✍🏻 Erik Dobaño
María Otilia Rodríguez Mosquera, María Cabaco, faleceu este mércores, 18 de febreiro de 2026. Cando a busquedes, camiñade sempre cara a primeira liña, a liña da fronte. Así coñecín a María a finais de marzo de 2020 cando decidiu denunciar o abandono inhumano das mulleres e homes residentes e traballadoras na San Carlos de Celanova, nunhas circunstancias imposíbeis, parecía, para calquera acción dese tipo. No peor daquela pandemia, María buscou recursos debaixo das pedras, e atopou saídas. Convenceu xente, puxo de acordo a case todas, levou o berro de auxilio ao concello, ao parlamento, participou con familias de todo o país en medios de comunicación e en reunións con responsábeis políticos, falou, chorou, desesperou e seguiu adiante. Coñecín de verdade a María o 11 de agosto daquel ano, cando soa -co Elvis, sempre ao seu lado, e apenas un par de familiares de residentes afectados en centros de Ourense- decidiu que había que plantar a denuncia no corazón da vila e colocou once velas no pilón da praza en memoria dos once falecidos na San Carlos cando ninguén parecía facerlle ningún caso ao problema. Aquela mañá xuntouse pouca xente, pero un mes despois alí estaban moitos residentes, as traballadoras, patróns da San Carlos, políticos e veciñas e veciños, moita xente. Foi o principio da solución, que non foi a que tiña soñado María para a súa tía e as demais residentes. Mais algo mellorou. Todas as presións, mesmo ameazas, todo o afán por conseguir un trato digno para aquelas persoas débiles e asustadas enfrontándose a quen fixo falta deron froitos e un deles foi o exemplo. Cando preguntedes por ela, preguntade ás familias e ás traballadoras quen puxo o ombreiro para que desafogaran en medio daqueles días no inferno, pechadas, esquecidas; quen puxo a cara e o corpo e toda a súa vontade para que Celanova soubese delas e reaccionase.
A María era neta dun daqueles mozos que canda ao Velo e ao Celso Emilio fundaran as Mocidades, o Julio Rodríguez; e era neta dunha muller que desde o seu negocio de hostalaría cociñaba para os presos do cárcere, que mantiña correspondencia coas familias e na que confiaban para lles levar cartos á cadea, a Otilia Anta. Mais non foron aquelas historias as que trouxeron á María até a memoria histórica. Foi o descubrimento de que se podía facer algo por mitigar o sufrimento de familias que perderan aos seus. Foi ese mesmo 2020 cando a finais de ano se fundou o Comité e María entregou o seu traballo para o que fixera falta. E fixo moito e de todo, e nunca tivo medo de nada, convencida como estaba de que a memoria era reparación e a reparación era xustiza. Agora, ao escribilo, caio na conta do que a moveu estes anos. María empezou sendo a vice-presidenta porque lle tocou, sen ningunha pretensión de protagonismo nin sufoco cando tiña que dar a cara. María fixo de secretaria, de tesoureira, de portavoz cando tivo que facelo, levou trámites no concello, negociou con quen fixo falta, pechou comidas, viaxes, aloxamentos, sumou adhesións para o manifesto contra o símbolo do Outeiro da Obra, captou socias, fondos para actos, calmou tensións internas e externas, ofreceuse sempre e traballou todo o tempo. Sen o seu esforzo, aquela xornada na que por vez primeira autoridades asturianas, galegas e locais se reuniron no Instituto a finais de setembro de 2021 e que deu pé a que nos localizasen familiares de vítimas non tería sido posíbel. Cando as cousas se torcían, e torcéronse moitas veces, María sempre buscaba unha saída, e diso poden dar razón quen militou con ela na política e no activismo. Foi unha muller forte, e valente, determinada, con certo don de xentes, mais sobre todo un don para entender e atender ás persoas. María fixo de todo, moito e todo o tempo no comité, mais o que fixo como ninguén foi coidar das familiares das vítimas que fomos coñecendo nestes anos. Estivo moi próxima elas e, de novo co exemplo, convenceunos de que elas, as familias eran a razón e o fin de todo isto. Perdemos unha amiga, un piar e unha luz. Trataremos de conservar o seu exemplo na liña da fronte.
Esta é apenas unha pequena lembranza da María, que máis alá do seu compromiso político, na crise da residencia e da actividade en prol da memoria histórica, axudou -fóra dos focos, onde mellor se sentía- moita máis xente, deu moito e inda lle quedaba moito por dar.
Unha aperta sentida deste Comité para a África e o Elvis, que a animaron e acompañaron sempre nas súas loitas, e para a súa nai e irmás, ás que tanto admiraba.
Que a terra che sexa leve, María.









Noticia en La Voz de Galicia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/celanova/2026/02/19/muere-47-anos-celanovesa-maria-cabaco-portavoz-familiares-residentes-durante-covid-19/00031771524931437712972.htm?utm_source=twitter&utm_medium=referral&utm_campaign=twour
1 comentario
As xornadas Memoria e Muller incorporan o recordo de María Cabaco – memoriacelanova · 20 Maio, 2026 ás 7:40 a.m.
[…] María Cabaco, exemplo na primeira liña Categorías: Comunicados Etiquetas: María CabacoMemoria e Muller […]