✍🏼 EDS.
A denuncia do falanxista Antonio Dávila Araújo en abril do 37 contra un grupo de dez mulleres de Ribadavia que deu con elas no cárcere de mulleres de Celanova non só resultou falsa, senón que tivo una intencionalidade clara de agravar o sufrimento delas e das familias de veciños que foron represariados nos primeiros meses da guerra na comarca do Ribeiro.
O caso é un exemplo dos mecanismos da represión para se estender sobre as familias a partir dos aparatos policial, xudicial e carcerario que se activaban cunha simple denuncia dun particular.
Se na Parte I describiuse o proceso que levou a estas dez mulleres a prisión, dúas delas mesmo con dous nenos de meses, na Parte II trátase de explicar por que elas foron obxectivos dunha denuncia. Póñense en evidencia relacións familiares, empezando polas do denunciante, Antonio Dávila Araújo, irmán de Ricardo, tamén falanxista, e que sete meses antes fora un dos que acusaron a varios veciños dando lugar a unha das pezas da Causa 933 na que, en total, víronse encartados 105 homes da comarca do Ribeiro.
PARENTESCOS
Antonio Dávila Araújo denunciou Natalia Leboso, que naquela altura perdera un fillo, Fidel, fusilado no Campo de Aragón a principios de febreiro, e tiña outro, José Antonio, preso. Denunciou Amparo Pérez Rodríguez, irmá do garda municipal Aladino Pérez Rodríguez, que se mantivo fiel á legalidade e colaborou co alcalde republicano, Benito Gallego, e a corporación municipal para resistir o golpe de Estado. Denunciou Manuela Pérez Álvarez, muller de Manuel Pérez Deaño -fillo de Aladino e coma el, encartado na Causa 933, e sobriño de Amparo. E denunciou ademais a Carmen Mariño Rodríguez, casada con Antonio Rodríguez Méndez, labrador e sinalado na mesma causa, con quen tiña tres fillos.
Estas e outras seis mulleres das que non se deu inda cun parentesco ou actividade política que poida “explicar” porque foron sinaladas, ingresaron en Celanova cando os encartados e xulgados xa foran encarcerados, fusilados -Fidel Blanco Leboso, de 27 anos, en febreiro do 37- ou enviados ao Tercio para loitar na fronte de guerra, como Manuel e Antonio, que pasaron antes pola prisión de Celanova, o mesmo que Aladino, pai de Manuel, e outros como o alcalde de Ribadavia, Benito Gallego, e un dos seus homes de confianza, o concelleiro Andrés Centrón, fusilados o mesmo día que Fidel.
Naquela altura, abril do 37, Celanova (o cárcere do Mosteiro, prisión provisional desde xullo; e a que fora prisión de partido utilizada só para mulleres) operaba como centro de retención e distribución de presos con distintos destinos: a morte, á fronte, outras cadeas…

Causa 933/36
PEZA DÚAS DA CAUSA
“En Ribadavia a nueve de octubre de mil novecientos treinta y seis, Don Alfredo Vaz Gómez, Alferez Jefe de la Línea de la Guardia Civil y Comandante Militar de esta villa, por la presente información hace constar. Que en virtud de oficio número diez y nueve de fecha cinco del mes actual recibido del Sr. Gobernador Mililtar de la Provincia y Plaza de Orense, juntamente con un escrito-denuncia suscrito por los vecinos de esta localidad Benigno Rodríguez Canitrot, Gumersindo Fontán, Emilio Dávila Alonso, Manuel Rodríguez Gulín, Ricardo Dávila Araújo, Javier Carrera Olivares, Francisco Dávila Alonso y Antonio Lorenzo Lira, en el que ponen de manifiesto varios hechos atribuidos a sus convecinos Benito Culell, Fidel Blanco Leboso, José Blanco Leboso, Senén Dávila Araújo, Delmiro Deaño, Avelino Varela Ferreiro, Manuel Freijido Viñas y Campio García, por lo que y con el fin de esclarecerlos debidamente, se procedió a interrogar a los expresados al margen sobre los extremos a que el mismo se refiere”. [1]
Ribadavia, outubro de 1936. Oito veciños (falanxistas ou de simpatías falanxistas) acusan outros oito veciños (republicanos ou de simpatías republicanas). Están a ampliar a denuncia presentada o 13 de setembro por outros sete camaradas falanxistas, entre eles o xefe de Falanxe da localidade, Saturnino Sendín. O asunto traerá consecuencias moi duras para os denunciados.
Ricardo Dávila Araújo era irmán -menor, dez anos máis novo- de Antonio, que cinco meses despois presentaría a denuncia contra as 10 mulleres. Senén Dávila Araújo, do que os arquivos da Fundación Pablo Iglesias conservan unha fotografía, non tiña parentesco cos irmáns Ricardo e Antonio. El tamén pasaría polo cárcere de Celanova camiño do de Pamplona.
Antonio Lorenzo Lira, o máis comedido nas súas afirmacións segundo figura na instrución da Causa 933/36, debía ser familiar de Fulgencio Lorenzo Lira, concelleiro e man dereita do alcalde, detido canda el no Goberno Civil. Fulgencio pasaría polo cárcere, un xuízo, a condena a morte, a reclusión no Forte San Cristóbal en Pamplona -como José Antonio, o fillo de Natalia e outros veciños do Ribeiro-, até colaboración coas autoridades daquela prisión cando a fuga na primavera do 38 -cando xa os seus compañeiros na corporación Benito e Andrés foran fusilados, e Cándido paseado en Celanova-, e despois de volta á Prisión de Celanova e finalmente o indulto e a represión económica. [2]

OS FILLOS DE NATALIA
Fidel Blanco Leboso e José Antonio Blanco Leboso eran fillos de Natalia Leboso Guntín, unha das dez inculpadas por ter pronunciado “manifestaciones extremistas”, que acabaron presas durante mes e medio no cárcere de mulleres Celanova na primavera de 1937.
Fidel Blanco Leboso, pintor de 27 anos, casado (tiña un fillo con Cruz Domínguez) era membro do Sindicato de Oficios Varios e ocupaba o cargo de secretario da Sociedade do ramo da Edificación.
A Guardia Civil practica un rexistro na casa de Fidel na rúa de Santiago a tarde do 10 de outubro. Buscan os libros da Sociedade do ramo da Edificación na habitación da segunda planta, na cociña e na bodega, segundo consta no documento que asinan o propio Fidel, dúas testemuñas -os veciños Eloy Touza e Manuel Rey-, dous gardas e o comandante de posto, Vicente Santamaría. [3]
Horas antes, na súa declaración diante da Guardia Civil dixo que o 20 de xullo non incitou a outros a asaltar o cárcere de Ribadavia onde se atopaban detidos falanxistas. E afirmou que o 21 de xullo tiña prevista unha viaxe a Madrid para asistir como representante sindical a un congreso do ramo que debía comezar o día 22. Tamén lembrou que o día 24 de xullo, o centro obreiro no que tiña oficina a sociedade foi asaltado por falanxistas que levaron todo e despois queimaron os libros.
Tamén rexistran a casa de José Antonio Blanco Leboso, coa fin de lle embargar dez mil pesetas. O pai, Antonio Blanco Soto, asiste aos rexistros. Entre as testemuñas está Emilio Cortés Iglesias, como “exalcalde de barrio”, que se verá implicado na causa contra as 10 de Ribadavia -unha delas, a súa muller- e pasará tamén polo cárcere de Celanova.
José Antonio Blanco, carpinteiro de 35 anos, declarou o día 11 de outubro. Admite que formou parte da directiva da Sociedade do ramo da Madeira, integrada no Sindicato de Oficios Varios. E rexeita todas as acusacións: nin participou en ningunha “Guardia Roxa” nin usou arma ningunha nin fixo parte da queima de exemplares do Faro de Vigo nos que se daba conta e ponderaba a figura de José Calvo-Sotelo (líder dereitista) tras o seu asasinato a madrugada do 13 de xullo en Madrid.


Mais Alfredo Vaz, comandante militar de Ribadavia, dá por certas as acusacións contra todos os sinalados. Ábrense dilixencias e despois de varias declaracións de persoas investigadas. Non todas as implicadas nas diferentes pezas da causa, en total: 105. Porque algunhas fuxiran ou se incorporaran ao Exército sublevado. A mediados de decembro o xuíz instrutor Ramón Ulloa decreta “prisión incondicional” para os encartados. Fidel e a José Antonio Blanco Leboso volven declarar o 15 de decembro, unha quenda en que todos os procesados reafírmanse no manifestado anteriormente.
Fidel e a José Antonio Blanco Leboso aparecen sinalados no auto como “directivos de organizaciones obreras que actuaron igualmente en los sucesos de Ribadavia, portando armas y al frente de grupos también armados”. [4]
Fidel foi xulgado o 14 de xaneiro de 1938, sentenciado a morte o 24 do mesmo mes, e fusilado o 9 de febreiro no Campo de Aragón en Ourense xunto a Benito Gallego, Andrés Centrón e Celso González Rodríguez, que fora presidente da Casa do Pobo de Ribadavia.
José Antonio foi detido en novembro de 1936, ingresou na Prisión de Ourense o día 26 dese mes e foi trasladado ao penal de San Cristóbal en Pamplona o 7 de febreiro de 1937 xunto a outros 19 sentenciados na mesma causa, entre eles, Benito Leboso González -cos mesmos apelidos que Natalia, inda que non se puido precisar parentesco- e Fulgencio Lorenzo. Benito Leboso González era latoeiro, tiña 39 anos e era veciño de Ribadavia.
Cando a nai, Natalia, pasou polo cárcere de mulleres de Celanova tiña un fillo preso en Pamplona e outro asasinado en Ourense.
Tres daqueles vinte homes, Manuel González, carpinteiro, e Fidel Fernández, albanel, ambos de Ribadavia, e Román Pousa, de Beade, morrerían en Pamplona. Ademais, na fuga do 22 de maio do 38 participaron Urbano Rodríguez, José Fernández Parracía, Avelino Varela, Castor Tesouro, José Bóveda e Fidel Blanco Meiriño, este último morrería na persecución posterior á fuga.
José Antonio fora trasladado á Prisión Provisional de Celanova o 25 de xuño de 1937 -cando xa mataran ao seu irmán e a nai estivera detida unhas semanas no cárcere de mulleres-. Fidel Blanco Meiriño tamén foi trasladado a Celanova na mesma data. Apenas dúas semanas despois, o 12 de xullo do 37, regresou a Pamplona onde morrería tras aquela fuga.
ALADINO E AMPARO
Entre os 105 procesados estaba Aladino Pérez Rodríguez o irmán de Amparo, que penaría en Celanova antes que a súa irmá.
Aladino Pérez Rodríguez tiña 51 anos cando foi condenado a represión perpetua en xaneiro do 37. Tiña oito fillos coa súa esposa, Carmen. Era garda municipal en Ribadavia e mantivérase fiel ao alcalde nos primeiros días tras o golpe. Julio Prada cítao como un dos colaboradores na resistencia ao golpe na vila [5]. Ingresou no cárcere de Ourense o 3 de outubro de 1936, e na súa declaración o día 16 lembra que naquelas xornadas “de las aldeas cercanas bajaban gran cantidad de hombres con escopetas, palos y machetes cubanos”, mais negou que tivera esixido cartos para “auxilios a los camaradas rojos” á xente que se reunía no Café La Peña.
Despois da sentenza, Aladino foi trasladado ao cárcere de Celanova en febreiro de 1937 nun continxente de 60 reclusos de diferentes procesos contra veciñanza do Ribeiro, Maceda e da capital e a súa contorna. Nese grupo están 24 sentenciados no proceso 933/36, entre eles, Manuel Pérez Deaño, un dos fillos de Aladino, sobriño de Amparo e marido de Manuela Pérez Álvarez. [6]
Amparo figura noutro documento en defensa do seu irmán nun expediente en paralelo ao proceso xudicial por rebelión. Amparo comparece diante do xuíz de Ribadavia o 8 de xaneiro de 1937 para mostrar un escrito datado o 1 de outubro de 1928 que acredita que ela adquiriu a Aladino unha finca herdada por este da nai de ambos no lugar da Brinca [7]. Así Aladino trata de eludir por insolvente a multa que lle esixen os sublevados.


Cando Amparo ingresou na cadea de mulleres de Celanova, a finais de abril, o irmán, Aladino, xa fora liberado, mentres que o sobriño, Manuel, fora alistado no Tercio para combater na guerra.
MANUELA E MANUEL
Na declaración de Manuel Pérez Deaño, albanel de 30 anos de idade, tomada o 16 de outubro de 1936 en Ourense, faise constar que é fillo de Aladino Pérez Rodríguez.
“Preguntado por su intervención en los hechos revolucionarios que tuvieron lugar en Ribadavia, los días 19 y 20 de julio últimos; contesta: que estuvo enfermo y fue asistido por el médico Tomás Vidal y Múgica, y que, por tanto, ignora todo o ocurrido”, lese no escrito do secretario xudicial.
Sete meses despois, Tomás Vidal y Múgica, como vimos na Parte I, declararía a favor de Manuela e Carmen, as dúas mulleres que ingresaron con fillos no cárcere. Dous meses antes, Tomás Vidal y Múgica sinalou a Fidel e José Antonio Blanco Leboso como parte do grupo revolucionario.
Na declaración de Manuel consígnase que está casado con Manuela Pérez Álvarez, coa que ten 4 fillos. Naquela altura a muller tiña 29 anos.
Manuel foi a xuízo en decembro e recibiu sentenza en xaneiro: reclusión perpetua por un delito de Rebelión militar. Antonio Rodríguez Méndez, garda municipal e veciño de Ribadavia, tamén con 30 anos de idade, recibiría a mesma condena e tamén a absolución con proposta de sanción, a cambio de seren enviados á fronte.
Antonio Rodríguez Méndez e Manuel Pérez Deaño, presos en Celanova, ingresaron no Tercio falanxista canda outros 29 homes, segundo recolle unha orde do Gobernador Militar en marzo de 1937. Na mesma relación figuran outros dez encartados na 933/36 que penaban en Celanova: Avelino Deaño Álvarez, Mario Fernández, Emilio Rodríguez Formigo, Eduardo López Rivera, José B. Meixengo Cao, Ramón Vázquez Bello, Manuel Míguez Míguez, José Álvarez Fernández, José Campos García e Antonio Fernández Rubio.
Parte do grupo acabou no cárcere de Luarca (Asturias). Ingresaron o 16 de abril de 1937. Manuel chega ao cárcere de Lugo o 14 de xullo con condena por delito de Traizón. A causa que se seguía contra el e outros no Xulgado Militar de Viveiro queda sobresida o 14 de agosto. O 9 de setembro é entregado ao Exército para ser trasladado a Talavera de la Reina (Toledo) onde para se incorporar á Lexión Estranxeira. [8]. Non temos máis noticias del na guerra. Manuel Pérez Deaño, despois de sufrir tamén un expediente de responsabilidades políticas, recibiría o indulto en 1958.


CARMEN E ANTONIO
Antonio Rodríguez Méndez, coñecido como O Cañoto, casara con Carmen Mariño Rodríguez o 14 de maio de 1928 -segundo anotación na partida de nacemento dela e no libro de bautismo del no Rexistro municipal de Ribadavia-. Tiñan tres fillos, un deles acabou con Carmen na prisión de mulleres de Celanova aquelas semanas de abril do 37 mentres o marido levaba meses detido. Fora sentenciado a perpetua en xaneiro do 37 e trasladado a Celanova en febreiro e enviado ao Tercio en marzo.
En xuño do mesmo ano abríronlle expediente de responsabilidades políticas.
Antonio, como Aladino Pérez -co que compartiu cadea en Ribadavia e logo en Ourense desde o 3 de outubro do 36, desde que foran detidos o 28 do mes anterior-, foi dos que se mantivera fiel ás autoridades municipais republicanas os primeiros días tras o golpe de Estado, segundo recolle Julio Prada no seu relato do acontecido en Ribadavia.
Antonio seguiu o mesmo periplo que Manuel Pérez Deaño (o fillo de Aladino), e pasou polos cárceres de Luarca e Lugo antes de ser enviado a Talavera de la Reina para se incorporar á Lexión Estranxeira. A última noticia que temos del figura na partida de nacemento de Carmen no Rexistro: “Nota C: Con fecha del veinte de julio de mil novecientos sesenta se instruyó en este Registro Civil expediente para declarar el estado de viudedad de Carmen Mariño Rodríguez.”
Cando Carmen e Manuela, cada unha cun fillo, ingresaron no cárcere de mulleres de Celanova a finais de abril de 1937, Antonio e Manuel estaban presos en Luarca.


AMALIA E MIGUELINA
Temos documentado que, cando menos, seis das dez de Ribadavia foron presas por motivos políticos e como parte da represión exercida contra familias republicanas. Nos casos de Amalia González López e Miguelina González Touza quedou explícito na descrición do proceso que fixo na Parte I, en concreto, nas declaracións de testemuñas que sinalan as simpatías delas polas esquerdas.
No atopamos posíbeis vinculacións familiares con outros represariados da comarca que aparecen documentados nos estudos de Julio Prada. No caso de Miguelina, a súa partida de nacemento, do 5 de novembro de 1909, indica que era filla de Flora Touza Rojo e Manuel González Viso, que anos antes, o 15 de novembro de 1900 inscribiran outra nena, Estrella. Esta irmá de Miguelina faleceu en marzo de 1951. De Miguelina coñecemos que en setembro de 1974 se expediu un documento para que puidese tramitar a obtención do DNI, e que faleceu o 4 de maio de 1989. Tiña 79 anos. Atopamos unha referencia a una posible filla de Amalia, Ramona, nada en novembro de 1908.
CAROLINA E EMILIO
A respecto do resto de encarceradas, quedou descrita na parte anterior a relación matrimonial de Carolina González García con Emilio Cortés Iglesias, alcalde de barrio no 37 e unha das testemuñas que acompañaban os rexistros nas vivendas dos perseguidos. Tiñan un fillo na fronte, Leandro. No seu expediente de combatente figura que estivo destinado en distintas unidades militares do Exército sublevado en Asturias desde febreiro de 1936 e nel permaneceu até xuño de 1939. Así se especifica nun documento que el mesmo solicita desde Ribadavia en setembro de 1942.
Pola documentación revisada, os nomes da nai e do pai de Antonia Gulín Pérez podían ser Luisa e Braulio, e unha irmá, Blandina. Finalmente inda non apareceron noticias sobre posíbeis parentescos doutras dúas das represariadas: Digna Rodríguez Rodríguez e Cristalina Pérez Rodríguez.


A investigación continúa aberta e pendente unha visita ao Museo Etnolóxico de Ribadavia. Esta pescuda contou coa colaboración do historiador Xosé Ramón Estévez e da familia de Benito Gallego, así como do Rexistro Municipal de Ribadavia. Esperamos seguir contando con eles para localizar ás familias das 10 de Ribadavia, presas no cárcere de Celanova durante unhas semanas de 1937.
📷 A imaxe de portada: detalle dunha fotografía da estación de tren de Ribadavia en 1930, coa xente esperando a chegada dun tren no que viaxa Miguel Primo de Rivera. Museo Etnolóxico.

NOTAS
[1] Causa 933/1936, peza segunda. Juzgado Militar Eventual Número Tres, en Ourense, contra Benito Gallego y otros por Rebelión Militar. Archivo Intermedio Militar Noroeste, Ferrol. Folio 226.
[2] As coincidencias non rematan aí: o mesmo día que Blanco Leboso e Blanco Meiriño ingresan en Celanova procedentes de Pamplona, rexístrase o ingreso no cárcel da vila de Fulgencio Lorenzo, desde Ourense. E Fulgencio sae con Fidel cara a Pamplona na mesma data. Nove meses despois, Fidel atoparía a morte naquela fuga e Fulgencio faría méritos para o indulto que lle chegou, en 1939, estando de volta en Celanova.
[3] Causa 933/1936, peza segunda. Folio 232.
[4] Causa 933/1936, peza segunda. Folio 356.
[5] PRADA, Julio: Ourense, 1936-1939, alzamento, guerra e represión. Edicións do Castro, Sada, 2004 (páxs. 242-285).
[6] Por Celanova xa tiñan pasado, en agosto do 36, Andrés Centrón Rodríguez, o exconcelleiro de Ribadavia; Benito Gallego Montero, o exalcalde; Victoriano Gómez Álvarez, de Carballeda de Avia; José Meixengo, excalde da Arnoia e Rodrigo Alonso Álvarez, un dos seus exconcelleiros. Os cinco formaban parte dun continxente de 39 presos que ingresaron o 5 de agosto de 1936. Centrón e Gallego -detidos no Goberno Civil en Ourense cando se declarou o Estado de Guerra-, volveron ser reclamados para o cárcere de Ourense o día 7. Parece que Centrón elixiu incorporarse a filas, e foi detido de novo en Ferrol nas semanas seguintes e permaneceu detido naquela cidade até que o reclaman desde Ourense o 12 de novembro.
[7] Causa 933/1936, peza principal. Folio 900. Na mesma providencia que deu lugar á comparecencia de Amparo, o xuíz, Alonso Formoso, solicita que se reteña parte do soldo (se é que o percibe) do mestre Enríquez Méndez Diéguez, un dos encartados e natural de Celanova. Tamén foi encartado outro celanovés, Pedro Nieto Barreiros, carpinteiro afiliado ao PSOE, veciño de Ribadavia, xulgado en decembro do 36 con resultado de sobresemento. Nieto Barreiros xa aparece sinalado na primeira denuncia da Falanxe en setembro do 36.
[8] Expediente procesual do recluso Manuel Pérez Deaño. Prisión Provincial de Lugo 1937, páx. 2. Arquivo Histórico Provincial de Lugo (AHPLu). O mesmo camiño levan entre outros Hixinio Fernández Pérez, veciño de Vilanova dos Infantes, albanel de 35 anos fillo de Adalinda e Venerando, casado e con 4 fillos. Hixinio tamén saíra desde Celanova para incorporarse ao Tercio (Bandera de Falange) en marzo. Os seus expedientes tamén se conservan no AHPLu.

0 comentarios