✍️ EDS. Ourense, 23 de xuño de 2026.
Domingo Rodríguez Teijeiro é profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, onde imparte docencia na Facultade de Historia do campus de Ourense. Doutor en Historia pola mesma universidade, pertence ao grupo de investigación Historia Contemporánea 1 e centra o seu traballo nas liñas de investigación sobre a Guerra Civil, o franquismo e a historia de Galicia.
É autor de máis dun cento de traballos académicos e referente indiscutible no estudo do sistema carcerario franquista. Entre as súas obras destacan Longa Noite de Pedra no Mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova, 1936-1943 (Vía Láctea, 1998) e Presos e Prisións na Galicia de Guerra e Posguerra, 1936-1945 (Galaxia, 2010). Publicou tamén O Concello de Celanova durante a Segunda República (1931-1936) (Ir Indo, 2010), un estudo da xestión municipal durante os anos republicanos que analiza a actividade política da corporación e o impacto das políticas laicista e educativa no ámbito local.
Entre os seus traballos figura así mesmo Las cárceles de Franco: configuración, evolución y función del sistema penitenciario franquista (1936-1945) (Los Libros de la Catarata, 2011), e Mujer, delincuencia, marginalidad (Los Libros de la Catarata, 2021). Na súa traxectoria investigadora abordou tamén cuestións como a xestión da fame nas prisións ourensás de posguerra, a redención de penas polo traballo ou a mortalidade nas cárceres franquistas entre 1939 e 1945. A súa obra sitúa a Prisión Central de Celanova como un caso de estudo privilexiado para comprender os mecanismos de represión, adoutrinamento e control social da ditadura.
Domingo Rodríguez Teijeiro tomará parte nas III Xornadas Memoria e Muller. Lembranza María Cabaco, que se desenvolverán en Celanova esta próxima fin de semana cunha palestra sobre as cárceres franquistas o sábado 27 pola mañá.
PREGUNTA: Como surxe a túa investigación sobre o cárcere de Celanova? Como chegas ao cárcere, e como desde o de homes até a de mulleres?
RESPOSTA: Comecei a pensar na miña Tese co profesor Alberto Valín, cando estaba a facer o doutoramento e sobre un tema distinto. Despois, por esas casualidades que ás veces ocorren… por entón eu estaba na residencia de estudantes e o director era de Celanova; este xestionou co Concello unha pequena axuda para realizar un traballo de investigación, que tomou a forma de tesina. A idea era facer unha historia institucional, estudar o Concello durante a etapa da Segunda República. Para enmarcar o traballo realicei unha introdución sobre aspectos socioeconómicos do municipio e iso levounos a revisar os padróns de habitantes, antes e despois da República, para unha aproximación á evolución demográfica. Cando cheguei á rectificación do padrón de 1938, atopei con 1.300 persoas que estaban censadas, todas elas, no número 1 da praza maior. O número 1 era e é o Mosteiro. Xa coñecía a existencia dunha prisión no mosteiro. Pero imaxinábame unha prisión de carácter local ou como moito provincial. As 1.300 persoas, na súa maioría de orixe asturiana, fíxome pensar que se trataba de reclusos xa condenados en consello de guerra, enviados a Celanova para cumprir a súa pena e que a prisión era moito máis que un simple cárcere. Lembro que pensei que, se se conservara a documentación da prisión nalgún sitio, no Arquivo Histórico Provincial ou no Centro Penitenciario de Pereiro, iso daría para facer unha tese. Así que, en canto baixei de Celanova achegueime ao Arquivo, preguntei… e para a miña sorpresa díxéronme que existía un fondo coa documentación da Prisión Provincial e, dentro del estaba a documentación da Central de Celanova. Así que comecei a traballar sobre ese fondo… e sigo facéndoo trinta anos despois. O equivalente a unha daquelas condenas de reclusión perpetua.
P: Cando comezas a ver tamén que hai un cárcere de mulleres, aínda que te introduces máis tarde neses temas? Cando o ves?
R: Cando comecei, nos anos noventa non había traballo sobre as cárceres, algunhas memorias de presos, pero pouco máis. O arquivo facilítache unha documentación para facer un enfoque institucional. A min, máis que os presos, o que me interesaba, e me segue interesando, é ver como funcionaba a institución. E, a partir da Prisión Provincial de Ourense e a Central de Celanova, pódese seguir como se foron creando as institucións que xestionaban as prisións, especialmente sobre a base de toda unha serie de documentos e circulares que se intercambian cos organismos centrais. Deste xeito, e con outras fontes, pódese recrear o sistema penitenciario, como se vai organizando, cales son as súas bases institucionais, como funciona durante a guerra e a posguerra, cales son os seus obxectivos; a base é a provincia de Ourense, pero isto é válido, coas necesarias adaptacións locais, para todas as prisións franquistas de guerra e posguerra. Entre esa documentación, hai datos referentes a todas as prisións de partido xudicial da provincia. Sobre a transformación da existente en Celanova en Prisión Habilitada de Mulleres, a primeira noticia aparece na prensa. O día 28 de xullo de 1936 La Región informaba de que se instalara a Prisión provisional no mosteiro e, ao mesmo tempo, que 13 mulleres comunistas foran enviadas á Prisión de partido. Non todas elas eran “comunistas” como dicía o xornal; envíanse a Celanova presas que estaban na provincial antes de producirse o golpe de Estado, por delitos comúns, e algunhas detidas por motivos políticos a partir do 20 de xullo.
P: Como cadra iso co que ti estabas estudando? Por que a teñen que poñer tan pronto?
R: Porque non caben na Provincial, basicamente esa é a razón. O primeiro ingreso que se produce na Provincial como consecuencia do golpe de Estado ten lugar o día 20. O bando de guerra publícase ese día, ás 14 horas creo lembrar, e ese mesmo día, ás oito da tarde entra o primeiro detido na Prisión Provincial a disposición do comandante militar da praza. E seguen entrando, case 300, até que o día 29 se produce o traslado do primeiro continxente a Celanova. A Prisión Provincial tiña unha capacidade normal de entre 100 e 150 presos, e tiña un departamento de mulleres con capacidade para entre 15 e 20. En poucos días xa non caben máis presos. Desde moi axiña comezan a utilizarse todos os espazos dispoñibles, incluídos os corredores… e baleirar o departamento de mulleres, que ocupaba practicamente a totalidade dun dos laterais da prisión, na planta baixa, permite contar con algo máis de espazo.
“O día 25 xa hai un documento no cal o comandante militar autoriza o director da prisión a desprazarse a Celanova”: así naceu o cárcere do mosteiro
P: Cando toman a decisión de traer presas e presos a Celanova?
R: Non sei exactamente cando fai a solicitude o director da prisión, porque parte del. Pero o día 25 xa hai un documento no cal o comandante militar, Soto, autoriza o director da prisión a desprazarse a Celanova e informarse de se se pode utilizar o mosteiro como prisión. O que quere dicir que a solicitude desde a prisión se realiza uns días antes. Se ao longo destes días ingresan case 300 detidos, tres veces a capacidade da prisión, unha prioridade inmediata será facerlles sitio. E esa é a razón de que se cree a Prisión Habilitada en Celanova e, ao mesmo tempo, de que se envíen tamén as presas á prisión de partido.
P: Como se organizaron as prisións en Celanova a partir de xullo, agosto do 36?
R: As prisións de partido existen desde antes. O regulamento de prisións de 1930, que será o das prisións franquistas ata 1948, é o mesmo que utiliza a República. Nel establecíanse tres tipos de centros de reclusión: prisións de partido xudicial, unha en cada cabeceira de partido xudicial; prisións provinciais, na capital, e prisións centrais. A de Partido de Celanova xa existía, era unha prisión con escaso movemento de reclusos e de carácter mixto. As provinciais e as de partido son mixtas, con departamentos para homes e mulleres. En cambio, as centrais, non; haberá centrais para mulleres e centrais para homes. É dicir, a prisión de partido de Celanova, nos baixos do xulgado, existe con anterioridade; o 29 de xullo transfórmase en prisión de mulleres e os 17 homes que había nela son trasladados á que se habilita no Mosteiro. A Habilitada cumpre tamén como prisión de partido para os homes; desde moi axiña, xa a finais de 1936, ingresan nela homes a disposición do Xulgado de Instrución de Celanova, presos por delitos comúns que, en condicións normais, haberían ingresado na de Partido. A prisión Habilitada créase para desconxestionar a Provincial; o 29 de xullo prodúcese o primeiro traslado de 44 presos. Ese mesmo día ingresan nela os homes que se atopaban na de Partido de Celanova e tamén un continxente chegado desde Bande. É dicir, fai de prisión habilitada, pero tamén de prisión de partido masculina, para os presos de Celanova e comarcas veciñas. Este último papel é o que cumpre en relación cos presos por delitos comúns. Pódese dicir que haberá tres prisións en Celanova: a habilitada de mulleres, a habilitada/de partido de homes e a Central. En 1938, nalgunhas cartas dirixidas aos penados chegados de Asturias, ponse como enderezo: “Prisión nº 3 de Celanova” para facer referencia á Central.
P: Por que elixen Celanova? Pola proximidade?
R: Basicamente, pola proximidade. Noutras zonas as prisións habilitadas créanse na propia capital e tamén se crean outras nas localidades onde comezan a actuar tribunais militares. En Ourense tómase a decisión de centralizar as detencións na capital. Iso fai que cheguen presos das distintas comarcas á Provincial. E é o que explica o rápido incremento da poboación reclusa. Noutras zonas a dinámica é algo diferente, por exemplo, en Lugo, onde hai tribunais militares que actúan en Monforte e durante un tempo a prisión de Monforte terá unha poboación reclusa moi importante.
P: Inflúe tamén o carácter dereitista da vila?
R: En efecto, esa é outra parte da explicación, xunto coa proximidade e unha boa comunicación; en Celanova apenas haberá conflitividade social durante a República. En O Carballiño acontece o mesmo e á Prisión de Partido tamén se enviarán os presos que non teñen cabida na Provincial; durante o mes de agosto de 1936 contabilízanse máis de 100 detidos alí.
P: Durante a República, Celanova seguiu sendo conservadora?
R: En Celanova, a corporación elixida en 1931 terá un marcado cariz conservador; algúns deses nomes aparecen xa no Concello durante a ditadura de Primo de Rivera. As grandes cuestións que se formulan neses anos: educación, separación igrexa-estado, etc., non teñen cabida nas discusións do pleno ata que aquela corporación é substituída por unha comisión xestora xa en 1936. Un caso interesante é o da Comunidade de Agostiños que chega a Celanova para poñer en marcha un centro de educación secundaria; coa prohibición de que as ordes relixiosas se dediquen ao ensino en 1932, o proxecto queda frustrado… pero os agostiños non abandonan o Mosteiro.

P: Non marcharon?
R: Quedaron agardando tempos mellores. O interesante é que a corporación municipal non se formula que se os relixiosos non poden dedicarse a aquela función para a que foron chamados quizais deberan abandonar os espazos que ocupan no mosteiro; e que, se non foi posible crear este centro educativo de carácter relixioso, se podería formular ao Ministerio de Educación a creación dun Instituto. Estas dúas cuestións só se debaten no pleno durante a primavera de 1936, aínda que sen conseguir resolver ningunha. Os relixiosos permanecen en Celanova até 1939; de feito, o primeiro capelán da prisión Central será un daqueles agostiños: o padre Felipe Vaz.
P: Compartiron o mosteiro cos presos?
R: Si, tiñan locais destinados a vivenda no mosteiro. Estaban alí antes de que se crease a prisión.
P: Mais a corporación da Fronte Popular non abandonou a idea de crear un instituto público?
R: Coa xestora, si, pídese o instituto. Xa non dá tempo. Hai máis interese, e préstase maior atención, á creación de casas-escola dos mestres e mestras de primaria. Pero no 36 non dá tempo a que todo iso dea os seus froitos.
“A prisión foi tamén un negocio”: como o cárcere franquista enriqueceu o comercio de Celanova
P. Como era Celanova naquela altura cando se instala aquí unha prisión con esa poboación reclusa e cal foi o impacto na vila e no concello?
R: O concello tiña 9.000 habitantes. Pero todo o concello. A Vila, tería que revisar as cifras, pero creo que se atopaba en torno aos 2.000 habitantes. A prisión foi tamén un negocio. Iso é algo que está por analizar en profundidade. Durante a etapa como Prisión Habilitada, todas as compras, sexan para a alimentación, para o acondicionamento da prisión ou para a oficina, realízanse en Celanova. Por exemplo, Germán Álvarez factura 1.100 pesetas polo material para a instalación do alumeado na prisión e é a Sergio Montes a quen se adquiren, por un importe de 110 pesetas, os 90 quilos de ferro redondo e cadrado para as reixas. Cando o comandante Militar de Ourense autoriza o director da Provincial a visitar Celanova e valorar o uso do mosteiro como prisión, pide tamén ás autoridades locais que presten a súa colaboración. Se a compra das reixas se inclúe nas contas da prisión, o xornal pagado a quen as instala asúmeo o Concello. Foron algo máis de seis pesetas; o Concello paga a Marcial Fernández e Francisco Dapía 68,50 pesetas polo traballo realizado para a colocación das reixas. Practicamente todos os comercios da vila e arredores subministrarán, nalgunha ocasión, á prisión. Nas contas de alimentación de agosto e setembro de 1936 aparecen máis de vinte subministradores. Despois o número redúcese, pero da documentación pódese deducir que, aínda que se facturaba a un só subministrador, para simplificar, en realidade este centralizaba as achegas de varios. Pensa que Celanova é unha vila pequena e que as tendas non teñen as existencias necesarias; poden amplialas para un caso concreto de maior demanda… unha festa, por exemplo. Pero, a partir de xullo de 1936 teñen que subministrar a unha prisión con 200 reclusos, todos os días, e nun contexto no que desde moi axiña aparece a escaseza; pero esa cifra pode levar a engano dada a enorme mobilidade da poboación reclusa: en agosto son máis de 4.000 racións e en setembro 5.000… en torno a esas cifras móvese o racionado mensual da habilitada, o que supón un gasto tamén mensual de máis de 6.000 pesetas, só en concepto de alimentación.

P: Celanova prosperou naqueles anos…
R: É indubidable que o que algúns comercios da vila facturan, por distintos conceptos, á prisión acada unhas cifras moi afastadas do que debía ser a súa facturación habitual e que non volverán a alcanzar ata décadas máis tarde. Falamos da Prisión Habilitada, pero cando en 1938 as cifras de reclusos se elevan xa aos 1.200 ou 1.300, farao tamén o orzamento. O de alimentación sitúase nos meses iniciais da Central en torno ás 50.000 ou 60.000 pesetas e seguirá medrando. En efecto, durante a etapa de Prisión Habilitada todas as compras se realizan en Celanova. Despois, sobre todo na posguerra, a cousa complícase co racionamento, que establece cotas dos distintos produtos para a prisión que, ás veces, se adquiren en lugares moi afastados; ademais de que se fixan prezos de taxa, aínda que algúns subministros seguen adquiríndose en Celanova. É moi difícil medir o beneficio que obteñen estes comercios; descoñecemos cal era a súa facturación habitual, pero si que é indubidable que desde a instalación da prisión van vender máis. Un exemplo, tamén da etapa como prisión Habilitada: dous carniceiros de Celanova venden mensualmente á prisión 600 ou 700 kg. de carne, a 2 pesetas o kg., é dicir facturan entre 1.200 e 1.400 pesetas máis que até entón… é indubidable que hai un beneficio importante. No caso da carne, por exemplo, parece moito para unha soa carnicería, por iso son dous os subministradores habituais. Pero tamén os panadeiros; en agosto de 1936 son 6 panadeiros os que subministran 1.900 kg de pan. A partir de setembro son un ou dous panadeiros os que subministran mensualmente en torno a 2.300 kg. Hai algunha referencia na documentación que indica que, aínda que se facturaba a un só, eran varias as panaderías que proporcionaban o pan. Ou as patacas, entre 2.000 e 3.000 kg mensuais até decembro de 1936.

P: As contas de alimentación son o rexistro máis fiábel que temos para coñecer as cifras de poboación reclusa?
R: As cifras puntuais, ás veces lévannos a erro. Cando dicimos que na Habilitada haberá 180, 200 ou 304 no mes que se acada a cifra máis alta, referímonos aos reclusos que hai nun momento determinado, xeralmente a día 1º de cada mes. Pero na prisión entran e saen reclusos constantemente; haberá quen pase meses, pero algúns só estarán uns días. Por iso o que debemos ter en conta son os “socorros” ou racións diarias repartidas cada mes. Así, por exemplo, aínda que a día 1º sexan 180 os reclusos, o número de racións repartidas ata final de mes pode elevarse, e faino a miúdo, por riba das 6.000. Dito doutro xeito, é o equivalente a ter dado a comida dun día (almorzo, xantar, cea) a 6.000 persoas.
P: Sabemos, iso si, o que comían os presos?
R: Nas contas aparecen todos os produtos que se compraban, pero o peso dos produtos é no almacén, cando os compran. O que chegaba á prisión, o que chegaba ao rancho xa non o sabemos. Non sabemos se chegan efectivamente todos os produtos ou se desvían e véndense noutro sitio. Tamén hai que ter en conta que nesas cantidades hai desperdicios… si, cómpranse 700 kg. de carne, pero… canto dese peso son ósos? Ademais, na propia preparación e cocción as cantidades redúcense. En calquera caso, se facemos as contas, dividindo o peso de cada produto polo número de racións, atopamos que, na Habilitada os presos subsisten a base de pan e patacas.
P: A dieta era…?
R: Pan e patacas, algúns garavanzos, sopa ás veces pola noite, un pouco de arroz; a carne ou o touciño son testemuñais. Non hai almorzo ata finais de 1936, cando aparece o chocolate entre os produtos comprados. Faltan alimentos como o leite, o peixe, a froita, a verdura… aínda que as cantidades sexan suficientes, é unha dieta desequilibrada.
P: O chocolate tamén se fabricaba en Celanova?
R: Si, é curioso; se se revisan os datos da contribución industrial do municipio (impostos) durante os anos 30 aparecen varias fábricas de chocolate. O chocolate aparece en novembro de 1936, cómpranse á fábrica de Manuela Mosquera 773 kg., vendíase por libras a 2 pesetas a libra. Desaparecerá das contas durante boa parte de 1937.
- NOTA: Manuela Mosquera, viúva de Lino Velo, casaría con Ramón Castro, que é quen delata ao guerrilleiro de Monforte, Ramón Yáñez Pereira.

“A mediados de agosto de 1936, o xefe da prisión escribe á Provincial que xa non caben máis presas. Que a prisión ten unha capacidade de 12 prazas e que por entón son 33 as mulleres recluídas. E esa cifra continuará aumentando nos meses seguintes”.
P: Como vivían as presas? Terían unhas condicións similares?
R: O problema da prisión de mulleres é que nos deixou moi pouca documentación e non é posible achegarse a estas cuestións co nivel de profundidade co que podemos facelo na Habilitada ou na Central. Contamos unicamente con algúns documentos dispersos e cos listados de “socorros” subministrados durante algúns meses; faltan os de boa parte de 1937, precisamente a etapa como Prisión Habilitada de mulleres. A pesar de todo, algo é posible coñecer sobre as condicións de vida. A mediados de agosto de 1936, o xefe da prisión escribe á Provincial que xa non caben máis presas. Que a prisión ten unha capacidade de 12 prazas e que por entón son 33 as mulleres recluídas. E esa cifra continuará aumentando nos meses seguintes. Xa en xaneiro de 1937 é o médico forense de Celanova quen nos pon sobre a pista dunhas pésimas condicións de vida; sinala a presenza de 42 mulleres e dous nenos. Que catro desas mulleres padecen respectivamente sífilis, tuberculose pulmonar, eczema xeneralizado e metrorraxia difusa. As dúas primeiras son contaxiosas e as outras dúas necesitan tratamento especializado que, segundo o médico, é imposible aplicalo na prisión porque non hai medios e polas malas condicións hixiénicas do edificio. Isto pódese traducir en que as condicións da prisión se caracterizan polo amoreamento, as pésimas condicións hixiénicas, a ausencia de botiquín ou enfermaría…
P: Aquí xa non caben máis, dicía o xefe da prisión de mulleres de Celanova en data tan temperá como o 20 de agosto…
R: Aquí xa non caben máis. Había 33 e sinalaba que a cabida habitual era para 12… a día 1º de setembro xa son 41; descende a cifra en outubro e novembro, a 21 e 24 respectivamente, pero desde entón e ata abril do 37, as cifras a primeiros de mes situaranse por riba das 30, máis próxima ás corenta, acadándose as 45 en febreiro. Carecemos de datos para o que resta de 1937, pero as cifras probablemente fosen similares; en febreiro de 1938 son 39 mulleres, e a máxima acádase en marzo dese ano con 48, xusto antes de que comecen a ser trasladadas a Bande.
P: As celas ou a cela estaban no baixo do edificio que coñecemos?
R: Si, a cadea estaba abaixo, porque eses edificios construíronse todos no século XIX seguindo o mesmo modelo. E a idea era colocar abaixo a prisión e arriba o xulgado.
Isto tamén garda relación coas condicións de vida; primeiro porque é un edificio antigo que, habitualmente, como todas as da súa categoría, tiña escasa poboación reclusa. O paso do tempo, xunto coa escasa inversión do Concello responsábel, fai que se atope en precarias condicións de habitabilidade antes de 1936. Sumemos a esas condicións que, de súpeto, esta prisión se verá ateigada de reclusas nun número que supera con moito a súa capacidade.

P: E con crianzas algunhas, outras embarazadas, como o caso que coñecemos agora de Ubaldina, unha das sete de Quins. Segundo conta un dos fillos, parece que alguén na prisión lle dixo que por embarazada tiña dereito a unha ración máis.
R: Claro, con nenos. Isto non será un invento dos sublevados nin do franquismo; desde moito antes os nenos menores de catro anos podían permanecer en prisión coas súas nais, se estas non tiñan quen coidara deles. En todas as prisións de mulleres haberá nenos e sufrirán as mesmas condicións que as súas nais, aínda que no caso de ter un neno ou estar embarazada a muller deviña ración dobre nas contas de alimentación. E as enfermas tamén tiñan ración dobre. Pero o problema non é tanto a cantidade como a calidade da comida.
P: Resulta difícil imaxinar as condicións de vida.
R: Pensa para que servían estas prisións en condicións normais… como nos depósitos municipais en concellos que non eran cabeceira de Partido Xudicial, servían para encerrar ao bébedo de quenda e que non fixese moito escándalo, algún ou algunha indocumentada —algo habitual na zona de Celanova pola proximidade á fronteira portuguesa—… nelas podíanse cumprir penas de arresto menor, 15 días… pero cando un procesado pasaba a depender da Audiencia Provincial, era trasladado a Ourense. Escasa poboación reclusa, por iso non tiñan practicamente nada. Resulta difícil imaxinar en que condicións estarían as aproximadamente 40 reclusas que terá de media.
P: As cifras móvense entre esas 13 primeiras presas “comunistas” e case medio cento mediado o ano 37, cando encarceran grupos como as de Quins ou antes a dez de Ribadavia…
R: A cifra máis baixa é a principios de agosto do 36, que son 14, o día 1. Apenas 15 días despois xa son 30 e tantas. A cifra máxima de 48 hai que poñela en perspectiva, porque, por entón xa facía uns meses que as mulleres detidas eran enviadas tamén á de Partido de Bande.
P: A dieta das mulleres sería tan escasa e pobre coma a dos homes?
R: O orzamento por recluso e día era de 1,5 pesetas desde antes de producirse o golpe de Estado, que ademais establecía os menús e os alimentos que debían formar parte de cada unha das comidas. Pero isto xa non se pode manter desde o verán de 1936. Na Provincial, comezan a elevarse queixas ao Gobernador Civil porque é imposible atopar moitos dos produtos necesarios para confeccionar o rancho e os que se atopan están xa a un prezo que os volve prohibitivos. A Xunta de Disciplina desta prisión acabará por decidir que se confeccione o rancho prescindindo do disposto na normativa, co que se poida, o que sexa posible atopar; e isto tamén acontece nas habilitadas, como xa comentamos para o caso da masculina no mosteiro. Non creo que haxa moita diferenza entre unha e outra prisión; a dieta das mulleres estaría composta tamén por pan e patacas, e algúns outros produtos con carácter puramente testemuñal ou para dar algo de cor e sabor. Pero a partir de decembro de 1936 a cousa complícase, xa que cando se decide restablecer o Regulamento de Prisións de 1930 na súa integridade, é dicir, eliminando todas as melloras realizadas no período republicano, o orzamento por recluso e día baixa a 1,15 pesetas.
P: Baixa a 1,15? E entón cando Vicente Fonturbel, o director da prisión, se queixa de que con iso non alcanza?
R: Baixa a 1,15. Fonturbel, o director da central, e a superiora das relixiosas que se fan cargo da cociña non deixarán de queixarse durante toda a existencia da prisión dos problemas que teñen para conseguir elaborar unhas comidas que teñan algo de valor nutritivo. A política autárquica cos produtos intervidos, a política de taxas ou os “coutos” que de distintos produtos corresponden á prisión… crearán unha situación verdadeiramente angustiosa na inmediata posguerra. En varias ocasións queixaranse de que non foi posible obter carne e patacas… de que as fábricas de queixo acaparan o leite, polo que o que chega á prisión está aguado e, ademais, hai que pagalo máis caro… que os comerciantes especulan cos prezos e esixen que se pague máis por produtos de peor calidade… En fin, se entramos na Central e na posguerra, daríanos para falar moito máis.

P: Que valoración fas do sistema penitenciario franquista a respecto das mulleres?
R: Formulas unha cuestión que respondela adecuadamente tamén nos levaría moito tempo. Normativamente non hai diferenzas; todas as institucións penitenciarias réxense polo mesmo regulamento, a todas chegan as mesmas ordes e disposicións tomadas polas autoridades centrais e funcionan máis ou menos igual. Agora ben, a partir de aí teriamos que descender ao nivel de prisións individuais e ter en conta as distintas categorías de centros de reclusión. Non é o mesmo unha Habilitada que unha Provincial que unha Central. Se nas dúas primeiras en Ourense, a partir de 1940 xa son maioría as presas comúns, en cambio nas Centrais, das que non haberá ningunha para mulleres en Galicia, serán maioría as políticas ata o final da década. Os volumes de poboación e, sobre todo, a súa mobilidade, tamén serán diferentes neses tres tipos de centros. Nas Centrais de mulleres… as de Saturrarán, Amorebieta, Palma de Mallorca, etc., hai algunhas diferenzas coas de homes. En todas elas a xestión da prisión estaba en mans da comunidade de relixiosas, en todos os aspectos, desde a xestión administrativa ao réxime interno e control do traballo. E se nas de homes os propios presos sinalan unha mellora nas condicións de vida coa chegada das monxas, nas de mulleres ocorre todo o contrario. As reclusas falan nas súas memorias do estrito do réxime interno imposto polas monxas, da súa arbitrariedade mesmo.
“O franquismo non quere construír un novo modelo de muller, senón recuperar o modelo tradicional da muller que está subordinada ao home na súa casa e que está aí para ter fillos”.
P: A condición feminina tamén lles supón máis penalidades.
R: Si, as mulleres serán castigadas dobremente. Por motivos políticos e por ser mulleres, é dicir, por ter roto co rol tradicional que xogaban as mulleres na sociedade española. O franquismo non quere construír un novo modelo de muller, senón recuperar o modelo tradicional da muller que está subordinada ao home na súa casa e que está aí para ter fillos. Desde este punto de vista, aquelas mulleres que se significaran política ou socialmente durante a República, aquelas que se achegaran ao feminismo, que defendían a igualdade de dereitos cos homes, ou que simplemente se significaran porque a súa actitude e comportamento non encaixaba naquela imaxe tradicional, serán obxecto —eu diría que mesmo antes que os homes— dunha ampla labor de proselitismo e propaganda… son mulleres que renunciaron á súa condición e hai que endereitalas.
P: Tamén padeceron un sistema de reeducación nas grandes prisións de mulleres?
R: Nas grandes e nas non tan grandes. Na de mulleres de Bande porase en marcha un taller para que as presas condenadas poidan redimir pena. Alí hai penadas. As penadas son as únicas que poden redimir polo traballo. A petición dunha reclusa, o alcalde, que se fai responsable da prisión a partir de finais de 1938 pola súa transformación en depósito municipal, eleva unha consulta á Provincial e créase o taller. Aínda que non hai máis datos que esta referencia. Este labor de reeducación a través da redención de pena será desenvolvida con maior amplitude nas prisións centrais, porque a inmensa maioría das presas que hai nelas son políticas e porque, a pesar do turismo penitenciario, teñen unha poboación reclusa máis estable que permite poñer en marcha e manter en funcionamento eses talleres, que por outra parte producen importantes beneficios. A diferenza dos homes, que son trasladados a Destacamentos Penais ou ás Colonias Penitenciarias… o traballo das mulleres desenvolverase sempre no interior das prisións. E por se o traballo non fose suficiente, outro aspecto da reeducación serán o ensino relixioso, as clases de corte e confección ou de cociña e coidado do fogar. A Sección Feminina de Falange chegará a crear unhas “escolas do fogar” nas cales, a partir desas ensinanzas, preténdese que as mulleres aprendan a ser nais, cristiás e españolas.
P: Por esa orde.
R: Por esa orde. Creo que non fan falta máis comentarios.

0 comentarios