“…trala morte de Franco e a partires do inicio do proceso transicional houbo memoria. Unha memoria que emerxeu durante un período de negación onde a idea dominante era o desexo de esquecemento colectivo. Esta afirmación constitúe, de xeito simplificado, o principal resultado do presente traballo. Poder afirmar que durante a Transición a memoria estivo presente, aínda que o fora nun escenario adverso e rodeada de importantes limitacións. Na Transición a reivindicación da memoria das vítimas, dos fusilados, das exiliadas, das perseguidas abriuse paso. Na Transición houbo quen denunciou os símbolos de exaltación fascista. E houbo quen decidiu extirpar do colectivo os rastros desa loanza a un réxime xenocida.”
A reflexión anterior encabeza a tese doutoral da historiadora Iria Morgade Valcárcel, titulada Sen rancor nin esquecemento. As accións da memoria traumática na transición en Galicia (1976-1986). Foi presentada en Compostela o pasado 23 de maio. Semanas antes falecera Carlos Pereira Pérez, un dos informantes, o neto de Celso de Poulo, fillo de Amparo, que participou na exhumación dos restos do alcalde de Gomesende en Sorga (A Bola) en 1981, unha intervención familiar que aparece relatada no ensaio de Iria Morgade Valcárcel. A historiadora achega novas informacións sobre as circunstancias daquela exhumación.

Esta publicación é tamén unha homenaxe a Carlos Pereira Pérez, que animou e colaborou co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e con que temos a débeda de recuperar ás accións de memoria no Furriolo a todas e todos os represariarados, entre eles o seu avó, Celso Pérez Enríquez, unha das primeiras vítimas naquelas gabias.
Grazas a Iria Morgade Valcárcel por facilitarnos a publicación deste capítulo da súa obra tan decisivo na historia da memoria da Comarca de Celanova e achegar máis luz sobre as circunstancias da recuperación dos restos e a memoria do Celso de Poulo por parte da súa familia, os verdadeiros pioneiros das accións de memoria por estas terras.
O texto que reproducimos a continuación fai parte do epígrafe “As accións da sociedade civil”, no capítulo 4 da obra, e correspóndese coas páxinas 532 a 537. As notas ao pé colocámolas aquí ao final.
“Dun modo similar poderiamos referirnos á exhumación que tivo lugar no mesmo ano 1981 a case douscentos quilómetros de distancia [vén de falar da intervención en Serantes, Ferrolterra]. Unha exhumación familiar que tivo unha repercusión pública ao outro lado do océano, o que nos vai remitir ás dinámicas entre exilio e mobilización. Estamos a falar da exhumación en Gomesende [utiliza o concello no que residía a vítima como referencia para a distribución territorial das accións], na provincia de Ourense, do alcalde fusilado Celso Pérez, coñecido como ‘Celso do Poulo’ impulsada pola súa familia, co liderado do seu fillo Arturo Pérez.
Celso de Poulo é unha vítima cunha especial relevancia simbólica. A súa frase, cando o levaban cara o monte Furriolo onde foi fusilado, “non me matedes, que levo sete fillos e todos caben nun cesto”, pasou á memoria popular, converténdose, en palabras do poeta Méndez Ferrín, noutro deses mártires nos que en primeira liña Castelao situara como a Bóveda (1).
Alcalde de Gomesende, pero respectado na bisbarra pola solidariedade que manifestara na axuda á veciñanza, e que os descendentes de Celso aínda sentirían entre a comunidade (2).
Inicialmente identificamos dous artigos de investigación que ilustran cunha fotografía a sucinta información sobre a exhumación (3). Que se fixesen fotografías, poñíanos sobre a pista do cariz público da exhumación, ou que ao menos non tivera un carácter clandestino. E aínda máis a existencia de fotografías, dun acto tan delicado, consideramos, poderían indicar certo matiz reivindicativo.
Para acadar máis información sobre o caso recorremos á entrevista ao fillo do asasinado Arturo Pérez Pereira, xunto ao seu fillo Alberte Pérez Viso que se realizara durante a recompilación de fontes orais do proxecto Nomes e Voces en 2006 (4). A esta entrevista sumamos a documentación anexa no expediente do proxecto, isto é, as fotografías da exhumación e da posterior reinhumación e un recorte de prensa. Por outra banda accedemos ao artigo que escribiu para a revista Arraianos o neto do fusilado Alberto Pérez Viso en 2007, recompilando o que o seu pai Arturo e o seu curmán Carlos Pereira Pérez descubriran durante as últimas décadas. Ademais sumamos a testemuña deste último, Carlos Pereira Pérez que nos atenden en marzo de 2024.
Celso Pérez Enríquez, coñecido como Celso de Poulo, foi detido días despois do golpe de estado, levado ao cárcere de Ourense primeiro e trasladado despois ao mosteiro de Celanova. Foi asasinado o 18 de agosto e enterrado nunha fosa común no monte Forriolo un lugar de extremada violencia polas numerosas execucións e enterramentos que nel se fixeron, e tamén un lugar dunha relevancia simbólica fundamental para o posterior memorialismo. Menos de dous meses despois do seu asasinato, unha expedición composta por familiares e amigos do finado lograron localizar a fosa e exhumar por primeira vez o corpo de Celso. Foi enterrado no cemiterio da parroquia de Sorga, previa autorización. Daquela foi expedido o certificado de defunción no que se indicaba que “apareció muerto en el monte Forriolo”. Os seus restos permaneceron durante décadas no adro da igrexa do cemiterio de Seroga (A Bola) nunha sinxela caixa de cinc, sen tapa e sen ningún tipo de identificación.
A familia de Celso, a súa muller Donilda Pereira e os seus sete fillos, foron violentados durante anos. Finalmente seis dos fillos acabaron nunha emigración forzada pola persecución. Entre eles Arturo, o fillo máis vello, tiña quince anos cando asasinaran ao pai. O seu tío non lle permitira formar parte da expedición para rescatar ao corpo no monte, téndoo que pechar nun cuarto para evitalo (5).

O 18 de agosto de 1981, corenta e cinco anos despois do asasinato, Arturo formou parte dunha nova expedición para rescatar definitivamente os restos do seu pai. Da comitiva formaban parte xunto a Arturo os familiares Juan Pereira, marido de Amparo, a única filla de Celso e Donilda que non emigrara, e os netos do asasinado Carlos Pereira e Alberto Pérez. Ademais, participaron o sancristán da parroquia e Francisco Pelado, quen estivera presente no traslado que se fixera no 36 e coñecía onde se tiña que cavar.
‘O Francisco, O Pelado, indicounos o sitio exacto no que escavar e, case antes de que acabara de amencer, xa atopáramos a vella caixa de cinc sen tapa e confirmamos que se trataba do avó polo calzado que levaba (unha botas negras que tiñan na tenda á venda que se conservaban impresionantemente novas, de xeito que ías retirando a terra que as cubría e o coiro brillaba intensamente) e tamén o identificamos por unha ponte de ouro que tiña nos dentes’ (6).
Estas palabras son de Alberto, quen no 2007 escribía a historia do seu avó a través das lembranzas e investigacións do seu pai e tamén do seu curmán Carlos, fráxiles de saúde naquel momento. Alberto tamén interviña na entrevista que lle realizaba Gustavo Hervella ao seu pai no 2006 e no que falaron da exhumación e compartiron as fotografías que gardaban daquel día.
A exhumación, realizada entre a madrugada e as primeiras horas da mañá, remataba en pouco tempo, Carlos lembra que en menos dunha hora deron identificado os restos. Ese mesmo día enterrárono no cemiterio de Poulo, na sepultura propiedade da familia e rodeado das fillas e fillos, netos e a muller, Donilda, que naquel momento tiña noventa e tres anos.
Esta é a descrición sobre o feito, máis convén formular ao seu redor diversas preguntas. En primeiro lugar o por que da exhumación en canto ao momento escollido, ese ano 81, e cales eran os obxectivos que se perseguían. E, en segundo lugar, o como da exhumación, isto é, en canto ao procedemento seguido e a visibilidade que esta tivera. A pertinencia destes interrogantes intensifícanse se atendemos ao recorte de prensa que Arturo e Alberto cederon ao Proxecto Nomes e Voces en 2006, e que a man viña datado en 1981:
‘Cuando se cumplían los 45 años del fusilamiento masivo en el monte Furriolo, 19-8-36—19-8-81, fueron trasladados a Poulo, desde el cementerio de Sorga, los restos del ex Diputado orensano y Alcalde del ayuntamiento de Gomesende, don Celso Pérez Enríquez. A pesar de los años transcurridos, nuestro pueblo, recuerda permanentemente a sus Mártires, rindiéndole su homenaje a todos los Héroes, cruelmente asesinados, por el solo delito de defender la Democracia’ (7).
A existencia dunha noticia que daba conta do acto, sumado as numerosas fotografías que se sacaron e que posteriormente foron publicadas (en 1999 en A Nosa Terra e en 2007 no caderno Arraiano), semellaban indicar o carácter público desta exhumación. Por que, senón, facer unha reportaxe gráfica tan extensa, por que, senón, a existencia dese pequeno recorte conservado na casa familiar. Para profundar máis sobre isto procuramos a identificación da noticia, o que finalmente se consegue atendendo á parte final do texto:
‘Nuestro Periódico, se asocia a este homenaje, no solo como mártir de nuestro pueblo, sino también porque el Dr. Celso Pérez, era el padre de nuestro Secretario General, don Arturo Pérez Pereira’ (8).
Arturo Pérez emigrara anos despois do asasinato do pai, concretamente fixérao a Arxentina, onde ao menos dende 1980 ostentou o cargo de secretario xeral da Federación de Sociedades Gallegas de Argentina (9). Como se tratou con detemento no capítulo 2 esta Federación publicaba un xornal titulado Galicia. Consideramos, por tanto, que a esta publicación pertencía a noticia da exhumación en Gomesende.
Arturo, persoa inqueda e activa, como a define o seu sobriño Carlos Pereira, fixo varias viaxes de ida e volta a capital arxentina, de xeito que trala exhumación do seu pai, volveu a pasar uns anos a Bos Aires. Viaxes de idas e volta que se constatan ao atopar a Arturo asinando como vicepresidente o acordo do Congreso Mundial da Emigración Gallega que tivo lugar en 1976 (10). Recordemos que a homenaxe a Castelao en Rianxo no 75 fixérase coincidir coas reunións preparatorias deste congreso, para o que numerosos emigrantes viaxaran a Galicia. A relación da Federación coas homenaxes aos “mártires galegos” viña de lonxe, como xa se estudou, e tiña un carácter fundacional, realizándose ao seu abeiro as primeiras homenaxes a vítimas. Homenaxes que continuaron, como se pode extraer do recorte ao que aludimos, no que ao lado da noticia da exhumación dábase conta dunha homenaxe aos “Mártires gallegos” na “casa” da Federación. En definitiva, temos clara unha relación entre Arturo, un dos principais liderados da exhumación, coa dinámica memorialista de vindicación das vítimas a través da figura dos mártires. Quizais foi el mesmo quen informou daquela homenaxe ao xornal da Federación.

Por tanto esta exhumación tivo unha repercusión pública ao outro lado do mar, na emigración, naquel exilio galego que fora o primeiro en reivindicar a memoria traumática. Mais conviña preguntarse como se desenvolveu esta exhumación en Galicia. Para iso, e tras unha infrutuosa busca de fontes hemerográficas que divulgaran o acontecido, demos en completar as pezas do quebracabezas a través da testemuña dun dos participantes na exhumación, Carlos Pereira, o neto de Celso (na imaxe de arriba, no centro).
Cuestionado arredor da publicidade que se lle podería ter dado a esta exhumación, Carlos Pereira afirma que este tivo un cariz íntimo e familiar. Non terían contado con ningún permiso da igrexa, nin para realizar a exhumación nin para a posterior reinhumación. Ao pequeno grupo de persoas que estiveran presentes no rescate dos restos, e que xa citamos, uniríanse no enterro en Gomesende boa parte da familia, fillas, netos e netas entre eles.
Testemuña directa deste feito son as fotografías. Eles eran os únicos presentes no acto, segundo recorda Carlos e sen que se tivese realizado ningunha publicidade do mesmo. Cuestionado sobre a realización das fotografías, sinala que as tomaran el e o seu curmán, co obxectivo de “certificar” o que se fixera (11).
A pregunta fundamental entón é por que a acción de desenterramento e sepultura digna se executara nese xusto momento e Carlos coincide co xa expresado por Alberto anos antes:
‘A necesidade de facelo naquel momento…? A miña avoa era moi maior, morreu poucos anos despois, e quería.. era como o desexo de, en certo modo, rematar un duelo’ (12).
Donilda Pereira foi outra vítima, tralo duro golpe emocional sufrido co asasinato do home, tivo que facer fronte ao acoso permanente dos golpistas mentres intentaba sacar adiante aos seus sete fillos. Carlos Pereira describía na entrevista a fortaleza desta muller e a súa admiración por ela. Dende esta admiración entendemos tamén a exhumación, no deber de cumprir o desexo da súa avoa e nai, de ter preto a Celso, de rematar ese do inacabado, parte fundamental do sufrimento das vítimas.
