✍🏼 EDS.

Carmen Mariño Rodríguez, Manuela Pérez Álvarez, Natalia Leboso Guntín, Amparo Pérez Rodríguez, Cristalina Pérez Rodríguez, Antonia Gulín Pérez, Digna Rodríguez Rodríguez, Carolina González García, Amalia González López e Miguelina González Touza son 10 mulleres de Ribadavia, inculpadas por ter pronunciado “manifestaciones extremistas”, que acabaron presas durante mes e medio no cárcere de mulleres Celanova na primavera de 1937.

Segundo un escrito da Falange de Ribadavia do 25 de abril de 1937, o camarada Antonio Dávila Araújo denunciara o día 24 que un grupo de veciñas e veciños reunidas ese día na Praza da Magdalena comentaron, ao paso do tren-hospital que levaba feridos da fronte cara a Vigo, que “les satisfacía ver pasar heridos del frente deseando que el número de ellos era pequeño todavía con arreglo a sus deseos; que pronto variarían las cosas y que (…) entonces tanto militares, falangistas y personas de derechas serían picados en tajadas“.

Interrogado pola Guardia Civil, o camarada reafírmase na súa denuncia. No mesmo atestado, que asina o comandante do posto, Vicente Santamaría, figuran as declaracións de todos os inculpados.

Santamaría informa que as dúas únicas mulleres detidas o 25 foron Amalia González López (63 anos) e Miguela González Touza (25 anos) -serán as que permanezan máis tempo en Celanova-, xa que a respecto das outras “no se ha podido comprobar nada de lo que se denuncia“, e estas dúas son de “marcada inclinación marxista“. Tampouco se detivo aos tres homes denunciados porque “se comprobó que a la hora que pasaba el tren, no podían estar en la plaza“.

Porén, os 13 acabarían sendo presos nos cárceres de Celanova, que naquela altura xa eran utilizados como os principais centros de confinamento da provincia xunto á prisión de Ourense tanto para mulleres como para homes.

No rexistro da prisión de mulleres de Celanova, do día 28 de abril, Carmen Mariño Rodríguez (36 anos) e Manuela Pérez Álvarez (29 anos)ingresan acompañadas por un neno (fillo) cada unha. Os tres homes veciños de Ribadavia foron tamén conducidos ao cárcere no Mosteiro de Celanova (a prisión habilitada para homes). Eran Emilio Cortés (xastre), marido de Carolina González; Hipólito Fernández (zapateiro) e Bernardo Iglesias (albanel).

GOLPE E TERROR EN RIBADAVIA

Ribadavia foi unha das poucas vilas na provincia onde se organizou unha resistencia ao golpe de Estado de xullo de 1936. O alcalde, Benito Gallego (Izquierda Republicana), regresou dunha reunión en Ourense co Gobernador Civil, Gonzalo Martín March, despois do asasinato de Calvo Sotelo -o luns día 13- coa instrución de acuartelar á Guardia Civil e así llo ordena ao brigada Vicente Santamarina.

“Nese estado de tensión e cos gardas acuartelados, as primeiras novas da sublevación recíbense xa na madrugada do día dezaoito. Durante a mañá ten lugar unha xuntanza na Casa do Pobo nas que se discuten as medidas a adoptar, levando a iniciativa homes vencellados ou próximos á agrupación socialista local. Finalmente, acórdase enviar representantes ás diferentes parroquias da comarca para contactar cos responsables das sociedades agrarias de esquerda e que estes asuman a tarefa de organizar ós seus afiliados para o caso de que se precisase unha mobilización de envergadura, que debería converxer na capital do partido ou estar disposta para se dirixir a Ourense”, relata Julio Prada no capítulo dedicado aos días do golpe no Ribeiro (páxs. 242-285 do seu ensaio Ourense, 1936-1939, alzamento, guerra e represión. Edicións do Castro, Sada, 2004).

A praza da Magdalena, nunha foto dos anos 40.

Prada describe como desde o concello fixéronse requisas de armas e se distribuíron, tamén se abordou a comida e o aloxamento dos milicianos chegados desde concellos veciños a partir do día 18 e o labor que desempeñaron alcaldes e representantes de sociedades e sindicatos agrarios e partidos que resultou na concentración duns douscentos homes dispostos a manter o control da vila e defender a legalidade republicana.

Na historia daquela semana, antes de que o luns 20 pola mañá os sublevados declarasen o Estado de Guerra en Ourense e pola tarde a Guardia Civil saia ás rúas en Ribadavia, significáronse nomes que pouco despois aparecerán ligados á Prisión de Celanova.

O xestor (concelleiro) Cándido García Corral, socialista, coma un dos homes fortes do alcalde, que asina algunha das incautacións e porta armas e que sería detido no Goberno Civil en Ourense cando a Benito Gallego, Fulgencio Lorenzo, Andrés Centrón e Victorino Gómez, acabou preso en Celanova o día 29 e foi paseado o 3 de agosto. De Benito, Andrés e Fulgencio hai constancia do seu paso por Celanova. Os dous primeiros acabaron fusilados no Campo de Aragón en febreiro do 37, e Victorino, un ano despois. Fulgencio regresaría a Celanova despois de pasar polo penal de San Cristóbal en Pamplona. Tamén aparece como protagonista naqueles feitos Xosé Meixengo, alcalde da Arnoia, logo preso e finalmente veciño de Celanova onde exerceu como médico. E tamén, unha das vítimas da prisión celanovesa, Domingo Félix Mantilla, factor do ferrocarril en Ribadavia e a quen se acusa de participar no reparto de armas para frear o golpe. Primeiro fuxido e despois capturado, ingresara en Celanova en febreiro do 37 onde morreu en setembro do 39. O seu nome figura no memorial de Os 90 de San Breixo que se ergue no cemiterio parroquial de Celanova desde marzo pasado en homenaxe ás vítimas alí soterradas.

Naquela semana tiveron tamén protagonismo outros nomes que explicarían parte da historia de represión sufrida por algunha destas dez mulleres de Ribadavia. Entre os que a día de hoxe podemos vincular, están Fidel e José Antonio Blanco Leboso, fillos de Natalia Leboso; e Aladino Pérez Rodríguez, irmán de Amparo Pérez.

ABRIL DE 1937

En abril de 1937 a represión inda estaba no seu punto alto. Os principais dirixentes políticos e sindicais canda moitos mestres e simpatizantes republicanos do Ribeiro -como no resto do país- foran paseados, estaban sendo fusilados, permanecían encarcerados, agochados ou fuxidos e mantíñanse abertas varias causas xudiciais -nunha delas, a 933 de 1936 estaban inmersos todos os sinalados entre máis de cen homes- e a persecución de falanxistas, Guardia Civil e mesmo o aparato militar contra eles e as súas familias. As denuncias e as delacións alimentaban aquel terror na retagarda.

Neste contexto, o cárcere de Celanova que xa era un dos eixos da represión na provincia: contaba co primeiro cárcere de mulleres e dispuña do principal espazo de reclusión para homes. As dez de Ribadavia e os dous nenos (“de unos catorce meses”, estima o Xefe da Prisión, Benigno González) ingresan cos números do 31 ao 43 con data do 28 de abril. A última reclusa ingresara oito días antes, o 20. Era Salud Torres Díaz.

Naquela altura xa foran pasados polas armas o alcalde e Centrón (o 2 de febreiro) e paseado García Corral (o agosto anterior), executado o Gobernador Civil republicano (en setembro) e seguía aberta unha causa contra máis dun cento de homes da comarca do Ribeiro -xa mortos, presos ou perseguidos- que activaran os falanxistas locais unha vez que apagaron a resistencia en Ribadavia. A guerra continuaba na fronte asturiana, onde como soldado dos sublevados marchou mobilizado un fillo de Carolina e Emilio.

O quiosco das irmáns Touza (que tamén teñen papel nesta historia) na Estación do tren de Ribadavia.

A INSTRUCIÓN

O atestado inclúe as dilixencias sobre os bens de todas e todos os inculpados. De Natalia Leboso Guntín (49 anos) anotan: “escasamente tiene quinientas pesetas en una casita”. E declaran insolventes a Manuela, Cristalina, Antonia, Digna e Miguelina. Ademais indícase que “todos eran de extrema izquierda”, simpatizantes da Fronte Popular e respecto ao Movimiento, “se mostraron indiferentes y lo acogieron con frialdad”.

Ingresan os 13 (máis os dous nenos, dos que só hai un rexistro) nas prisións de Celanova como detidos “provisionalmente”. A orde déraa o Gobernador Militar o día anterior.

O xuíz instrutor, o capitán de Infantería Manuel Toimil, ditamina o 26 de maio que se interrogue de novo aos presos e ás testemuñas.

O 28 de maio, en Celanova, Emilio Cortés amplía a declaración que fixo diante da Guardia Civil. Di que acudía diariamente á estación de tren a levar un paquete para un fillo que está no monte Naranco (Oviedo), no exército (sublevado); que non escoitou gritos “subversivos” ao paso do tren-hospital; e que a súa muller, Carolina González, estaba canda el e non na Praza da Magdalena, que dista “medio kilómetro aproximadamente”. Na súa declaración, o mesmo 28 de maio, Carolina González explica da mesma maneira os feitos. A versión do matrimonio será corroborada por Dolores -unha das irmáns Touza Rodríguez que axudaron a pasar a Portugal desde Ribadavia a centos de xudeus que fuxían dos nazis, segundo desvelou unha investigación xornalística en 2005- quen entre outros negocios rexentaban o quiosco da estación do tren.

A respecto da declaración de Manuela Pérez na cadea de mulleres de Celanova, a instrución constata: “Preguntada si tiene algo más que decir contesta que el día de autos estaba en su casa cuidando del niño que en estos momentos tiene en sus brazos y que entonces estaba enfermo como lo puede comprobar con el médico, D. Tomás Vidal, y que insiste en que no estuvo en la plaza dela Magdalena por la sencilla razón de que su marido está en el frente y tiene además del que citó cuatro hijos que no sabe lo que será de ellos. Que no tiene nada más que decir”.

Carmen Mariño, pola súa parte, declara que tamén ten o marido na fronte de guerra e que ela dedícase a coidar os tres fillos. Non se indica se un deles está con ela na cadea tal e como figura no rexistro.

O día 5 de xuño declaran en Ribadavia as testemuñas solicitadas polas inculpadas, entre elas, Dolores Touza. Tamén presta declaración o doutor Vidal, que di que o 24 de abril recibiu na consulta a Manuela Pérez cun fillo enfermo (“infección intestinal”) e ademais engade que aquela mañá visitou a Carmen Mariño, enferma na casa. Encarnación Vidal Gómez, filla do médico, tamén declarou en favor de Manuela.

Varias veciñas -entre elas Sor Consuelo, superiora do Hospital- declararon en Ribadavia a favor de Digna Rodríguez (50 anos, solteira), á que situaron no local da Beneficiencia á hora dos feitos, recollendo comida, como adoitaba a facer a diario. Antonia Gulín (50 anos, casada) non pode achegar testemuños de onde se atopaba a mañá do 24 de abril dado que o home e o fillo estaban traballando e ficou soa na casa. A favor de Cristalina Pérez (60 anos) declaran o seu marido, o comerciante Ramón González Álvarez, o Chucarelo, e o carpinteiro Jacinto Dávila. Este afirma que Antonio Dávila Araújo (o denunciante) é inimigo da muller.

Varias veciñas sitúan a Amparo Pérez (55 anos) na taberna que rexentaba á mañá dos feitos. Entre as manifestacións a favor dela está a de Juana Gallego Montero, irmá do alcalde asasinado dous meses antes.

Contra Amalia González declarou a finais de maio do 37 Clemente Pérez Domínguez, garda municipal de 49 anos, que menos dun ano antes, durante os días nos que a corporación republicana trataba de organizar a defensa contra o golpe, fora desarmado por orde do alcalde, Benito Gallego, canda outros tres gardas municipais “sospeitosos de conivencia coas dereitas”, como informa Julio Prada (no ensaio citado arriba, páxina 244). E engade o historiador: “Días antes se negara a asinar unha denuncia da corporación xestora contra varias persoas consideradas ‘fascistas’ que [o alcalde] pensaba remitir ao gobernador civil para que ordenase a súa detención”.

Comparece en Ribadavia o xefe comarcal da Falange de Ribadavia, Manuel García Araújo, axente de reclamacións ao ferrocarril, e di que no escrito que asinou o día 25 de abril o que fixo foi “dar traslado a la Autoridad Militar” da denuncia dun “camarada”, e que “este sabrá si lo dicho es verdade o no” dado que el non puido comprobar “con posterioridad a la denuncia la exactitud o inexactitud del parte”. Do seu lado, o denunciante, Antonio Dávila, matiza a súa declaración e sinala: “que la que dijo las palabras a las que se refiere el parte inicial fue Amalia González, y la que levantó el puño fue la Miguela González Touza, y que todos los demás que actualmente están detenidos no hicieron nada en absoluto”.

O instrutor ordenou acareos entre Dolores Touza e Antonio Dávila, e entre o médico e o propio Dávila para tratar de aclarar contradicións entre as respectivas declaracións sen que ao parecer serviron de pouco para resolver as dúbidas que tiña o xuíz.

A investigación inclúe un requirimento á Compañía Nacional de los Ferrocarriles del Oeste de España que responde informando de que o tren militar do 24 de abril “llegó a la estación a las 10.34, paró 1 minuto y salió a las 10.35 en dirección a Vigo”. A resposta, do 2 de xuño, está asinada polo xefe da estación, Arturo de Castro.

Notificación da Compañía de Ferrocarriles asinada polo xefe da estación.

O Auditor de Guerra declara na Coruña “que de todo lo actuado no se deduce, con la claridad debida, la comisión de los hechos motivo de la denuncia”, inda que queda en evidencia “la significación izquierdista” de Amalia e Miguelina, polo que dita o sobresemento da causa e pon en liberdade aos detidos, a excepción de Amalia e Miguela que, recomenda, deberían quedar a disposición do Delegado de Orden Pública con mención dos seus antecedentes.

Finalmente, quedarán a disposición do Gobernador Militar de Ourense no cárcere de Celanova. O 16 de xuño o xuíz de Celanova, Sr. Herrera, envía notificacións aos presos no cárcere do Mosteiro e ás presas “en la Prisión preventiva de esta Villa”. O 19 de xuño ordénase a liberdade dos homes e de oito das mulleres coas dúas crianzas. No rexistro do cárcere de mulleres anótase a saída o 21 de xuño.

Amalia e Miguelina continuaban no cárcere de mulleres de Celanova o último día do ano 1937, no último rexistro do que temos constancia a día de hoxe. Daquela, xa eran as presas 13ª e 14ª que levaban máis tempo na cadea segundo a relación.

OS TRES HOMES

Por orde do Gobernador Militar ingresaron o 28 de abril ás catro e media da tarde no cárcere de Celanova Hipólito Fernández, de 67 anos; Emilio Cortés, de 51 anos; e Bernardo Iglesias, de 46. Permaneceron case dous meses, até o 22 de xuño, cando foron liberados.

Emilio Cortés Iglesias, como alcalde do barrio do centro, tiña acompañado aos oficiais do xulgado nas visitas ás casas de veciños do centro de Ribadavia investigados nos procedementos previos de incautación de bens, así aparece a súa firman varias veces na causa 933 que tratou dos feitos de xullo do 36 en Ribadavia.

A causa 803/1937 referida a denuncia do falanxista que motivou as detencións está no Arquivo Militar Intermedio de Ferrol, onde tamén está a causa 933/1936 sobre os sucesos en Ribadavia nos días do golpe. Ningún destes documentos está dixitalizado.

Detalle do cartaz de Baldomero Moreiras alusivo ás presas en Celanova, creado para os actos de homenaxe á República que organizaron os Amigos da Repúbica en Ourense en abril deste ano.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario