Domingo Rodríguez Teijeiro rescatou no Arquivo Histórico Provincial de Ourense o expediente carcerario do recluso (1), que ingresou na cadea en Celanova o 5 de outubro de 1940, trasladado desde a Prisión Central de Burgos. No Libro de defuncións do Rexistro municipal de Celanova, a morte de Ángel Balius Pastor aparece documentada o día 10 (2). Ángel Balius sería a vítima número 88 de presos soterrados no camposanto celanovés, xusto uns días antes do episodio da Caseta de Ansemil que rematou no asasinato do guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira, que tamén recibiu sepultura en San Breixo segundo os rexistros.
Deste modo, o número total de vítimas da represión que foron soterrados alí aumenta a 91. No memorial inaugurado en marzo do ano pasado aparecen noventa nomes, que o profesor Rodríguez Teijeiro ten analizado nas súas últimas investigacións (3).
Ángel Balius Pastor morreu, debido a unha insuficiencia cardíaca, xusto antes de ser trasladado ao cárcere de Talavera de la Reina.
Solteiro, empregado administrativo do Instituto Geográfico y Estadístico en Madrid, militante de Izquierda Republicana, fora condenado á pena de trinta anos de reclusión maior na causa 30.953 e sentenciado o 28 de outubro de 1939. Pasou polo cárcere de San Antón, en Madrid, despois de ter sido detido en xullo daquel ano.

Na sentenza, o Tribunal lembra que a Balius “le sorprendió nuestro alzamiento en San Sebastián, ofreciéndose incondicionalmente a las autoridades rojas; a últimos de agosto regresa a Madrid por vía Francia y ya en su destino forma parte del comité depurador y tiene intervención principal en todas las medidas rojas que adoptan y consiste todo en las declaraciones de cesantías y persecuciones constantes a los funcionarios de derechas; al liberarse Cataluña se interna en Francia y al fin regresa a España; es izquierdista acérrimo”.
De Madrid pasou a Burgos a finais de decembro do 39, e alí estivo preso nove meses antes de que se ordenara o seu traslado a Celanova. Na Prisión Central de Celanova recibiu a nova da conmutación da súa condena previa pola definitiva de vinte anos e un día. A dirección do penal elixiuno para traballar coma mestre. O 25 de outubro de 1941, a Xunta de Disciplina propuxo o seu nomeamento como mestre, e a súa inclusión nos listados de redención de pena “polo esforzo intelectual”. O 1 de novembro de 1941 foi nomeado oficialmente Mestre Auxiliar. Tamén foi correspondente do semanario Redención, seguindo á estela de José Benito Álvarez Buylla e José Avila Marín.

Polo expediente tamén se sabe que solicitou en repetidas ocasións (outubro de 1941, xaneiro, febreiro e marzo de 1943) certificados de permanencia na prisión para que a súa nai, Filomena Pastor Herrera, puidera tramitar ou cobrar unha pensión.
Ángel Balius Pastor ingresou na enfermaría da prisión o 23 de xuño de 1943 procedente da cela número 36 (4). A diagnose, insuficiencia mitral. O 2 de xullo de 1943, a Dirección Xeral de Prisións ordenou o seu traslado desde Celanova á Prisión de Talavera de la Reina para traballar como “oficinista”. Este traslado non chegou a efectuarse. O parte de defunción do día 8, asinado polo médico Manuel Hurtado del Valle, establece a causa da morte por “insuficiencia mitral con estenose e edema agudo de pulmón inmediato”. Foi inhumado o 10 de xullo no cemiterio parroquial da vila.
A relación de fontes que ofrece a web combatientes.es (5) para futuras ampliacións da biografía de Ángel Balius Pastor é a seguinte:
- Causa General | Gobierno, Comites y Organizaciones de Madrid | Delegado del Instituto Geografico y Catastral, administrativo | Pagina 18. https://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/show/6057015
- Comision Central de Examen de Penas. Penas ordinarias conmutadas | Comision de Madrid | Referencia: ES.19030.AGMG/6.1.1. Caja 300235, Expediente 3097, Archivo General Militar de Guadalajara.
- Sumario 30953, Caja 2828, Orden 3. Tribunal Militar Territorial 1 | Serie: Sumarisimos | Madrid, 1939.
- Sección Especial de Masonería B, Caja 1095, Expediente 19. Tribunal Especial para la Represion de la Masonería y el Comunismo | Descripcion: Expediente personal negativo de Ángel Balius Pastor | Fecha: 1941-0906.
NOTAS
(1) Expediente persoal do recluso Ángel Balius Pastor. Caixa 23968/042. Arquivo Histórico Provincial de Ourense. https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?control=ADGD20220407137
(2) Libro de defuncións municipal de Celanova. Tomo 1941-1945. Folio 142, nº 8874.
(3) Rodríguez Teijeiro, D. (2025). “Sobre memoria e historia. Reflexiones entono a la “Fosa de los Asturianos” y la prisión del Monasterio de San Salvador (Celanova, 1936-1943), Minius, nº 30, pp. 245-269. Neste traballo, eleva a cifra de reclusos falecidos na prisión ata os 110, dos que 89 están enterrados no cemiterio de Celanova. Na súa maioría son presos políticos, pero tamén se constatan 5 reclusos que non entran dentro desta categoría.
(4) Libro de enfermaría da Prisión Central de Celanova. Tomo 1942-43. Folio 107, páxina 112.
(5) Referencias na web COMBATIENTES. https://buscar.combatientes.es/resultados/angel/balius/pastor



1 comentario
Relación de 91 vítimas soterradas entre 1936 e 1943 no cemiterio de San Breixo – memoriacelanova · 10 Febreiro, 2026 ás 8:12 a.m.
[…] Ángel Balius Pastor […]