Ademais, Carlos Pereira sinala outro fito fundamental para comprender por que foi exactamente nese agosto do 81, data por outra banda simbólica, corenta e cinco anos despois do mesmo día do asasinato. Trataríase da concesión da pensión de viuvez a Donilda en base á lexislación para a concesión de pensións a familiares dos falecidos na guerra civil. Pereira relata que foi no 81 cando se lle concedeu a pensión, con pagos mensuais e un ingreso inicial, que entendemos como os atrasos derivados desta pensión e que se regulaban en diversas normas para que as arcas públicas puideran ir afrontando o gasto, a última das cales data de setembro de 1980 (13). Tratábase, por tanto, dun recoñecemento de que Celso fora “vítima da guerra civil” e este feito estaría na base da decisión da exhumación ao entendela como o proceso natural para rematar a dó e dignificar os restos do seu familiar (14).

A petición da pensión realizárase en 1979, cando Arturo axudou a súa nai a dar forma á solicitude. Isto enmárcase no proceso ao que xa vimos facendo referencia, cando os familiares das vítimas se acolleron ás normativas reparatorias parciais que se promulgaran nestes últimos anos da década dos setenta. Neste senso, o caso que nos ocupa resulta de especial interese, xa non só porque tivera como consecuencia a actuación exhumatoria, senón polo mesmo proceso de petición e de concesión da pensión.
As leis de carácter reparatorio que se promulgaron durante a Transición tiveron un carácter parcial, sen ter sido beneficiadas todas as vítimas. Normalmente quedaban fóra da normativa as vítimas desaparecidas ou as que foran asasinadas sen que mediase un proceso xudicial. Así, Celso de Poulo converteríase nunha excepción. Dende este punto tamén se comprende a relevancia simbólica do recoñecemento de Donilda como viúva dunha vítima da guerra civil, establecéndose, por tanto, unha verdade oficial, diferente da que figuraba na súa acta de defunción.
A acta fora asinada polo xuíz e secretario no rexistro civil de A Bola o 1 de outubro de 1936, isto é no momento en que se practicara a primeira exhumación. Nela indícase como Celso “apareció fallecido en el Monte del Forriolo, y su cadáver habrá de recibir sepultura en el Cementerio de Sorga” (15). Nas certificacións expedidas osteriormente desta acta, destaca a inclusión no ano 57 dunha frase sen rematar en canto as causas da morte: “a consecuencia de, segun resulta de” (16).
O mesmo relato, xa sen esa inclusión baleira da consecuencia e o resultado, repítese na última certificación, datada o 10 de agosto de 1981 (17). Esta realizouse días antes da exhumación, o que podería indicar que se fixera algún tipo de trámite administrativo para levar a cabo a exhumación. Posibilidade que se contempla tamén a tenor dunha frase inacabada que expresou Arturo Pérez na conversa do 2006 (18).
Pese a esta ausencia da causa da morte na acta de defunción, a pensión foi concedida. Para esta concesión comprendemos que quizais puido ser determinante un dos documentos anexos á petición de pensión asinada por Donilda o 14 de febreiro de 1979. Ao lado doutros documentos máis habituais como as actas de defunción e matrimonio: tratábase do “Testimonio jurado de vecinos del finado que corroboran los hechos expuestos”. Uns feitos expostos no documento asinado por Donilda e que querían certificar que esta era viúva dun “fallecido de guerra” que dicían así:
‘Que el día 23 de Julio de 1936, fue detenido en su domicilio por las Fuerzas de Orden Público, mi marido Celso Pérez Enríquez, Alcalde de Gomesende y Diputado provincial, trasladado a la prisión de Orense donde permaneció 15 días y de allí al Convento de Celanova, habilitado como prisión en aquellos días, apareciendo el día 1 de Octubre de 1936 merto de un disparo en una fosa común en el monte de Forriolo, cercano a Celanova’ (19).
Pasaran poucas semanas da promulgación da lei 35/1978 do 16 de novembro “por el que se conceden pensiones a los familiares de los españoles fallecidos como consecuencia de la guerra 1936-1939” (20). Unha lei que se limitaba a dar cobertura aos combatentes e por tanto do que quedaría fóra Celso. Como xa sinalamos esta lei foi ampliada pola lei 5/1979 que abría a posibilidade a concesión de pensións máis alá dos “combatentes” na guerra ao incluír na definición aos falecidos “como consecuencia ou en ocasión de la guerra civil”. Non podemos asegurar que lei foi finalmente aplicada para a concesión da pensión, ou se a familia de Celso fixera unha nova petición trala promulgación desta última gran norma reparatoria promulgada no período transicional. De todos os xeitos, tanto se a solicitude pola que Donilda tivo recoñecida a súa petición, foi en base á lei 35/1978, ou se a concesión estivo ao amparo da lei 5/1979, non resultou habitual que a familia dun paseado obtivera unha pensión durante este período transicional.
A concesión da pensión en 1981 viña a ser un primeiro paso para o establecemento dunha verdade oficial. Pese a isto, a exhumación de Celso, no seu cabodano, fixérase na intimidade, sen querer chamar a atención, nin realizar unha homenaxe pública que, pola contra, reivindicábase a miles de quilómetros, onde os “mártires galegos” nunca foran negados. A reparación familiar e íntima fronte á homenaxe pública, evidencian parte do contexto adverso no que se movía a actuación dos familiares das vítimas. Donilda remataba o seu escrito incluíndo unha palabra que consideramos importante salientar: a xustiza.
‘Es justicia que pido en Gomesende, a 14 de febrero de 1979’ (21).
Notas:
(1) Méndez Ferrín, X.L. (4 de setembro de 2006), “No Furriolo (2)”, Faro de Vigo.
(2) Veiga, M. “A historia de Celso de Poulo, destacado comerciantee alcalde de Gomesende asesinado no Furriolo”, A Nosa Terra, 26/08/1999, p.26.
(3) Pereira, D. “Contra a nostalxia, memoria”. Luzes, 28, marzo 2016, pp. 22-29.
Pantaleón, X. (2008). Imagen, memoria e historia; el proyecto Nomes e Voces. Actas Terceiras Xornadas Archivo y Memoria. Fundación de los Ferrocarriles Españoles.
(4) Entrevista a Arturo Pérez Pereira realizada por Gustavo Hervella (2006). Fondo Nomes e Voces, nº 2061.
(5) Pérez, A. “Celso de Poulo. O asasinato do alcalde de Gomesende”. Caderno Arraiano, Verán 2007, pp. 25-41. Carlos Pereira fillo de Amparo e Juan, Alberto Pérez fillo de Arturo.
(6) Pérez, A. “Celso de Poulo. O asasinato do alcalde de Gomesende”. Caderno Arraiano, Verán 2007, pp. 25-41.
(7) “45 años después del asesinato”, Galicia, sen data.
(8) Íbidem.
(9) Constatado a través das seguintes novas: “El Centro Gallego de Buenos Aires conmemora su setenta y cinco aniversario”, La Voz de Galicia, 02/07/1981. p.41.; “Nueva directiva de la Federación de Sociedades Gallegas de la República de Argentina”, La Voz de Galicia, 18/07/1980, p.46; “La Federación de Sociedades Gallegas en Argentina, cumple este año su setenta aniversario fundacional”, La Voz de Galicia, 17/04/1981, p.34.
(10) “Conclusiones del Congreso Mundial de Emigración Gallega (IV), El Pueblo Gallego, 08/07/1976, p. 15. Arturo aparece asinando a ponencia como vicepresidente, presidente Agustín Romero Lojo, secretario Manuel García Berenguer. Non queda de todo claro se os cargos son do congreso ou da federación.
(11) Entrevista a Carlos Pereira Pérez realizada por Iria Morgade (Telefónica, 27 de marzo de 2024).
(12) Íbidem.
(13) 1751 Real Decreto-Ley 8/1980, de 20 de septiembre, sobre fraccionamiento en el pago de atrasos de pensiones derivadas de la guerra civil. BOE, 1/10/1980, nº236.
(14) Carlos Pereira nos cede diversa documentación, entre ela a petición para a pensión de viudedade, non así o documento acreditativo da concesión. Este feito coñecémolo únicamente pola súa propia testemuña.
(15) Accedemos a esta acta a través das certificacións expedidas no ano 49, 57 e 81.
(16) Certificacións da acta de defunción facilitadas por Carlos Pereira Pérez.
(17) Íbidem.
(18) Arturo Pérez falando da Caixa de cinc coa que tivera que ser enterrado no 36 sinalaba: “E daquela (entendemos que os oitenta) me acordo que aínda fun ata Orense a pedir un permiso para —- da sanidade ou como se chama, para a famosa caixa. E tivemos que enterralo na caixa. Tamén.” Entrevista a Arturo Pérez Pereira realizada por Gustavo Hervella (2006). Fondo Nomes e Voces, nº 2061.
(19) Solicitude de pensión, 14/02/1979, asinada por Donilda Pereira Fernández. Facilitada por Carlos Pereira. Non dispoñemos do documento da declaración xurada das testemuñas.
(20) Real Decreto-Ley 35/1978, de 16 de noviembre, por el que se conceden pensiones a los familiares de los españoles fallecidos como consecuencia de la guerra 1936-1939. BOE, 18/11/1979, Nº276.
(21) Solicitude de pensión, 14/02/1979, asinada por Donilda Pereira Fernández. Facilitada por Carlos Pereira. Non dispoñemos do documento da declaración xurada das testemuñas.
0 comentarios