Declaración de Pedro Jado Bermejo o 4 de xuño de 1939 diante do xuíz de instrución: “Que al iniciarse el Glorioso Movimiento Nacional se encontraba en Logrosán, desde donde marchó voluntariamente a zona roja el día 25 de octubre de 1936, marchándose al día siguiente su mujer y sus hijos. En zona roja fue a Navalvillar de Pela y desde este pueblo, donde solo estuvo 4 días, se marchó a Orellana, donde estuvo hasta el día 1 de diciembre. Que su viaje a Orellana tenía como objeto ingresar como así lo hizo voluntariamente en una compañía de voluntarios extremeños que más tarde formó parte del Batallón Nosotros, que estuvo destacado en los frentes de Madrid y Levante habiendo obtenido la graduación de sargento”.

“Manifiesta que no es cierto que haya pertenecido al Partido Comunista, si bien en las elecciones de febrero de 1936 votó la candidatura del Frente Popular”.

“Que si bien es cierto que ante la Guardia Civil de Logrosán declaró que había tomado parte en el asesinato del capitán de la Guardia Civil Hipólito Acedo Fernández cometido en Orellana, esto lo hizo por temor al castigo pues el día que asesinaron a dicho señor el declarante no se encontraba en Orellana aunque posteriormente, precisamente el día siguiente de cometerse este asesinato, fue a dicho pueblo donde permaneció como tiene dicho hasta diciembre del mismo año”. (Expediente de Justicia Militar número 511)

Logrosán nos anos corenta. Blog: Logrosán al día.

Pedro Jado Bermejo, mineiro de profesión antes da guerra, tiña 38 anos cando compareceu diante do xuíz en Cáceres. Foi condenado no procedemento 1979/39 a pena de morte nun consello de guerra que ditou sentenza o 22 de xuño de 1940. A posterior revisión rebaixou a condena a 30 anos de reclusión por un delito de adhesión á rebelión.

Ingresou na Prisión Central de Celanova, procedente da de Cáceres de onde saíra cinco días antes, o 30 de novembro de 1941, con 28 anos, 7 meses e 3 días por cumprir. Faleceu na enfermaría do cárcere o 5 de xullo de 1942. A causa da morte, segundo o parte do médico Jesús Beamud, foi “tuberculose pulmonar”.

Naquela altura, a enfermaría da prisión, que ocupaba varias dependencias no segundo piso e na torre da ala sur do edificio, na esquina entre a rúa da Botica e a Alameda, dispuña dunha sala onde se trababa exclusivamente aos enfermos de tuberculose dado o elevado número de afectados entre a poboación reclusa. Pedro Jado Bermejo foi ingresado na enfermaría o 12 de xuño xunto a outros cinco reclusos. Ese mesmo día déronse oito altas, polo que o número de enfermos quedou en 97, entre unha poboación total de arredor de 700 presos.

Pedro Jado Bermejo. Fotografía cedida pola familia.

A familia de Pedro Jado Bermejo visitou Celanova a principios do pasado mes de setembro e púxose en contacto co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova para intercambiar información que axude a coñecer a historia deste home, unha das vítimas que figura no memorial Os 90 de San Breixo inaugurado este ano no cemiterio parroquial.

Uno dos seus netos por liña materna, de nome Pedro, facilitou ao Comité a fotografía que ilustra esta publicación. O resto das imaxes corresponden a diferentes expedientes do recluso Jado Bermejo nos arquivos Histórico Provincial de Ourense e General e Histórico de Defensa, así como o rexistro da defunción no Libro do cemiterio de San Breixo que garda o Archivo Histórico Diocesano do Bispado de Ourense.

Segundo a documentación que se conserva do Estado franquista, Pedro Jado combateu nas frontes do Levante e Madrid. Foi preso polo Batallón de Ametralladoras de Plasencia e, o 4 de xuño de 1939, entregado para o seu ingreso no cárcere de Trujillo (Cáceres) por orde do xuíz militar canda outros 7 veciños de Logrosán. Chegou á prisión de Celanova a finais do 41 e quedou constancia do seu ingreso na enfermaría da prisión tres semanas antes de falecer ás oito da maña do luns 5 xullo de 1942. Ao día seguinte foi soterrado en San Breixo.

A familia apoiou coas súas sinaturas a solicitude de declaración de San Breixo como Lugar de Memoria que o Comité rexistrou diante da Secretaría de Estado de Memoria Democrática o pasado 22 de setembro ao abeiro da lei estatal de memoria de 2022.

IMAXES

Informe do alcalde de Loprosán ao xuíz instrutor en 1939.
Diario Oficial del Ministerio de Defensa. Barcelona, 3 de marzo de 1938. Recoñecemento de antigüidade de empleos en campaña. Infantería, Pedro Jado Bermejo, 10 de febrero de 1937. Páxina 644 (columna 1).


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario