicolóxica. Os estudos sinalan que as persoas tendemos a lembrar máis e con maior intensidade os acontecementos negativos ou tráxicos. Este nesgo constitúe un instinto de supervivencia, porque o cerebro interpreta estas experiencias como advertencias que contribúen a evitar a repetición dos erros no futuro.

Tal como dicía Almudena Grandes: «Es un error creer que la memoria tiene que ver con el pasado. La memoria tiene que ver con el presente, porque si no sabemos quiénes somos, no sabemos quiénes queremos ser. Y tiene que ver con el futuro».

Como escribiu Eduardo Galeano no seu impresionante poema Los nadies:

Los nadie… los hijos de nadie
Que no tienen cara, sino brazos.
Que no tienen nombre, sino número.
Que no figuran en la historia universal,
sino en la crónica roja de la prensa local.
Los nadies,
que cuestan menos
que la bala que los mata.

Nestas III Xornadas, xunto coa exposición Presas e Mestras, non falamos dos NINGUÉN ou NINGUNHA, pois estes testemuños que imos escoitar sobre mulleres vítimas do oprobio da ditadura deixan de ser número para pasar a ser nome, para pasar a ser rostros, para pasar a ser parte da historia que debe ser inesquecíbel.


Rosa Cid Galante é historiadora, docente e comiariou a exposición PRESAS E MESTRAS. A REPRESIÓN DAS MULLERES NA COMARCA DE CELANOVA.

Categorías: Vítimas

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario