✍🏼 Xosé Luis Méndez Ferrín

29 SET 2025
No Faro de Vigo

Franco, urbanita de clase media funcionarial, tivo soños de grandeza aristocrática. Sabéndolle as debilidades, o banqueiro e industrial Pedro Barrié de la Maza argallou unha subscrición pública co fin de adquirir un pazo e meterllo na man ao Generalísimo. Do que había á vista, Barrié preferiu a propiedade chamada Torres ou Granxa ou pazo de Meirás, que pertencera á novelista Emilia Pardo Bazán e que fora reconstruída e deseñada segundo o gusto «pompier» moi propio da Restauración. Franco gostou deste dominio e aceptou a dádiva, cometendo delito de suborno ou «cohecho» así o recipendiario coma o oferente. Esta operación levou como mostra máxima de soberanía neofeudal a concesión a Barrié do título de conde de Fenosa. E estableceuse no calendario oficial, o mes de agosto como o de veraneo do xefe do Estado en Meirás. A prensa española pulía o seu servilismo con crónicas dos consellos de ministros de Meirás. Naquelas ocasións, Franco, alén de «Caudillo por la gracia de Dios», sentíase fidalgo que sentaba á mesa señorial os seus descendentes. Daquela, o uniforme de patrón de barco (o inesquecíbel Azor) xogaba o rol engadido de «yatchman». Naqueles veraneos, deu en aparecer por Meirás Juan Carlos de Borbón, xa casado, a xogar a farsa de príncipe de España. Meirás, pois, foi obxecto de delito: libro II, título XIX, Art. 419 e seguintes do Código Penal español. Pero Pedro Barrié era insaciable e decidiu corromper máis o Caudillo cun novo pazo. Este, para ter o xefe de estado un «pierre-á-terre» no centro histórico da Coruña. E tívoo porque Barrié conseguiu por artes de alta prestidixitación a casa que fora do ilustrado Xosé Cornide. Este predio foille entregado á señora de Meirás, Carme Polo de Franco. Dicíamos non un pazo senón dous. E pensamos no Salmo XIX, 83: abyssus abyssum invocat (o abismo chama polo abismo).

Categorías: Documentos

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario