Este sábado, 30 de agosto de 2025, quedou formalizado o acordo entre o Concello de Verea, as familias das vítimas da Poza das Ras e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova para instalar no espazo unha escultura do artista ourensán Xoán Torres Cidre que sinale a poza como Lugar de Memoria.

Familiares de Eloy Romero e Silvio Torres acompañaron ao alcalde e a membros do Comité no anuncio que fixeron o alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado, e o presidente do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Hixinio Araúxo. Despois depositaron ademais catro cravos vermellos en honra das vítimas.

O memorial, en ferro e con forma cúbica, renderá homenaxe aos mestres Julio González Álvarez, de Gontán (Verea) e Amadeo López Bello, de Beiro (Carballeda de Avia), o chofer Silvio Torres Díaz, de Ourense, e o farmacéutico de Leiro, natural de Vilardevós, Eloy Romero Luis, asasinados na Poza das Ras o 29 de agosto de 1936 despois de ser sacados do cárcere de Celanova.

LUGAR DE MEMORIA

O Concello de Verea e o Comité dan un paso máis nunha colaboración que se iniciou hai dous anos e que ten como obxectivo a recuperación da memoria das vítimas do fascismo en Verea, e que xa se concretou na homenaxe na Poza das Ras en setembro de 2023 e na solicitude, ese mesmo ano, diante do Goberno do Estado da declaración do espazo como lugar de memoria en cumprimento da actual lei de memoria democrática. O trámite xa superou o prazo establecido sen que desde a Secretaría de Estado de Memoria Democrática se teña comunicado decisión ningunha, polo que desde o Comité se instou ao alcalde a se interesar polo avance do procedemento.

O Comité, que continúa coas pescudas para ampliar a información sobre os catro homes represariados en contacto coas familias, lamentou o falecemento o pasado día 2 de Amadeo López Vieitez, o fillo de Amadeo López Bello e reiterou ás condolencias á familia.

Despois da renovación dos órganos directivos nos prazos estatutarios, o Comité desenvolverá no mes de setembro a campaña anual de renovación e captación de socias e socias e avanzará accións a desenvolver no outono en relación aos espazos de memoria e a batalla pola retirada da simboloxía fascista ao abeiro da lei.

NOTA DE PRENSA DO 30.08.2025

Categorías: Comunicados

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario