Remataron o sábado pasado na Casa dos Poetas de Celanova as Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española que organizou o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e fixérono cunha mesa redonda na que falaron protagonistas daquel período en Ourense: Nemesio Barxa, Manuel Peña-Rey, Dolores Alonso Reverter e Alfredo Suárez Canal. Lembraron os catro as súas experiencias na loita antifranquista e historias familiares, como na caso de Dolores Alonso, cuxos pais se coñeceron polo paso das cadeas do Cumial e de Celanova: o pai, preso asturiano, a nai, filla de presos (e presa ela tamén durante determinado período en Bande en plena guerra).
Falou Dolores de como activaron o Movimiento Democrático de Mujeres en Ourense e das inseguridades nas primeiras accións. Falou Barxa, quen se declarou “independentista radical”, como entre os avogados das esquerdas se repartían o traballo de defensa e como militantes nacionalistas se ocupaban de casos dos comunistas e viceversa. El mesmo defendeu a Manuel Peña-Rey, e comentou como cando daquelas se entraba nun tribunal franquista sabías máis ou menos como ías saír fronte a incerteza que provocan hoxe os xuízos en determinadas instancias, e as sorpresas que se dan. Lembrou de como deu o paso do nacionalismo cultural ao nacionalismo político na época na que coincidiu con Luís Soto nun despacho de avogados de Ourense que defendía aos veciños de Castrelo contra o encoro.
Peña-Rey contou como se organizaba o activismo político na clandestinidade, de como as entidades culturais foron os espazos desde o que puido combater “a miseria intelectual do franquismo”. Tamén falou dos riscos que asumiron, desde a cadea até sancións administrativas, e do salto do ecoloxismo á axenda pública. Peña-Rey recordou como o movemento obreiro, o estudiantil, mesmo os intelectuais, contestaron a ditadura desde as primeiras décadas: “Houbo cantidade de folgas, de manifestos… foise erosionando pouco a pouco aquel réxime”. E fixo referencia ao proceso de Burgos -“nove sentencias de morte contra seis persoas” en decembro de 1970-, coma un dos momentos chave da ruptura coa ditadura,
“Martín Villa dixo nunha ocasión que a Transición foi unha obra de teatro, cun empresario que era o rei, un actor que era Adolfo Suárez e un autor que era Torcuato Fernández Miranda“, comezou recordando Alfredo Suárez Canal. “Eu engadiría que houbo co-produtores, como os Estados Unidos de América, que despois o cobraron coa entrada do Estado español na OTAN, e tamén certos poderes vinculados á socialdemocracia alemana que invertiron recursos para que aquí se consolidara unha opción bipartidista”. Despois lembrou outra frase, do propio Torcuato, que resumía o que pensaba a estrutura de poder franquista do que debía ser a Transición: “Da lei á lei, a través da lei”. Falou Suárez Canal de como ao nacionalismo -efervescente no final do franquismo, incipiente, mais inda débil estruturalmente- faltoulle tempo para consolidar unha resistencia máis firme desde Galiza á Transición negociada polas elites.
RÁDIO LIVERDADE GRAVOU A MESA REDONDA

Rádio Liverdade presentou así a mesa redonda: “Un coloquio entre catro personalidades destacadas da loita antifranquista en Galicia, especialmente en Ourense, desde posicións e militancias comunistas e nacionalistas, puxo fin ás Xornadas de memoria anti fascista sobre a Transición celebradas en Celanova na segunda quincena de novembro, coincidindo arredor do 50 cabodano da norte do dictador Francisco Franco. Na sala da lareira da Casa dos Poetas, presentados e moderados por Moncho Boán, membro do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que organizou as Xornadas, interviñeron Dolores Alonso Reverter, Nemesio Barxa, Manuel Peña-Rey e Alfredo Suárez Canal que evocaron momentos e acontecementos da Longa noite de pedra, algúns vivividos en primeira persoa por eles. Estoitamos un extracto dos seus recordos”.
E puxo a disposición do público unha gravación do evento: https://radioliverdade.com/a-transicion-en-galicia-mesa-redonda/
CRÍTICA DESDE GALIZA DA TRANSICIÓN ESPAÑOLA
Pola mañá, na presentación da obra colectiva A Transición en Galiza, editada por Laiovento hai un par de anos, interviron Adela Figueroa e Fran Redondo. Adela, poeta, novelista e ensaísta, fundadora de ADEGA e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega a mediados dos 70, contou as súas experiencias no ensino e as dificultades que tivo para traballar en galego naquela época e explicou como foi “a xente” quen impulsou de verdade loitas como as de Xove ou a da Fosa Atlántica cunha mobilización social que non se volveu a repetir no país até o Nunca Máis e que ve difícil que se poida dar na actualidade malia a que as agresións contra o territorio multiplicáronse. Adela vinculou lingua, territorio e nacionalismo galego e reivindicou a aproximación cara a lusofonía que orienta a súa actividade como escritora.
O historiador Fran Redondo trazou unha radiografía do Tribunal de Orden Público (TOP) desde as súas orixes a comezos dos sesenta até a súa disolución a finais do 77, para converterse apenas unha semana despois na Audiencia Nacional, co conseguinte traslado de xuíces e fiscais fascistas que xuraran os Principios do Movemento á propia Audiencia ou ao Tribunal Supremo. Redondo subliñou esta continuidade “endogámica e en defensa de privilexios” que se reproduciu tamén nas Forzas de Corpos de Seguridade e nas Forzas Armadas. É, advertiu, o que explica moitas das cousas que estamos a vivir hoxe na Xustiza española. Redondo achegou datos sobre os perfís dos máis de 400 galegos e galegas xulgadas polo TOP e sinalou que a represión política a través deste tribunal se cebou especialmente co nacionalismo vasco, e tamén co galego, así como co PCE e CC.OO.
“É hora de que a palabra antifascista apareza neste tipo de actos”, reivindicou. Ademais, Redondo deixou un par de recomendacións para afondar na historia da xustiza desde o franquismo á democracia na obra de Juan José del Águila (ver NOTA) e na súa monografía Arelas de liberdade na Galiza: Galegos perante o Tribunal de Orde Pública, editada por Laiovento no 2017.
No coloquio, Redondo deixou tamén unha réplica sinxela a esa lugar común de que o franquismo que se foi facendo “bo” co paso dos anos. “O franquismo comezou asasinando e morreu asasinando”, dixo.
NOTA
Breve apuntamento biográfico sobre Del Águila: https://www.cultura.gob.es/cultura/areas/archivos/mc/archivos/ahms/fondos-documentales/fondos-personales/juanjosedelaguilatorres.html
Ligazón á súa web: Justicia y dictadura: https://justiciaydictadura.com/
GALERÍA







Fotografías: Humberto Vergara.
UN POEMA
Como ramo ás xornadas publicamos un poema de Adela Figueroa dedicado a Rosalía que non puido ser lido ao remate da súa conferencia.
INDÍGENAS
Quero ser indígena coma ti, Rosalia,
para salvar da morte a floresta.
Para louvar a terra escarnecida
para cantar aos pássaros no nascer do dia.
Vou ir contigo escutar
os rumores cantadeiros dos mil rios;
como o teu Sar
ou como o meu Minho amigo.
Pentearemos todas duas
os cabelos
em novelos
na beira da fonte fria
Com o peite de prata da moura
da montanha estrelecida
Indígena sou coma ti
porque amo, malpocadinha,
a terra em que nasci
Língua de indígenas falamos
em quanto lutamos
contra a cobiça que cavalga
sobre nossos verdes campos
e nossas sagradas montanhas.
Indígenas somos porque gritamos
contra o poder insensato
que toda a terra arrasa.
Como indígenas adoramos,
nossas pedras, nossas águas
nossos montes,nossas fragas.
E cantamos-lhe ao vento
que zoa entre as almas por milénios
trazendo
para nós o som
de quem aqui viveu, amou, chorou
sobre as ervinhas dos campo-santos
da nossa terra vedralha.
Somos indígenas sofredoras
bravas, teimosas, lutadoras,
inconformistas, corajosas;
que coma ti comungamos
entre as folhas dos carvalhos,
com as raízes da Terra abençoada.
Vives em nós, mulheres da Galiza
a cantar e dançar alegres cantos
depreendidos no pontear esquivo
das Santinhas e as Santasas
Da nossa sagrada casa.
Em nós estás presente
quanto berramos:
Na nossa Terra digno Trabalho!
Tu rompiches os travões,
as algemas que nos paralisavam.
Junto das nossas irmãs,
indígenas coma nós,
nunca mais assovalhadas.
Agora o rio vai cheio
Nossa voz já não se para.
Rosalia: A ti, bem haja
___________________
0 comentarios