“A batalla polo Pazo de Meirás inda precisa de compromiso e mobilización social. Meirás é, por resolución xudicial, do Estado mais de xeito provisorio. Falta a sentenza do Supremo, que debe decidir sobre a propiedade e sobre se os Franco teñen dereito a unha indemnización. Por outra banda, está a batalla polo relato. Pensade que Meirás, morto Franco, seguiu sendo un espazo de impunidade franquista até hai pouco; e que o Estado só moveu ficha pola mobilización social e pola investigación impulsadas desde o movemento memorialista”, advertiu Carlos Babío, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), onte en Celanova durante a apertura das Xornadas de Memoria Antifascista sobre A Transición Española.

“Ao Estado non lle quedou máis remedio que avanzar cara á normalización de Meirás como un lugar de memoria por esa mobilización e investigación social, por ese compromiso do movemento memorialista galego. En Meirás, este Estado que se quere presentar como modélico en materia de memoria, non fixo nada desde a morte do ditador até o 2019. E non aceptamos o relato falso sobre Meirás que se nos quere impor agora desde o Estado”, subliñou Babío, autor do ensaio ‘Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio’ que serviu de base á demanda que logrou que a familia Franco tivese que devolver as chaves a finais de 2020.

Mais desde entón a memoria non entrou en Meirás, insistiu Babío, que explicou como a Secretaría de Estado de Memoria Democrática, con Fernando Martínez á fronte, ten controlado os usos de Meirás deixando fóra á CRMH, impulsora da loita pola recuperación do Pazo nos últimos vinte anos, recollendo unha mobilización ben asentada na Coruña desde o tempo da Transición. O último episodio deste enfrontamento tivo lugar a principios de setembro, cando a Secretaría de Estado deu por caducado o expediente presentado pola CRMH para a declaración de Meirás como lugar de memoria e, inmediatamente, anunciou que o expediente sería tramitado de oficio polo Goberno e Fernando Martínez se presentou na Coruña para publicitar o anuncio.

Babío estivo acompañado por outro investigador da CRMH da Coruña, Ruben Centeno, que falou sobre as pescudas que está a levar a cabo sobre os presos e presas no cárcere da Coruña desde o golpe de Estado até a Transición. Centeno explicou outras represións, máis alá das políticas, pero represións sociais ao fin, como a represión contra os homosexuais e os pobres. “Pasaron máis de 10.000 presas e presos por aquel cárcere, familias enteiras nos anos corenta que constituían a rede de apoio da guerrilla. Imos expediente a expediente, e aínda que resulta difícil acceder a determinados arquivos, estamos a documentar todas as represións, que a partir dos anos sesenta ten unha compoñente política moi marcada co foco na oposición antifranquista”, avanzou Centeno, e alertou tamén sobre o estado de conservación do edificio -próximo á ruína- para o que a CRMH tamén solicitou a declaración de lugar de memoria nun intento de intentar salvado do esquecemento.

“Negar ás vítimas a recuperación e a participación no futuro destes espazos supón unha nova revitimización, silencio sobre o silencio”, reflexionaron Babío e Centeno, e informaron de que a CRMH está a traballar na localización de familias das 250 vítimas soterradas no cemiterio de Santo Amaro da Coruña así como das vítimas do cárcere da Coruña para, ben a través da Fiscalía de Memoria Democrática, ben a través da Querela Arxentina, encamiñar demandas por crimes de lesa humanidade.

HOMENAXE ÁS PRESAS DO CÁRCERE DE MULLERES (1936-37)

Nun acto previo ás conferencias, o Comité homenaxeou ao cento de presas que pasaron polo cárcere de mulleres de Celanova entre 1936 e 1937. Na ofrenda floral participaron o alcalde, Antonio Puga, e da tenente de alcalde, Teresa Barje. O Comité realiza esta homenaxe un ano despois de que o edificio ficase sinalizado como lugar de memoria de Celanova coa colocación dunha placa na que figuran uns versos do poema “Lilas” de Rochi Nóvoa. Outra poeta, Belem de Andrade interpretou un poema propio sobre as mulleres vítimas da barbarie fascista no país. Fíxoo, pola chuvia, no Salón de Arcos da Casa do Concello. As xornadas continuarán o sábado próximo, día 22, ás 11.45 horas no Auditorio Municipal coa presentación de dous libros de poemas de Celso Emilio compilados polo seu fillo Xabier e publicados pola Editorial Elvira.


1 comentario

O Celso Emilio máis combativo volve co Cabronario (este sábado en Celanova) – memoriacelanova · 19 Novembro, 2025 ás 5:12 a.m.

[…] xornadas, que comezaron o sábado pasado, terán continuidade o último sábado do mes coa presentación dun libro colectivo sobre a […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario