A pintada atópase na fachada oeste do Mosteiro de San Salvador de Celanova, especificamente na fachada da igrexa. Esta parte do edificio é a que proxecta a súa imaxe cara á Praza Maior.

Trátase dunha inscrición realizada con algunha pintura na que se pode ler a lenda Adiante Semanario que resistiu á chuvia, ao vento, ás xeadas, á calor e aos distintos usos humanos da praza durante nove décadas. Hoxe fai parte dun Ben de Interese Cultural (BIC), como é o propio conxunto monástico.

A inscrición está localizada sobre os casetóns refundidos almofadados que forman o zócalo da igrexa. Data dalgún momento entre o verán do 32 (fundación das Mocedades Galeguistas de Celanova) e comezos de 1933 (o 5 de xaneiro publícase o primeiro e único número conservado do Adiante Semanario, órgano de prensa das Mocedades).

Respondería así á campaña de lanzamento do semanario.

Non se coñecen os autores materiais, mais andarían no grupo o Pepe Velo e o Celso Emilio Ferreiro, membros, entre outros, da primeira directiva das Mocedades.

A pintada representaba naquela altura -hai 93 anos- o compromiso galeguista e nacionalista e a expresión do pensamento crítico a través dunha acción práctica inmediata.

É parte do legado da xeración de políticos e intelectuais que deron forma á Celanova moderna e que tiveron unha influencia notábel na política e na cultura galegas do exilio, o franquismo e a transición a través das súa produción literaria e o seu activismo cultural e político de raíces republicanas, galeguistas e, finalmente, antifascistas.

HOXE

O estado de conservación da pintada viuse gravemente afectado por un intento de borrado por parte do equipo de rodaxe dunha serie para televisión da produtora Vaca Films, sucedeu o 6 de marzo de 2026. Até hoxe, descoñecemos que produto se empregou.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova levaba catro anos alertando da necesidade urxente de adoptar medidas de protección da pintada e propuxera ademais ao Concello de Celanova unha intervención sobre a mesma que comezase pola diagnose do estado de conservación, xa que nos últimos tempos, dende a peonalización da Praza Maior e a retirada dos elementos que protexían a fachada oeste, os muros viñan sufrindo os impactos dos balóns dos xogos dos rapaces.

Nos últimos seis anos, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova intensificou as accións para salvagardar a pintada:

No 2022, o Comité alertou á Alcaldía do deterioro e logrou que o PSdeG-PSOE e o BNG levasen unha moción de urxencia ao pleno do 5 de outubro para habilitar protección permanente. Colocouse un cartel temporal pedindo non golpear a fachada, que resultou ineficaz.

No 2023, a protección da pintada incluíuse nun decálogo de medidas de memoria para as eleccións municipais.

No 2024, realizouse unha consulta á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galiza, que recomendou promover a súa declaración como “ben inventariado” a través dunha serie de actuacións sobre a pintada. O Comité solicitou orzamentos para un estudo de diagnose.

No 2025, o goberno local comprometeuse a incluír unha partida con ese fin nos orzamentos municipais, mantendo contactos co Comité ao longo do ano, mais a partida non se chegou a executar.

NO INMEDIATO

Agora, o obxectivo final das intervencións que se propoñen desde o Concello de Celanova, coa colaboración da produtora cinematográfica, é conseguir a recuperación e reintegración da pintada ao seu aspecto previo á agresión do 6 de marzo, minimizando os danos causados e garantindo a súa preservación.

O 20 de marzo, dúas semanas despois dos feitos, expertos en restauración comezaron os traballos previos á intervención, mentres o Alcalde explicaba ao Comité de que o departamento de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura da Xunta -que deberá autorizar calquera actuación- tiña sido informado da situación da pintada.

Nesa data comezaron os traballos de diagnose do estado da pintada ADIANTE SEMANARIO, primeiro paso para a súa conservación e a toma de medidas para a súa protección.

Para determinar o seu estado actual, os expertos propuxeron as seguintes análises técnicas: Estudar a composición e o estado da pedra onde se atopa a pintada; analizar o estado, a composición e a fixación da pintura histórica; investigar a composición e o efecto do produto que foi aplicado sobre a pintura orixinal para entender o alcance das consecuencias; e identificar outras patoloxías previas para aplicar tratamentos que garantan a súa conservación futura.

Categorías: Anacos da historia

1 comentario

vicente piñeiro gonzález · 22 Marzo, 2026 ás 11:28 a.m.

Para min esa pintada non é só unha inscrición nun muro. É unha voz. Un latexo que quedou prendido na pedra cando alguén, con máis ilusión ca medios, decidiu escribir “Adiante” mirando cara ao futuro. É un documento histórico, unha voz que atravesou case un século e que nos fala dun momento concreto de compromiso político, cultural e lingüístico en Galicia. Forma parte da memoria material dunha xeración —a das Mocedades Galeguistas— que deixou unha pegada fonda no noso país. O seu valor non reside na súa estética, senón no seu significado: é testemuño dunha vontade colectiva, dunha idea de país e dunha forma de expresión directa, pública e valente. Por iso, o seu legado é dobre. Por unha banda, histórico e político, como expresión do galeguismo e do pensamento crítico nun momento clave. Por outra, patrimonial, ao formar parte dun conxunto BIC como o mosteiro de Celanova. O ocorrido recentemente é preocupante, non só polos danos materiais, senón porque evidencia a fraxilidade coa que ás veces tratamos a nosa propia memoria. Non se trata de sinalar, senón de aprender: o patrimonio —tamén o máis humilde— require coñecemento, respecto e protección. Agora o importante é garantir unha restauración rigorosa e, sobre todo, establecer medidas de conservación eficaces para que algo que resistiu noventa anos non volva quedar desprotexido. Porque borrar unha pintada pode parecer un xesto pequeno, pero ás veces é tamén borrar unha parte da historia.

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario