Introdución (*)

Perfil Biográfico

Xosé Luís Méndez Ferrín naceu en Ourense en 1938. Pasa a nenez na cidade natal, con estancias en Vilanova dos Infantes, de onde procedía a familia paterna; e tanto Ourense como Vilanova serán dúas presenzas recorrentes na súa obra. Na capital ourensá fai o primeiro curso do Bacharelato, trasladándose logo, en 1949, coa súa familia a Pontevedra; nesta cidade remata os estudos de ensino medio no colexio da Inmaculada Concepción.

Durante os primeiros anos cincuenta vaise facendo consciente da peculiar situación en Galicia, nacendo así no futuro escritor unha preocupación nacionalista que non o abandonará nunca.

En 1955, debido á profesión do seu pai, que era xuíz, a familia trasládase a Vigo, outra cidade que deixará unha forte pegada na súa obra. Neste mesmo momento comeza os estudos universitarios de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Durante os dous anos que alí pasa mantén contacto co galeguismo cultural que se artella en torno á Editorial Galaxia e á persoa do ensaísta e político Ramón Piñeiro. Será tamén agora cando se manifeste definitivamente a súa vocación literaria coa publicación, en 1957, do seu primeiro libro, o poemario tituladoVoce na néboa.

No curso 1957-1958 vai a Madrid onde se licencia, tres anos despois, en Filoloxía Románica. Nesta capital continúan as relacións do galeguismo alí situado, mais destaca sobre todo a creación, en 1958 do grupo xeracional Brais Pinto, que leva o nome dun imaxinario afiador. O grupo constituíuse en torno á editorial homónima e estaba formado por uns xoves artistas e poetas interesados polo vangardismo e influídos por un certo anarquismo e existencialismo beat. Esta agrupación de mozos tiña moito de colectivo de amigos, no que se encontraban, á parte do propio autor, o pintor Raimundo Patiño, o político Bautista Álvarez, o profesor Herminio Barreiro e os escritores Xosé Fernández Ferreiro, Bernardino Graña, Alexandre Cribeiro e Ramón Lourenzo.

A fins dos anos cincuenta, na universidade madrileña teñen lugar as loitas estudantís contra o Sindicato de Estudiantes Universitarios, dirixidas por organizacións marxistas e en especial polo Partido Comunista de España; Ferrín participa, desde a base, neste movemento político. En 1958 publica o seu primeiro libro de relatos, Percival e outras historias, ao que seguirá outro en 1961: O crepúsculo e as formigas. Ambas as dúas obras reflicten a preocupación vangardista e o pesimismo existencial do ambiente en que foron creadas.

En 1961 o escritor vai á Universidade de Oxford, onde segue un curso de cultura inglesa, e entre os anos 1963 e 1965 realiza distintas viaxes por Europa. Estes feitos son mostra da súa sensibilidade universitaria e deixarán un sedimento europeo na creación literaria ferriniana. En 1964 sae a súa primeira novela, Arrabaldo do norte, produto do contacto directo co nouveau roman francés.

Despois de facer o servizo militar en Canarias, o autor pasa dous anos (1962-1964) en Lugo, exercendo como profesor do colexio Fingoi, ata que en 1965 obtén a cátedra de Lingua e Literatura española do Instituto de Bacharelato Santa Irene de Vigo, e instálase definitivamente nesta cidade. En 1966 publica un estudo sobre o Cancioneiro de Pego Meogo que fora realizado cunha bolsa do Centro de Estudos Fingoi. Esta obra mostra, á vez, a sensibilidade crítica que será característica do autor e a súa vinculación metodolóxica coa escola filolóxica española (non en van fora alumno de Dámaso Alonso e Rafael Lapesa nas aulas madrileñas).

En torno á metade da década de 1960, Ferrín descobre o marxismo ao tempo que se reorganiza a loita política nacionalista. En 1963 créase o Consello da Mocedade no que está integrado o escritor e do que sairá, xunto cun sector de mozos que se unirán a vellos nacionalistas e antigos comunistas, para formar a Unión do Pobo Galego en 1964. Este partido —que suscitará múltiples alusións na creación do autor— sería o principal axente galeguizador da vida política e cultural de Galicia nos anos sesenta e setenta, motivando así un cambio de rumbo na política galega dos últimos anos do franquismo.

Xa desde os primeiros libros, pódese rastrexar a clara preocupación política do escritor, pero a partir destes anos sesenta a política será unha experiencia fundamental para a súa vida, e a intensidade de tal vivencia ficará profundamente plasmada na literatura ferriniana. Como consecuencia da actividade despregada é procesado en tres ocasións. En 1967 foi acusado de propaganda ilegal e estivo detido na prisión de Príncipe de Vigo, pero finalmente foi absolto polo Tribunal de Orde Pública. Ao ano seguinte sufriu un proceso por rebelión militar, do que finalmente conseguiría o seu sobresemento. A acusación estivo motivada pola viaxe que o escritor realizara a América —con estancias en Buenos Aires e Montevideo— na que, ademais de participar nuns xogos florais, fixera campaña pola recuperación da directiva dos centros galegos para o galeguismo democrático e mantivera contactos co nacionalismo radical do exilio e a emigración. En 1969, durante o estado de excepción, volveu ser detido, xulgado e condenado a dous anos de cárcere, dos que cumpriu parte nas prisións de Vigo, da Coruña e finalmente no penal de El Dueso (Cantabria). Neste caso, a acusación foi tamén por propaganda ilegal e a única proba aducida resultou ser o manuscrito da novela inédita Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, que estaba dedicada aos guerrilleiros galegos. Máis tarde, en 1972, a raíz das folgas de maio e setembro en Vigo, houbo contra el unha orde de busca e captura e tivo que pasar á clandestinidade.

Moitas das obras publicadas durante os anos setenta están fundamentalmente marcadas polo contexto do nacionalismo marxista en que se move o escritor. Despois de varios anos de silencio, publica en 1971 a novela curta Retorno a Tagen Ata, á que seguirá en 1972 o poemario Antoloxía popular, editado no exilio polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo baixo o pseudónimo de Heriberto Bens. En 1974 sae o libro Elipsis e outras sombras, no que aparece suprimido, por razóns de censura, o relato Eipsis que lle dá título. Ao ano seguinte edítase en Xenebra o poema Sirventés pola destrución de Occitania, e en 1976 saen dous libros importantes: a novela Antón e os inocentes e o poemario Con pólvora e magnolias.

Na metade da década dos setenta, Ferrín entra en contradición coa dirección da UPG, á que acusa de reformismo, e, tras sucesivos conflitos, alíñase nun nacionalismo claramente independentista e marxista-leninista. En 1977 participa na formación da UPG-liña proletaria, que se converterá en 1978 no Partido Galego do Proletariado, e en 1979 na creación da Organización de Liberación Nacional Galicia Ceibe. En 1980 é detido baixo a acusación de tenza de armas e por todo iso cumpre unha condena de tres meses no cárcere de Segovia.

As obras que publicou a comezos dos anos oitenta reflicten a virulencia das tensións habidas no seo do nacionalismo, como ocurre co libro de relatos Crónica de nós e coa recompilación da Poesía enteira de Heriberto Bens, ambos de 1980.

En 1982 publica dúas obras clave no xénero narrativo e no poético: Amor de Artur eO fin dun canto. Ao ano seguinte, a Xunta de Galicia concédelle o Premio Álvaro Cunqueiro, pero Ferrín rexeita o galardón e os dous millóns de pesetas que comporta como un xesto político contra unha Xunta que considera “non galega”.

En 1983, o grupo de teatro Antroido fixo unha adaptación de certos textos da súa obra narrativa no espectáculo titulado Percival, e nese mesmo ano estreouse a súa peza Celtas sen filtro a cargo do grupo Artello. En 1984 saíu o libro De Pondal a Novoneyra, que recolle e actualiza o texto da súa tese de doutoramento sobre a poesía galega de posguerra.

Durante a década de 1980 sucédense as redicións de moitas obras do autor, aparecen as primeiras traducións a outras linguas e continúan as mostras da súa nova produción, que o confirman definitivamente como novelista: Arnoia, Arnoia, en 1985, e Bretaña, Esmeraldina, en 1987. Esta última obra recrea literariamente as sucesivas vivencias carcerarias do autor e o seu coñecemento do mundo represivo.

Xunto á devandita traxectoria profesional, literaria e política de Ferrín, cómpre sinalar outra serie de actividades que discorren paralelas coas anteriores, como é o seu labor de articulista, conferenciante e promotor cultural. Foi, por exemplo, primeiro premio de poesía nas Festas Minervais de Santiago en 1956, bautizada precisamente polo autor co nome destas xustas literarias. Colaborou cos seus artigos no esforzo de recuperación cultural levado adiante polo diario La Noche de Santiago na posguerra, como o faría tamén na revista Vieiros de México. Durante os anos sesenta e setenta espallou moitos dos seus poemas por revistas galegas e foráneas, ao tempo que desenvolve —ata a actualidade— unha grande actividade como articulista en diferentes medios de comunicación, e como promotor de diversas iniciativas culturais.

Caracterización da obra de Méndez Ferrín

A produción literaria de Ferrín abrangue a poesía, a narrativa breve, a novela, a crítica literaria e o teatro, sendo especialmente importante no desenvolvemento dos tres primeiros xéneros. O abano creativo ferriniano presenta unha clara unidade, superposta á lóxica variedade xenérica e ás naturais inflexións cronolóxico-evolutivas.

Dita unidade vén dada sobre todo pola actitude cultural do escritor, que se sitúa conscientemente nunha liña cultista, universalista e nacionalista dentro da literatura galega. Ferrín recolle a apertura a Europa e ao mundo, presente na nosa tradición cultural desde a literatura medieval dos Cancioneiros e da prosa novelística ata o universalismo do grupo Nós e do vangardismo e clasicismo da época do Seminario de Estudos Galegos, pasando polo celtismo e o helenismo de Pondal. E este universalismo combínase coa procura nacionalista do agachado pouso autóctono que o leva a retomar vellas tradicións e teimas galeguistas (como a do «atlantismo»); a rescatar, entre a historia oficial, os momentos en que a vida galega tentou ir por un camiño de seu e a recrear certos aspectos dos costumes, lendas e mitos propios, xa esmorecentes, recolleitos e estudados por etnógrafos e antropólogos. Dito nacionalismo universalista é moldeado pola preocupación cultista que leva ao autor a tentar unha obra á altura da literatura universal do noso tempo, combinando achegas dos modelos clásicos con actitudes rupturistas do vangardismo.

Á parte desta situación do escritor nunha determinada corrente da nosa historia literaria, non cabe dúbida de que a súa forte personalidade é responsable tamén da unidade devandita. O carácter marcadamente persoal da súa escrita é o que dá lugar a esa linguaxe propia e inconfundible, cargada de símbolos internos e recorrencias temáticas.

A peculiar linguaxe poética do escritor irmanda poesía e narrativa, predominando en ambas as dúas un característico estilo épico-lírico. A unidade semántica xira en torno á recorrencia de motivos como a opresión e a liberación, a fugacidade do tempo e a nostalxia, o desamor e o amor ou a soidade e a solidariedade. Ademais, o especial sincretismo asimilativo é outro dos trazos compartidos polas súas creacións, que se caracterizan, neste sentido, por unha recreación das obras e das tradicións literarias máis variadas, para integralas no seu propio mundo.

De todos xeitos, é posible sinalar —como ten feito nalgunha ocasión a crítica— a existencia dunha certa evolución ou duns pequenos cambios que marcan unha serie de etapas no desenvolvemento da obra de Ferrín. Estes cambios de rumbo están motivados polas variantes no contexto sociocultural e nas vivencias do escritor. Sen darlle, pois, un carácter moi ríxido a esta división, pódese falar de tres etapas, tanto no que se refire á poesía como á narrativa.

Ferrín pertence á terceira xeración de posguerra, a dos autores nacidos nos anos trinta: a denominada Xeración das Festas Minervais. Á súa evolución poética coincide, en liñas xerais, coa dos outros membros da xeración, integrándose ao mesmo tempo no devir xeral da poesía galega. O noso autor comeza cultivando a poesía dentro da moda existencial dos anos cincuenta, inscribíndose, con Voce na néboa, na denominada Escola de Tebra. Como é sabido, dita escola poética foi conformada, á fin desta década, por Manuel Cuña Novás, Manuel María e o grupo Brais Pinto, e caracterízase por un marcado pesimismo existencialista.

A segunda etapa desenvólvese durante os anos sesenta e coincide coa moda social, iniciada en Galicia por Celso Emilio Ferreiro e anticipada no exilio por Emilio Pita, Luís Seoane e Lorenzo Varela. Aínda que a poesía de urxencia política non se reduce en Ferrín só a este momento, está claro que a Antoloxía popular e a Poesía enteira de Heriberto Bensencaixan dentro de certas actitudes e temas da poesía social. De todos os xeitos, o autor apártase do socialrealismo dominante no contexto galego, ao adoptar un distanciamento vaticinante, facer un canto épico do pasado mítico da Galicia rebelde, mostrar un compromiso ideolóxico e militante explícito e coidar a linguaxe en todos os seus aspectos.

A terceira xeira desenvólvese ao longo dos anos setenta e oitenta e plásmase en Con pólvora e magnoliase en O fin dun canto. Coincide co cambio de rumbo que o propio autor contribúe a forxar dentro da poesía galega, e que deu lugar a un novo período caracterizado fundamentalmente pola apertura temático-estilística. Nos poemas desta época continúan os motivos temáticos existenciais e políticos coñecidos, que agora se revisten cunha abondosa carga culturalista, adoptando unha maior dimensión esteticista.

De todos modos, malia as devanditas inflexións evolutivas, a poesía de Ferrín posúe unha forte unidade que vén dada pola súa adscrición estética ao formalismo de Pondal; polo seu entroncamento coa tradición literaria céltica, particularmente coa poesía irlandesa; pola impronta vangardista, en especial do surrealismo francés e do movemento beat¹. Desta maneira, a súa poesía responde a unha estética expresionista que sobresae polo seu verbalismo. Estas características sitúan ao autor á marxe dos gustos literarios dominantes durante a longa posguerra, que xiraban en torno á tradición literaria ibérica e, sobre todo, española. Esta diferenza maniféstase máis claramente no período socialrealista, cando está de moda o prosaísmo coloquial e a sátira realista de Manuel Curros Enríquez.

O conxunto da narrativa ferriniana ten, se cadra, unha maior cohesión, pois conforma un cosmos autorreferencial dotado dunha fonda dimensión estética e conceptual. Ferrín creou unha construción mítica que xira en torno ao país de Tagen Ata, arquetipo dunha nación oprimida que é imaxe de Galicia, pero tamén do mundo. Esta unidade de fondo foi sinalada polo propio autor na introdución a Elipsis e outras sombras e podería aplicarse a toda a súa obra:

“Este libriño é apenas fragmento do libro que despaciosamente escribo dende unha tarde fría de 1955 na que se me revelou a vía que conduce a certa literatura nostálxica e materialista, apuntada cara a un futuro noso de pólvora e cristais liberados”.

Tal como mostran as devanditas palabras, o aspecto totalizador e borgeano, xunto co materialismo dialéctico, caracterizan unha narrativa obsesionada pola liberación e inmersa na nostalxia. Esta insólita mestura fala por si mesma da actitude integradora do diverso e da persoalísima recreación das influencias máis variadas que se observan ao longo da súa traxectoria narrativa. Efectivamente, combinando realidade e ficción, épica e lírica, expresionismo e simbolismo, Ferrín crea un universo poboado de ecos literarios, entre os que resoan mitos célticos e xermánicos, Kafka, Robbe-Grillet, Swift, Borges, Cortázar, Tolkien, Otero ou Cunqueiro.

Como ocorre tamén coa súa poesía, a narrativa do autor é fundamentalmente creación lingüística. Neste exercicio de linguaxe atopamos fluxos e refluxos que van desde o estilo magnetofónico aos máis frondosos barroquismos. A sinxeleza lingüística parece dominar nas primeiras obras, como por exemplo en O crepúsculo e as formigas, mentres que nas obras de madurez semellan incrementarse os alardes formais, como ocorre en Amor de Artur e Bretaña, Esmeraldina.

Cómpre sinalar, así mesmo, a oscilación existente entre unha vertente realista e outra simbólica, aínda que no conxunto parece predominar a segunda, pois nela se inscribe a maior parte das obras do autor: Percival e outras historias, Arrabaldo do norte, Retorno a Tagen Ata, Arnoia, Arnoia, Bretaña, Esmeraldina e o groso dos relatos de Elipsis e outras sombras. Pola contra, o rexistro realista é o predominante enO crepúsculo e as formigas,Antón e os inocentes e Crónica de nós.

Podemos constatar tamén a existencia de tres etapas narrativas. A primeira iría de fins dos anos cincuenta ata mediados dos sesenta (1958-1964) e coincidiría co desenvolvemento da denominada nova narrativa², movemento que introduciu na prosa de ficción renovacións formais e temáticas procedentes da literatura europea e americana, especialmente de autores como Joyce, Kafka, Sartre, Camus, Faulkner etc. A este período pertencen os relatos cheos de misterio e fantasía de Percival e outras historias, as narracións de terror e cru naturismo de O crepúsculo e as formigas e a novela obxectalista Arrabaldo do norte. Tematicamente, estas obras insisten no absurdo e no sensentido da vida, deixándose ver nelas pegadas do existencialismo. Todas elas presentan construcións abstractas de situacións paradigmáticas e mundos parabólicos, dos que o contexto galego está ausente de maneira directa; se ben, indirectamente, sempre se fala del.

A segunda etapa abranguería a década dos setenta (1971-1980) e caracterizaríase por unha maior riqueza temática, unha gran variedade de influencias e a omnipresenza da preocupación política. Este período ábrese precisamente en Retorno a Tagen Ata, unha parábola do nacionalismo coa que o autor inicia o seu particular xénero de política-ficción, que será continuado nos relatos borgeanos e cortazarianos de Elipsis e outras sombras e Crónica de nós. A eles hai que sumar a novela palelística Antón e os inocentes, que contrapón a vida na posguerra galega coa guerra de Indochina.

A terceira etapa esténdese polos oitenta (1982-1987) e caracterizaríase por unha volta á fantasía e ás recreacións míticas propias da súa primeira época, ás que agora se superpoñen as influencias de Tolkien e Ende, ao tempo que se acentúan as máis antigas de Otero e Cunqueiro. A este terceiro ciclo, no que se redondea o mundo narrativo de Tagen Ata, pertencen os relatos decadentistas de Amor de Artur, a narración iniciática de xénero fantástico Arnoia, Arnoia, e a novela carceraria Bretaña, Esmeraldina.

Notas

¹ Forman parte do autor como Lawrence Ferlinghetti (1919), Allen Ginsberg (1926-1997) e Jack Kerouac (1922-1969).

² Forman parte dela autores como Carlos Casares, Gonzalo R. Mourullo, Camilo Gonsar, Mª Xosé Queizán ou Xavier Carro, se ben todos eles tiveron unha posterior -e diversa- evolución.

(*) TEXTOS TIRADOS DA EDICIÓN DE ‘CON PÓLVORA E MAGNOLIAS’ DE CARMEN BLANCO E CLAUDIO RODRÍGUEZ FER PARA XERAIS (9ª edición, marzo 2019).

Categorías: Sen categorizar

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario