I. OS FUXIDOS

«Manifestación de Delfina Alonso González:

Interrogada la que al margen se expresa, dice llamarse como queda dicho de cincuenta y tres años, casada, natural y vecina de Barcia municipio de Melón.

Preguntada sobre el paradero de su hijo Placido Duran, Alonso, y causas de no haberse incorporado a filas dijo: Que el dia quince del mes actual desapareció de su casa y que ignora su paradero y que no le consta que persona alguna le aconsejase la no presentación a filas.»

Declaración que figura nun atestado instruido pola Comandancia Militar de Ribadavia “con motivo de la detención de varios familiares del Ayuntamiento de Melón, por considerarlos cómplices o encubridores en la huida de sus hijos o esposos, que al conocer los Decretos de llamamiento a filas comprendidos en los reemplazos de 1.930 (cupo de instrucción); 1938 y 1939 (1º y 2º trimestre), no han efectuado su incorporación.

Documento da causa 1134/1937, contra Manuel Álvarez Maya, Antonio Villasanín Domínguez e outros, no Juzgado Militar Eventual de Ourense [1].

O atestado está asinado o 11 de agosto de 1937 polo Comandante Militar da praza de Ribadavia, Vicente García Cifuentes, e inclúe unha relación dos detidos: «Constantino Villasanín Domínguez: Padre de Antonio Villasanín; Avelino Bello Pérez: Padre de Manuel Bello Justo; Inocencio Durán Blanco: Padre de Plácido Durán Alonso; Delfina Alonso Gonzalez: (non se especifica filiación); Manuel Álvarez Maya: Padre de Antonio Álvarez Gómez; Blandina Gómez Francisco (sen filiación); Avelino Soulleiro Gregorio: Padre de Avelino Soulleiro Martinez; Manuel Viéitez Martínez: Padre de Manuel Viéitez Domínguez; Consuelo Domínguez Pérez: (sen filiación); Constantino Domínguez Durán: Padre de José Domínguez Formoso; Marcial Rodríguez González: Padre de Antonio Rodríguez Fernández; Ermitas Quintas Pérez: Esposa de Abrhán Campos Vieitez; Ubaldina Meiriño Vázquez: Esposa de Antonio Rodríguez Fernández; Áurea Fernández Pérez: Esposa de José Estévez Lorenzo; Estrella Francisco Pérez: Madre de Celso Fernández Francisco

Na súa declaración, Inocencio, marido de Delfina e pai de Plácido, di: «Interrogado el que al margen se expresa, dijo llamarse como queda dicho, de cincuenta y tres años, casado, labrador natural y vecino de Barcia municipio de (Melón) y con respecto a lo que se le pregunta sobre la ausencia de su hijo Plácido Duran Alonso del remplazo de mil novecientos treinta y ocho, dice: Que desde el quince de Julio último que le desapareció de la casa no ha vuelto ha saber nada de él.

Preguntado si sabe que alguna persona extraña o de a la familia le indujera a que no efectuase su incorporación a filas manifiesta que lo ignora. Que es cuanto tiene que decir y firma esta su manifestación en union del Cabo y Oficial que la extiende.»

O atestado remata coa información sobre «la filiación política y económica de cada uno de los detenidos». A táboa de filiacións recolle os seguintes datos:

Constantino Villasanín Domínguez tiña ideas avanzadas e un capital de 3.000 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Manuel Álvarez Maya era esquerdista destacado, con 25.000 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Inocencio Durán Blanco, esquerdista algo significado, tiña un capital de 10.000 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Constantino Domínguez Durán, esquerdista moderado, con 5.000 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Avelino Bello Pérez, esquerdista moderado, con 10.000 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Manuel Viéitez Martínez, izquierdista moderado, con 10.000 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Benito Sualleiro Gregorio, esquerdista moderado, con 1.500 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Estrella Francisco Pérez, esquerdista moderada, con 10.000 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Ubaldina Meiríño Vázquez, esquerdista moderada, con 2.000 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Ermitas Quintas Pérez, esquerdista moderada, con 15.000 pesetas en fincas rústicas e urbanas.

