A palabra de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979) resoou forte en Celanova, forte e rexa na mellor tradición da poesía de combate, do escarnio dos poderosos, porque ás veces contra os tiranos non hai outro acto posíbel de resistencia que a palabra. A palabra antifascista, como subliñou Ramón Nicolás e o editor Xavier Romero, do libro O Cabronario (Editorial Elvira, 2024), poemas escritos durante a ditadura nos que Celso Emilio ispe Franco, o príncipe Borbón, os militares e e os baluartes católicos. A palabra comprometida do poeta celanovés, arredista nas Mocidades con Pepe Velo, fundador da UPG, nacionalista sempre, antiautoritario e rebelde desde a cerne até a fin, volveu a Celanova da man de seu fillo Xabier nun acto de reivindicación da loita contra o franquismo e da loita contra a impunidade franquista que se perpetúa 50 anos despois.

Á fronte do traballo de recuperación estivo Xabier Ferreiro, fillo do autor, quen compilou ambos volumes para a Editorial Elvira. Na xornada particpou tamén Antonio García Teijeiro, que explicou a pegada de Celso Emilio na súa obra.

No Auditorio Ilduara de Celanova, Alba Fernández, socia do Comité, recitou algúns poemas do Cabronario e de Pido unha patria ao mundo (Editorial Elvira, 2025), outra compilación inédita publicada hai apenas uns meses por un editor valente, Xabier Romero. Leu, entre outros, ‘Soneto de Paco el cabrón’, ‘Aquí yace media España’ e ‘Coplas que canta el vulgo’, e de ‘Pido unha patria…’, un dedicado a Moraima: ‘Abril 1972’ e tamén ‘A pesares do que pasa’.

Inesperadamente, e como un agasallo, Celso Emilio resoou forte no Auditorio. Foi cando Ramón Nicolás deu a palabra ao mesmo Celso Emilio -político, nacionalista e antifascista- na súa propia voz durante unha intervención nun mitin en 1977. Celso Emilio chamaba daquelas a dar “batalla ao franquismo que está intacto nas súas formas”. Nicolás subliñou esta frase -“dar batalla ao franquismo que está intacto nas súas formas”- que ben pode resumir o espírito destas Xornadas de Memoria Antifascista que organiza o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

O vídeo dese momento está na páxina de YouTube do Comité, aquí:

Nun comunicado, a Editorial Elvira contou que o acto incluíu unha emotiva e significativa nota musical a cargo dos artistas Orisel Gaspar e Pedro Román Company, quen deron voz e música á palabra de Celso Emilio. A súa intervención foi un diálogo artístico coas dúas obras presentadas: Pedro Román puxo música ao poema ‘Érase un home xeneroso e bo’, pertencente aos inéditos de Pido unha patria ao mundo, mentres que Orisel Gaspar fixo o propio con ‘Mestura de cagallón e escaravello’, un contundente texto de O Cabronario. Ambas interpretacións subliñan a vixencia e a potencia duns versos que manteñen intacta a súa capacidade de interpelar o oínte. Xuntos, abriron e pecharon o evento coa interpretación a dúo do poema ‘Moraima’, con música de Suso Vaamonde, tecendo así unha ponte sonora que uniu as distintas facetas do poeta e demostrou a permanente vixencia do seu legado.

O alcalde de Celanova, Antonio Puga, e da tenente de alcalde, Teresa Barge, tamén participaron da xornada, que tivo a colaboración do Concello de Celanova, e foi presentada polo presidente do Comité, Hixinio Araúxo. Apenas unhas trinta persoas asistiron á presentación, o que en opinión do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ten que ver non só con certa apatía propia dos tempos que vivimos, senón tamén co molesto que segue a resultar Celso Emilio na súa vertente máis política para quen determina hoxe as marxes da vida cultural dunha vila como Celanova, lonxe quedan os días das grandes homenaxes aos grandes poetas e grandes homes.

A xornada pechouse cun xantar na Taberna do Galo.

GALERÍA

Fotografías: Humberto Vergara.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario