O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova informa da próxima presentación en Celanova dos ensaios Mulleres libertarias na Galiza (1891-1976) e María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo dentro da programación das III Xornadas Memoria e Muller. Lembranza de María Cabaco, que se desenvolverán no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova os días 27 e 28 de xuño.
O sábado 27, dentro da programación de mañá, Eliseo Fernández e Dionísio Pereira presentarán o seu ensaio sobre as libertarias, resultado dunha revisión e ampliación de traballos anteriores que vén de publicar a Editorial Imperdible cun prólogo de Carmen Blanco.
O domingo pola mañá, no peche das xornadas, Aurora Marco presentará a biografía da mestra de Pontedeume María Vázquez Suárez, fusilada polos fascistas o 19 de agosto de 1936.
A continuación, podedes ler dous estractos de dúas recesións sobre estas obras e consultar as ligazóns aos artigos completos.
“Os historiadores Eliseo Fernández e Dionísio Pereira presentaban no II Congreso de Memoria Histórica (Culleredo 2005) o traballo Mulleres Libertarias na Galiza (1931-1939), un dos primeiros traballos da historiografía galega con perspectiva de xénero. Ao ano seguinte, publicaban «Unha achega á represión franquista contra as mulleres libertarias na Galiza» no nº11 da revista Unión Libre. Agora, 20 anos despois están a rematar una edición revisada e ampliada dos devanditos traballos. (…) Din os autores que dun mínimo de 950 cadros cenetistas e anarquistas que sufriron distintas maneiras de represión no tempo da Guerra Civil, cando menos 110 eran mulleres. Porén, as cifras sobre a represión da muller son enganosas, e non só porque ate hai pouco a muller pasara desapercibida para a historiografía, mais tamén, en boa medida, porque as represalias específi cas de xénero non foron recollidas nin polos xornais nin polos documentos de arquivo; aínda máis, as mesmas vítimas ou as súas familias as agacharon polo estigma de humillación e vergoña.
Ademais de ter sido represaliadas polo seu compromiso político e social, recibiron un castigo propio, o de xénero. Un magoado exemplo disto foi o acontecido a Ascensión Molares, a compañeira do sindicalista mariñeiro de Moaña José Paz Pena, espoliada «á brava» das súas poucas pertenzas, mallada, rapada, exhibida na rúa, violada por anos…, tal e como o relataba 86 anos despois con dor e rabia a súa bisneta Antía Paz, nun artigo publicado na revista Luzes.”
Lola Varela: «Unha ollada á represión de xénero. As mulleres libertarias», Lola Varela (Nós Diario). Eliseo Fernández e Dionísio Pereira no II Congreso de Memoria Histórica «Mulleres Libertarias na Galiza (1931-1939)». (https://shortlink.uk/1voxZ)
“O 19 de agosto de 1936 a mestra María Vázquez Suárez foi fusilada. Fora detida na Coruña poucas semanas despois do Golpe de Estado do 18 de xullo, acusada de defender a escola laica, e despois de ser encarcerada en Pontedeume, foi executada, sendo -xunto con Mercedes Romero Abella- unha das dúas mestras galegas asasinadas neses primeiros momentos de represión. En 1933 afiliárase á FETE-UGT e en 1935 ocupou o cargo de vicetesoureira na Coruña.
Agora Aurora Marco, que xa a incorporara ao Dicionario de Mulleres Galegas, vén de publicar María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo (Alvarellos), un ensaio que percorre a súa vida e detalla a súa detención e morte, incluíndo ademais o “lamentable” expediente de depuración, aberto catro anos despois do seu asasinato. (…) A comisión depuradora provincial propuxo a súa separación definitiva do ensino, que as autoridades centrais fixeron pública case seis anos despois do asasinato. “Era tan mala, irrascible [sic] y roja, que hubieron de fusilarla en los primeros momentos los nacionales, por el peligro que constituía”, di o seu expediente de depuración, recollido na entrada da web A Coruña das Mulleresda A.C. Alexandre Bóveda.”
Marcos Pérez Pena: María Vázquez Suárez, a mestra socialista que o franquismo asasinou.(https://shortlink.uk/1voxU)
Durante estes días iremos dando a coñecer o resto do programa das xornadas, nas que colabora o Concello de Celanova a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Historia de Galicia: https://historiadegalicia.gal/2026/05/celanova-ponera-o-foco-nas-mulleres-represaliadas-e-na-memoria-antifranquista-nas-iii-xornadas-memoria-e-muller/
1 comentario
Programa das xornadas Memoria e Muller 2026 – memoriacelanova · 27 Maio, 2026 ás 10:14 p.m.
[…] Presentacións en Celanova dentro das xornadas Memoria e Muller As xornadas Memoria e Muller incorporan o recordo de María Cabaco Categorías: Comunicados Etiquetas: Memoria e Muller […]