Áurea Fernández Pérez, esquerdista moderada, sen capital declarado.

Delfina Alonso González, Blandina Gómez Francisco e Consuelo Domínguez Pérez son consideradas esquerdistas por ser esposas, respectivamente, de Inocencio Durán, Manuel Álvarez Maya e Manuel Viéitez. O seu patrimonio está incluído no dos seus maridos, polo que non se lles asigna capital propio.

II. INGRESO EN CELANOVA

O 6 de setembro, as 7 mulleres ingresan no cárcere de partido de Celanova, habilitado daquela como prisión de mulleres. O xefe da prisión, Rodolfo Mosquera, dá conta no seguinte oficio dirixido ao Juez Militar Eventual de la Plaza Orense:

«Tengo el honor de participar a V.S. haber recibido en esta Prisión un mandamiento de 3 de los corrientes, por el que se ordena queden detenidas en la misma y a disposición del Juzgado Militar Eventual de la Plaza de Orense, Delfina Alonso González, Estrella Francisco Pérez, Ermitas Quintas Pérez, Ubaldrina Meiriño Vázquez, Áurea Fernández Pérez, Consuelo Domínguez Pérez y Blandina Gómez Francisco, las que se hallan encartadas en procedimiento sumarísimo que se les instruye.»

Os homes, oito, ingresan no cárcere instalado no Mosteiro de Celanova, onde a poboación reclusa xa se contaba por centos. Na de mulleres, a lista de finais de agosto sumaba 45 presas e unha nena de catro meses.

Oficio do xefe da prisión de mulleres de Celanova do 6 de setembro do 37. Na causa 1134/1937. Arquivo Intermedio Militar del Noroeste, Ferrol.

Praza de Cervantes, en Celanova, nas primeiras décadas do s.XX, co edificio do cárcere e xulgados ao fondo, no centro da imaxe.

III. DELFINA E INOCENCIO

A bisneta de Delfina e Inocencio, sobriña neta de Plácido, chámase María Ánxeles e traballa como funcionaria na Coruña. [2]

“Delfina naceu en Prexigueiro un 3 de xullo de 1888. Casou con Inocencio, que era de Barcia, e marcharon á Arxentina. Alí nace o primeiro fillo, Luis, o 1 de marzo de 1911, e a primeira filla, Amelia, o 17 de maio de 1912. Hai unha foto dos catro, os pais, moi noviños, e os cativos. Despois a familia retorna. E Plácido, o terceiro, xa nace en Barcia o 31 de outubro de 1917. O seguinte será o meu avó, Pepe, que naceu o 11 de febreiro de 1922. Despois nacería o Arturo, que morreu daquela como moitos nenos de lombrices. Agora véñense a cabeza tantas preguntas que non lle fixen ao avó… Morreu no 2022, ao pouco de cumprir os 100 anos. Foron todos moi loxevos, o Luis morreu no 2007, a Amelia no 2008. O Plácido tamén superou os noventa anos”.

María Ánxeles tratou de obter documentación do paso pola cadea de Delfina e Inocencio hai uns anos. Foi en 1993. Nada. Nas referencias da causa non aparecen nin unha nin outro. De Delfina, como de todas as mulleres que penaron no cárcere de Celanova, non se conserva expediente (se é que o houbo). Inocencio aparece nunha lista do expediente carcerario doutro dos presos de Quins, Constantino Villasanín. Mais del non consta.

“O Luis regresou á Arxentina cando tiña 16 anos. E dunha viaxe que fixo para ver os país conservamos esas fotos de grupo nas que aparecen a Delfina e o Inocencio. Pode ser o ano 1955, segundo lembra a familia máis directa. O meu avó dicía que cando veu o Luis xa tería uns 50 anos. Era a primeira vez que volvía. O Plácido, que marchara para alá despois de fuxir por Portugal, non volveu máis até os anos setenta. Mesmo casou por poderes coa Isolina, que aparece nesa foto co Luis e cos meus bisavós”.

Luis, Delfina, Isolina -muller de Plácido- e Inocencio, nunha imaxe de 1955, cando o fillo maior, o Luis, regresou por primeira vez desde a Arxentina tras a guerra.

O Luis regresou por última vez no 96. María Ánxeles visitou a familia arxentina no 2005. “El xa tiña Alzheimer, morreu en xaneiro de 2007”. O que se contaba na casa, di María Ánxeles, é que alguén se chivou do Plácido. “Pola causa 1134, que atopei no Arquivo de Ferrol, fun sabendo que o Inocencio era considerado un home de esquerdas que pertencía á Sociedade Agraria”.

Na causa, Inocencio declara que non é certo que Manuel Álvarez Maya, concelleiro en Quins, tivera inducido ao seu fillo Plácido a desertar. Álvarez Maya, de orixe portuguesa, é sinalado como o organizador das fuxidas en contacto con contrabandistas que operaban no Miño. De Manuel consérvase o expediente do seu paso pola cadea de Celanova. Volvería a aldea de Negrelle en Quins, en liberdade condicional avalado polo seu sogro a principios dos corenta.

“Eu penso que o do chivatazo non sería o principal. No cuartel da Guardia Civil de Ribadavía tiñan a lista dos mozos que se debían presentar. E o Plácido e os outros non se presentaron. Fuxiron. Agora igual lle diría ao meu avó: ‘pois iso do chivatazo puido ser verdade, pero mira o que pon aquí’. Mais eu, cando se falaba daquilo, pois escoitaba, non preguntaba. Agora si que o faría. ‘Avó, como foi?, como os axudaron’. O avó falaba, e penso o mesmo: hai que falar, non gardar máis tempo silencio… Cando o Plácido regresou, instalouse en Vigo. Sabemos que no 71 pediu recuperar a nacionalidade, para o que o tivo que renunciar á nacionalidade arxentina, segundo figura na partida de nacemento do rexistro de Melón. Mais non sei certo en que ano regresou. Os pais xa morreran. O Inocencio, que era tres anos máis vello ca Delfina, morreu no 67; a Delfina en 1970.”

IV. UN EXILIO DE CORENTA ANOS

O historiador Julio Prada fai este apuntamento no seu artigo Fuxidos, entobados, desertores e contrabandistas: aproximación á problemática das orixes da resistencia antifranquista en Ourense, publicado na revista Minius no 2006:

“Estas redes ás que aludíamos alcanzaron unha enorme dimensión que ás veces é posible seguir ó nivel micro dunha parroquia, caso da documentación relativa á parroquia de Quins (Melón). No mes de agosto de 1937, o comandante delegado do Servizo de Investigación e Orde Pública de Ourense ordenou verbalmente e con carácter reservado a realización dunha investigación sobre as razóns e os medios empregados por 16 mozos da devandita parroquia para desertaren do Exército. O atestado foi realizado polo brigada da Garda Civil Manuel Núñez Pérez, o cal, despois de numerosos interrogatorios, chegou á conclusión de que a deserción «debió obedecer al ideal extremista que profesaban todos ellos y casi la mayoría de los habitantes del referido Ayuntamiento, sobre todo en la parroquia de Quines donde no hubo más que 28 votos de derechas en las últimas elecciones». Paralelamente, 15 familiares dos fuxidos e unha terceira persoa, acusada de inducilos á deserción por ser a encargada de conducilos a Portugal, foron detidos. O informe da Garda Civil insiste en destacar que os detidos estaban afiliados á Sociedade Agraria de Traballadores da Terra, da que «sus socios en un ochenta por cien eran izquierdistas y muchos de ellos en extremo rojos como sucede con nueve de los detenidos».

A explicación oficial destas detencións non deixa demasiado lugar para a interpretación: o obxectivo era conseguir que, deste xeito, «no repercutirán más casos en otros Ayuntamientos como pudiera estar a punto de ocurrir por ser conocedores de lo que pasaba en el de Melón, ya que con ello ha cundido algo de pánico al ver como los forasteros que se encontraban en esta villa se conducían a la cárcel a los detenidos, resultando quizás también que con esta medida (…) dará lugar tal vez a la presentación si no de todos de alguno de ellos». As persoas detidas –entre as que estaban sete mulleres– foron conducidas ó cárcere de Celanova onde, por orde do auditor de guerra, quedaron a disposición gobernativa á espera de obter os dous obxectivos tan claramente especificados polo brigada instrutor.” [3]

Plácido Durán Alonso na Arxentina nos anos corenta ou cincuenta.

Plácido Durán Alonso, o mozo de 19 anos que no verán do 37 fuxiu ao monte, pasou a Portugal, exiliouse na Arxentina, desde alí casou por poderes cunha moza de Barcia, e tiveron un fillo que foi médico, non regresou á Galiza en corenta anos, e nunca volveu ver aos pais.

Delfina e Inocencio pasaron algo máis de tres meses presos en Celanova entre agosto e o outono daquel ano, 1937, por protexer a un fillo, coma as outras nais e pais e esposas dos mozos da parroquia de Quins.

O rexistro de entrada de Delfina no cárcere de mulleres de Celanova ten data do 4 de agosto de 1937. Foi posta en liberdade o 18 de novembro, unha semana despois que cinco daquelas veciñas de Quins e outras aldeas, e tres días antes que Blandina, segundo o rexistro.

Plácido e Isolina regresaron e cos aforros abriron un restaurante en Vigo, preto da estación do tren.

Amelia, a irmá de Plácido, que casara en Prexigueiro -a aldea da nai-, ocupouse dos pais mentres estiveron presos. Quedara con ela o Pepe, o irmán pequeno. “A Amelia nunca falaba daquela época, quen me contou foi o meu avó, o Pepe. A Amelia ía a Celanova a lles levar comida, algo de porco, dicía, mais aquilo non pasaba da porta do cárcere. A Amelia contaba que os pais estaban nun sitio moi húmido, e que o cárcere parecía feito sobre unha laxe”.

María Ánxeles segue buscando respostas a aquelas preguntas que non lle fixo ao avó Pepe. Vai falar coa familia para facerlles chegar que se vai montar unha exposición sobre presas no cárcere de mulleres de Celanova nos anos da guerra e que se vai contar aquela historia dos fuxidos da parroquia de Quins e das nais e pais que os defenderon, e aos que algún, como o Plácido, non puideron volver ver nunca.


NOTAS

[1] SUMARIO 1134/1937. Arquivo Intermedio Militar del Noroeste, Ferrol.

[2] Conversa telefónica con María Ánxeles Pérez, bisneta de Delfina Alonso e Inocencio Durán, que se puxo en contacto co Comité e cedeu para a súa publicación as fotografías que aparecen nesta entrada e algunha máis que fará parte da exposición PRESAS e MESTRAS.

[3] PRADA, Julio (2006). Fuxidos, entobados, desertores e contrabandistas: aproximación á problemática das orixes da resistencia antifranquista en Ourense, en Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, nº 14, páx. 221-238.

AGRADECEMENTO

O Comité agradece ao persoal do Rexistro municipal do Concello de Melón as facilidades e toda a axuda que prestou para topar documentación relativa ás sete mulleres que figuran na lista de presas en Celanova como ingresadas o mesmo día, o 4 de agosto de 1937.


Delfina, de loito á dereita, e Inocencio, con boina no centro, co Luis, que colle ao pai polo ombreiro, con familiares en Quins.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario