“O Cabronario. Un poemario a mano armada. É unha dinámica dinamita poética, un estouro, un estoupido, unha poutada da conciencia cotiá. Escolla vostede nesta polvoreira e déixese levar”. Así se presenta ao lector O Cabronario, compilación de poemas da resistencia contra a ditadura franquista, un libro pertinente porque o franquismo non acabou coa morte de Franco. Polas súas páxinas desfilan ministros, militares, príncipes, asasinos e un César anano.
O Cabronario preséntase este sábado en Celanova (11.45 horas, no Auditorio Municipal) xunto a outro libro que saca a luz outros inéditos de Celso Emilio: Pido unha patria ao mundo. Nesta obra, María Xosé Porteiro agasalla ao lector cunhas breves confesións de Celso Emilio. Por exemplo esta: “Penso que nun país onde se sufriu unha guerra tan terrible como a que padecemos quen, daquela, eramos mozos; nun país que se atopa abandonado, marxinado, coa sangría da emigración… un poeta non pode permanecer neutro. Tan só acheguei unha nova forma de tratar un poema que está vivo desde Rosalía ata aquí pero nada máis”.
Xabier Ferreiro, fillo do autor e compilador das dúas obras, e Xabier Romero, responsable da Editorial Elvira, estarán acompañados na presentación deste sábado en Celanova por dous dos principais expertos na obra de Celso Emilio: o escritor Antonio García Teijeiro e o crítico literario Ramón Nicolás (a xornalista María Xosé Porteiro, que tiña previsto participar, non poderá estar finalmente). O acto enmárcase dentro das Xornadas de Memoria Antifascista que organiza este mes o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e estará presentado polo presidente do comité, Hixinio Araúxo e polo alcalde da vila, Antonio Puga.
A editorial disporá exemplares á venda das dúas obras.
As xornadas, que comezaron o sábado pasado, terán continuidade o último sábado do mes coa presentación dun libro colectivo sobre a Transición na Galiza e unha mesa redonda con protagonistas ourensáns daqueles días de loita popular pola democracia fronte ao camiño marcado polas elites franquistas.
