Folio 87
Notificación. En Ourense treinta y uno de Agosto de mil novecientos treinta y seis. Yo el Secretario teniendo en mi presencia a Eloy Romero Luis le notifiqué que por la Autoridad judicial se ha de sobreseer provisionalmente esta causa y que fuera puesto a disposición de la Autoridad gubernativa; queda enterado, firma y doy fe”.
Causa 217/1936. Xulgado militar eventual de Ourense. 8ª División.

Folio 84.
De lo actuado o sea de la declaración del cabo del puesto de Maceda y de las cartas y documentos unidos al mismo no aparecen indicios racionales de criminalidad contra los inculpados y únicamente resultan por los antecedentes ser sujetos peligrosos y muy especialmente Eloy Romero. Orense catorce de agosto de mil novecientos treinta y seis”. Asina César Caamaño, comandante de Infantería retirado e xuíz eventual.

Folio 83.
En cuanto a Eloy Romero (…) se dedica a propaganda subversiva y extremista hasta el punto de haberle dado a entregar unas hojas en este sentido al corneta del puesto del declarante (…) este hecho ocurrió poco después de los sucesos de Octubre. Se considera al citado individuo como organizador del estado de subversión en el que se encuentra la región de Leiro”. Declaración de Alfredo Lorenzo, cabo da Guardia Civil de Maceda, en Ourense o catro de agosto de 1936.

Folios 62-63.
Fuimos a la huelga primero y a la protesta civil en las calles después, no como instrumentos de una torpe maniobra política ni como amotinados por ninguna propaganda anárquica (somos estudiantes, pertenecemos a la clase media, hombres de orden y de formación jurídica en la mayor parte) sino por imperativo del más puro patriotismo, en democrática defensa de los intereses nacionales que más directamente nos afectan (…) para defender los fueros de la Universidad y por tanto del Estado contra el golpe de mano que daban sobre ella las congregaciones religiosas advertidas de que este es el momento propicio, pues el gobierno faccioso y traidor a la nación, que ha recortado la voluntad popular, es incapaz de defender los intereses nacionales”.
Estrato dun artigo escrito atribuído a Eloy Romero, con data do 1 de abril de 1929 e co título ¡Al país! (Los estudiantes españoles), incorporado pola Guardia Civil ás dilixencias o trinta de xullo de 1936 após do rexistro no domicilio.

Eloy Romero Luis ingresou no cárcere de Ourense ás 23 horas do día 29 de xullo de 1936 segundo o rexistro carcerario que se conserva. O cabo da Guardia Civil de Maceda declarou contra el o día 4 de agosto. Ordenouse o seu traslado á prisión de Celanova o día 10 de agosto, onde ingresou entre esa noite e o día 11. O sobresemento da causa que lle abriran a el e outros tres veciños de Leiro asinouse o día 14 de agosto. Non lle puido ser comunicado en Ourense. A firma do folio 87 non parece a de Eloy se se compara coa do escrito aos veciños de Vilardevós [o segundo dos bosquexos incluídos nas dilixiencias].

O día 28 unha orde da Comandancia Militar da praza de Celanova dada polo tenente de Carabineros Adolfo Pousa sacounos a el e a Silvio Torres do mosteiro. Ao día seguinte apareceron asasinados no lugar da Poza das Ras (Verea) a uns nove quilómetros ao sur de Celanova. Tamén apareceron os corpos dos mestres Julio Rodríguez e Amadeo López Bello, sacados do mosteiro polo mesmo método cunha orde do día 27.

Na mesma causa que a Eloy instruíronse dilixencias contra Agustín Baladrón Carrera, Luis Gómez Giráldez e Manuel Fernández Neira, que ficaron presos no cárcere do Carballiño, e alí seguían os dous primeiros, segundo a documentación da instrución, o 4 de setembro cando se lles comunica o sobresemento.

A documentación incorporada ás dilixencias non establece conexión ningunha entre os catro investigados.

A Garda Civil fundamenta as sospeitas sobre Agustín Baladrón nunha serie de cartas atopadas no rexistro do seu domicilio. Exhíbese correspondencia co verinense Manuel García Becerra, fillo de Lino García Vázquez e subsecretario de Obras Públicas en 1933 e secretario do Ministro de Instrución Pública dende marzo de 1936; con Adelardo Novo Brocas, gobernador civil de Logroño no 36; con Marcelino Domingo, un dos líderes de Izquierda Republicana; con Manuel Portela Valladares, que o 10 de xullo dálle acuse de recibo dun artigo para El Pueblo Gallego. Hai cartas de finais de 1935 desde o penal de San Cristóbal en Pamplona de Castor Rivera, irmán do mestre da Arnoia, José. Tamén se inclúe un artigo para publicar no xornal ourensán Espartaco, no que critica ao gobernador e o estado de abandono de Leiro, así como un texto en galego: Podredume do partido radical. Tamén se achega como proba o Manifiesto electoral de las izquierdas de cara ás eleccións a Cortes de 1936.

[actualización do 04.10.25] Agustín Baladrón Carrera aperece na correspondencia da prisión de partido de Ribadavia coa provincial de Ourense, o 4 e maio de 1938, nunha relación de reclusos “comprendidos entre los 30 y 40 años” de idade como preso “gubernativo”; é dicir, a dispór do Gobernador Civil. Indícase a súa veciñanza, Leiro, e idade actual, 32 anos. Na mesma relación aparecen tamén Albino Fernández Vázquez e Braulio Pousa Veloso.

Agustín Baladrón, nunha relación de presos gobernativos en Ribadavia en maio do 38.

De Luis Gómez, a comunicación da Guardia Civil ao xulgado advirte que se trata dun “elemento de ideas avanzadas” á luz do que aparece nas follas que se lle incautan. Nos rexistros policiais figura como “expendedor de peixe” e afiliado á UXT. Fernández Neira vén citado como “peligroso extremista” mais non se achega ningún tipo de documento escrito por el como nos outros casos.

O folio 83.

Mais adiante volveremos sobre Leiro, pero cómpre ter en conta a memoria familiar. A partir de aquí seguiremos o relato que fai Juan J. Muras, sobriño de Eloy, que durante anos recompilou documentación e a memoria da súa nai, Ana Romero Luis, e os seus tíos María, Coral e Casiano.

Eloy Romero coa súa tía Coral. Fotografía cedida pola familia Romero Luis.

Por parte dos Romero, a familia era orixinaria de Zamora. O avó dos cinco irmáns establecérase en Alvarellos, onde naceu Manuel, o pai, quen sendo solteiro trasladouse a Vilardevós para rexentar un comercio. A familia Luis estaba asentada en Vilardevós onde eran propietarios de terras. Alí casaron Amanda Luis e Manuel Romero. Eloy, o maior dos cinco irmáns, naceu o 7 de decembro de 1907. E inda non cumprira os once anos cando Amanda e Manuel faleceron durante a epidemia de gripe de 1918.

Os cinco irmáns quedaron baixo a tutela de Eloy Luis André, tío da nai. Os catro menores foron internados en colexios en Madrid. Eloy fixera o exame de ingreso en Bacharelato en xuño daquel ano, meses antes da morte dos pais, e tiña matrícula para comezar o curso 1918/19 no Instituto de Ourense (actual Otero Pedrayo). A memoria familiar transmitiu que Eloy puido ter pasado algunha tempada interno nos Escolapios de Celanova, instalado no Mosteiro entre 1868 e 1929. Non se atopou inda constancia documental.

No curso 1920/21, Eloy trasládase a Madrid para seguir os seus estudos no Instituto Cardenal Cisneros, onde tiña obtido cátedra Eloy Luis André.

No seu libro sobre Jacinto Santiago, natural de Vilardevós, destacado xornalista republicano e sacado de Celanova e paseado apenas dous meses despois que Romero Luis, Juan Tallón deixa esta anotación sobre Eloy Luis André, mentor tamén de Jacinto: “O talante político de Luis André -amplo e progresista-, como os valores humanos e sociais -solidarios pero firmes, pragmáticos pero tamén xenerosos-, como a faciana ideolóxica -republicana e de esquerdas- calen fondamente na personalidade política de Jacinto (…). Eloy Luis André chegará incluso a presentarse a candidato a cortes baixo a coalición republicano-socialista en varios municipios, un deles Vilardevós”. (Juan Tallón: Jacinto Santiago. Ourense, 1998. Páxina 26).

O relato familiar continúa en Madrid, onde Eloy Romero Luis estudou na Facultad de Ciencias da Universidad Central, na que conseguiu o título de Farmacia. No verán pasaba tempadas na casa dos avós maternos en Vilardevós, nas que coincidía coas tías, entre elas Coral. Consérvase unha fotografía de ambos antes de que ela casara e marchara vivir a Coles. A imaxe -cedida pola familia- ilustra este artigo.

Varón e primoxénito da pequena familia, mozo intelixente e con don de xentes, Eloy Romero Luis non so era a admiración das irmás -lembra o seu sobriño, Juan J. Murias-, tiña ademais un futuro prometedor e debeu ser recoñecido socialmente xa que a prensa de Ourense e Verín lle adicou algunha noticia que deixa entrever unha incipiente actividade profesional como farmacéutico.

Aos 24 anos o seu nome aparece por vez primeira nunha das actas do Colexio de Farmacéuticos de Ourense. Sería presidente en 1935. Un ano. Non quixo renovar no 36. Xa tiña farmacia en Leiro.

A sepultura de Eloy Romero, en Vilardevós.

Apenas mes e medio após o golpe de Estado do 36, foi asasinado na Poza das Ras. A familia, que intentara por todos os medios e contactos evitar que fora paseado, recibiu a noticia das circunstancias da súa morte e días despois rescatou o cadáver e foi soterrado no camposanto de Vilardevós cunha lápida que dá conta da data da súa morte: 29 de agosto de 1936. Na mesma lápida figuran os nomes dos pais, falecidos cun mes de diferencia a finais de 1918.

A memoria familiar, que Juan J. Murias conserva a través da nai, Ana, a irmá máis nova de Eloy, sinala que o suposto delito polo que se lle abriron dilixencias (“incitación a la rebelión”) agocha a causa real da súa represión. A familia sostén que farmacéutico tería sido denunciado alegando motivos políticos “por un marido despechado” de Leiro que ademais era garda civil. “Que saibamos, non exerceu actividade política algunha. Busquei sen éxito en hemerotecas algún tipo de filiación, asistencia a mitins ou actos políticos tan frecuentemente reflectidos en prensa da época, ou outros indicios de se mover en círculos de esquerdas”, explica Murias.

Agustín Baladrón Carrera, Luis Gómez Giráldez e Manuel Fernández Neira foron encarcerados no Carballiño, mentres que Eloy Romero Luis (pode que pola súa relevancia social) ingresou en Ourense o día 29 de xullo antes de ser trasladado a Celanova.

Eloy Romero chegou a Celanova nunha corda de 39 presos, entre eles, Demetrio Álvarez González, Leovigildo Carril Freire e José Gutiérrez López. Os dous primeiros serían fusilados -en xaneiro do 37 e marzo do 38, respectivamente- no Campo de Aragón, e o terceiro faleceu durante a fuga no penal de San Cristóbal en Pamplona en maio de 1938.

En Leiro, a represión cobrouse nos primeiros meses tres vítimas máis: Eugenio Collazo, José Míguez Porto e Eladio Porto Bugallo. Eugenio foi paseado en Cenlle o 21 de agosto do 36. José foi paseado na estrada de Reza o 7 de outubro. Eladio foi fusilado sen formación de causa no Campo de Aragón en febreiro do 37.

Non hai constancia de relación ningunha destes homes con Eloy Romero Luis.

O historiador Julio Prada describe así os primeiros días do golpe na vila: “Na tarde do día dezaoito xa funcionaron as primeiras gardas en diferentes puntos da estrada Carballiño-Ribadavia (…) Ao día seguinte este servizo ampliouse no senso de facer obxecto de rexistros aos máis coñecidos elementos de dereitas a raíz dunha xuntanza celebrada no concello na que o tenente de alcalde en funcións de alcalde, Benito Velerio Fernández, vicepresidente do comité local de IR, tomou a iniciativa seguindo as instrucións transmitidas desde Ribadavia e Ourense. Neste intre xa se dispuña dalgunhas armas, a bo seguro procedentes das requisas que se estaba a levar a cabo desde finais de maio, e con elas foron armados os primeiros esquerdistas que se presentaron esa mañá para defenderen a República, entre eles Luis Crispín Fernández”. (Julio Prada: Ourense, 1936-1939: alzamento, guerra e represión. Ediciós do Castro, 2004. Páx. 260)

Na causa 1599/1937, xunto a Eugenio Collazo e de Eladio Porto, que se abriu con posterioridade aos asasinatos de ambos, tamén figuran os veciños de Leiro Ginés Alemparte Alén (concelleiro e secretario da Sociedade de Oficios Varios), Miguel Crego AraujoLuis Crispín Fernández, Antonio Fernández DíazAntonio González Díaz (concelleiro), Manuel Rodríguez Fernández, Jesús Romero Benito Velerio Fernández.

Nas dilixencias incautatorias abertas no Xulgado de Ribadavia contra varios veciños do Ribeiro con data do 7 de febreiro do 37, xunto a Eloy Romero Luis aparecen estes outros veciños de Leiro: Eugenio Collazo (xa asasinado), Miguel Creo, Etelvino Vázquez Nogueira, Manuel Rodríguez Fernández; e Eladio Porto, de Santomé na parroquia de Serantes (asasinado o día 9 dese mes); Ginés Alemparte, da parroquia de Lebosende; os irmáns Miguel, Elías e Ramón Cabanelas Araújo, de Paredes; Serafín González Díaz, de San Clodio, e da mesma parroquia, Constantino Collazo Álvarez.

Outro veciño de Leiro, Alfonso Candendo, de Cortes, parroquia de Orega, estivo preso en Celanova entre xuño de 1937 e agosto de 1941, condenado por “auxilio á rebelión” canda a xente de Carballeda (como Nonito Fariña ou Amadeo Vieitez) e faleceu o 3 de setembro dese ano en condición de prisión atenuada, enfermo, na súa casa aos 24 anos. O día 5 de outubro concedéronlle a condicional segundo figura no seu expediente carcerario.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario