Xabier Ferreiro volve a Celanova da man do Comité de Memoria Histórica da Comarca case dous anos despois da presentación de Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego, cando acompañou ao autor, Luís Gonçales Blasco, o Foz.
Xabier trae consigo dous libros do seu pai, O Cabronario e Pido unha patria ao mundo, que recollen poemas inéditos do poeta celanovés.
“A orixe do Cabronario ten dúas vertentes. Unha é o material poético escrito por Celso Emilio; a outra, facer un libro recollendo autores españois, vascos, cataláns… unha especie de antoloxía da resistencia á dictadura franquista. Esta segunda non chegou a callar. Mais Celso Emilio foi aumentando, segundo pasaba o tempo, ese material. Os primeiros poemas, até onde sei, poden datarse a partir de 1950; inda que a idea do Cabronario arranca, penso, mesmo despois da Guerra Civil, digamos que a cerna estaría nas Cantigas de Escarno e Maldicir que editou en 1968 en Caracas”, explica Xabier en conversa teléfonica desde O Incio, onde reside.
O Auditorio Municipal Ilduara de Celanova acollerá o sábado 22 de novembro, a partir das 11.45 horas, a presentación do Cabronario, editado o ano pasado pola Editorial Elvira, que tamén recupera outros poemas inéditos no libro Pido unha patria ao mundo, que vivirá a súa estrea en Celanova. Xunto a Xabier Ferreiro, participarán no acto Ramón Nicolás e Antonio García Teijeiro, expertos na obra de Celso Emilio, ademais do editor, Xabier Romero, que poucos días despois levará a obra de Celso Emilio á Feria Internacional del Libro de Guadalajara (México).

Que conta O Cabronario?
A temática do Cabronario é a poesía da resistencia en plena ditadura franquista. O libro pódese ler coma unha especie de guía daquela época. É poesía, e tamén é historia. Hai unha serie de personaxes retratados: o ditador, a familia de Franco, ministros, colaboracionistas, militares, o futuro rei, e tamén a Igrexa.
E por que o que conta soa tan actual?
É un poemario antiautoritario, empezando por iso. Este é un libro pertinente porque moitas das situacións que se reflicten daquela ditadura, moitas cousas, seguen vixentes. O autoritarismo non desapareceu coa morte de Franco e a chegada da democracia. Persiste. E estamos vendo como o sistema democrático se entrega a forzas que non o son. Calquera poema e o berro do libro é un berro actual.
Cando decides recuperar a idea que tiña teu pai e darlle forma ao libro?
O Cabronario, como xa dixen, non existía como tal. Estaba o material e a idea. Eu presenteilla a Xabier Romero, o editor, e inmediatamente acordamos que había que editalo. E así o fixemos no 2024. Teño que eloxiar a valentía do editor, porque non é fácil sacar adiante un proxecto de Celso Emilio como este e en castelán. Na actualidade, dicir o que pensas públicamente, xa sexas un rapeiro ou un poeta e te expreses musicalmente ou literariamente, volve ser un problema. Xa só o texto da contracapa, unha declaración de principios, unha declaración de principios antifascista, onde se define a obra como “un poemario a mano armada”, “un libro-bomba”, fai deste un libro molesto para moita xente.
Cales son as fontes do Cabronario?
Eu penso que son nas que bebeu durante moito tempo a poesía popular, o romanceiro e a poesía de escarnio principalmente. A respecto doutros autores, e teño que advertir que eu non son nin moito menos un especialista, penso que estaría na liña antiautoritaria de poetas como Celaya, Blas de Otero e mesmo León Felipe, talvez na liña quevediana do escarnio.
Houbo apenas dúas presentacións do libro, as dúas o ano pasado en Vigo e na Coruña. Que recepción está tendo O Cabronario?
Fíxose xa unha segunda edición. O libro está sendo lido, no papel e tamén nas redes. Hoxe a distribución é moi difícil. A editorial tivo convites para presentar en Madrid, agora está a feira de Guadalaxara e esta presentación en Celanova que, loxicamente, é especial e nos fai a todos moita ilusión, a fin de contas é retornar a casa.

A de Celanova será a primeira presentación de Pido unha patria ao mundo, de que se trata?
A diferencia do Cabronario, este é un libro que non tiña pensado como tal o meu pai. Fun reunindo moito o material que estaba en carpetas, en caixóns, para que este libro existise. Pido unha patria ao mundo, o título, vén dun poema que me parece axeitado para a nosa época. Hai pobos que teñen a idea de nación ou de país, pero non teñen país. E non é fácil telo. A patria non existe se non hai soberanía. Entón, as matrias son as que fornecen de soberanía aos pobos. As patrias hoxe deben dar paso ás matrias. Esa sería a idea que recollo do meu pai.
Queda máis material por publicar?
Si. O próximo libro, que espero que saía antes de final deste ano, será unha colección de aforismos.
E queda moito por musicar?
Claro. Mais musicar a Celso Emilio e facelo máis popular a través da música como se fixo hai tempo hoxe non é tan fácil, e por riba a maior parte do material do Cabronario está en castelán, supoño que haberá reticencias dentro da Galiza. Veremos o que pasa cando se faga a edición en castelán máis adiante.
Na presentación en Celanova, a editorial porá a disposición dos lectores exemplares de Pido unha patria ao mundo e O Cabronario, que se abre cos agradecementos de Xabier Ferreiro a Luís Gonçales Blasco, a Marga e a Thomas G. Schattner, autor da imaxe da portada.
