1. Apertura

Bo día a todas e todos.

Hoxe non estamos aquí só para despedir a Toño, senón para dicirlle “grazas”. Grazas por acompañarnos, por ensinar sen alzar a voz, por lembrar sen odio e por loitar sen descanso. Hoxe non dicimos só adeus; afirmamos un legado.

Hai apenas uns días, Toño estaba connosco, guiándonos na visita polo mosteiro de Celanova e polo cemiterio de San Breixo. Falaba coa voz tranquila de quen coñece o peso da historia e sabe que educar é plantar memoria no corazón da mocidade.

Naquela xornada, Toño non só falou da historia do seu pai, nin das vítimas da represión. Falou do noso presente e do futuro que debemos merecer. Porque a súa presenza entre nós non era só testemuño: era conciencia. Era dignidade.

2. A figura de Toño

No pouco tempo que puidemos compartir con el, axiña nos decatamos de que Toño era unha persoa incombustible, íntegra e loitadora. Bastaron unhas horas para ver que non era un guía máis nin un conferenciante calquera. Falaba co peso da experiencia, coa convicción de quen leva anos defendendo unha causa xusta e coa honestidade de quen nunca se acomodou.

Toño Meléndez era moitas cousas, pero sobre todo era memoria viva. Fillo dun militante do Partico Comunista represaliado e condenado a morte polo franquismo, levou décadas reconstruíndo a historia silenciada do seu pai, o Piriano, e a de tantos outros veciños de Vilanova e Celanova. Fíxoo coa determinación de quen entende que a verdade negada é unha ferida aberta na sociedade.

No Comité de Memoria Histórica, Toño era máis que un membro fundador: era presenza constante, criterio rigoroso e vontade inflexible. Estaba nas asembleas, nas conversas co grupo HISTAGRA, nos procesos de exhumación, nas xestións coa administración, na divulgación local e nos encontros con familiares. Sen protagonismos, pero con absoluta claridade: ninguén coma el asumía como tarefa propia a responsabilidade colectiva de restaurar a verdade.

3. O labor do Comité como tarefa educativa e democrática

O traballo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova non é só lembrar o pasado, é restaurar a dignidade das vítimas e combater o esquecemento como forma de inxustiza. A maioría dos homes e mulleres represaliados loitaron pola liberdade, pola igualdade e polos dereitos que hoxe damos por supostos. Defenderon a democracia fronte á ditadura cando esta foi destruída pola forza das armas. Moitos perderon a vida por iso. Outros sufriron cadea, exilio ou silencio imposto.

Noutros países, os que loitaron pola democracia son recoñecidos como heroes. Aquí, en cambio, seguimos a ter ás vítimas nas cunetas, nas fosas comúns, en documentos esquecidos. E o que é máis grave: seguimos a convivir cun relato oficial heredado do franquismo, que lles nega ás vítimas o recoñecemento e aos cidadáns o dereito á verdade.

Esta é a tarefa do Comité: documentar, dignificar e reparar, pero tamén transmitir esa memoria ás novas xeracións, para que sexan quen de recoñecer as inxustizas e actuar fronte a elas.

Por iso é tan importante o que fixemos aquel día en Celanova. Cando visitamos o mosteiro, a antiga prisión central, e despois o cemiterio de San Breixo, non estabamos só facendo unha actividade didáctica. Estabamos recollendo un legado. E Toño, que nos acompañou nesa xornada, díxoo con claridade e con esperanza:

“Algo queda, algo lles vai quedando… esta é a tarefa do Comité, pouco a pouco.”

Ese “pouco a pouco” é tamén o que nos corresponde a nós: seguir construíndo conciencia, defendendo os valores democráticos e combatendo o esquecemento desde as aulas.

4. Fronte á “neutralidade”: compromiso cos dereitos e coa memoria

Nas últimas semanas estamos a escoitar moito a palabra “neutralidade”. Preguntámonos que significa iso da neutralidade. Significa calar ante a inxustiza? Significa que debemos aprender contidos académicos sen cuestionar nada máis? Quen sitúa o equilibrio na balanza da neutralidade?

NON, a balanza non pode estar en equilibrio, a balanza debe estar inclinada do lado da ciencia, do coñecemento, da visión crítica, dos dereitos humanos e da xustiza. NON, non fomos educados para confundir a neutralidade coa amnesia e a obediencia submisa.

• Non pode haber neutralidade fronte ao xenocidio en Gaza.

• Non pode haber neutralidade fronte aos atropelos ambientais, como os que estamos vendo con Altri.

• Non pode haber neutralidade fronte á negación da memoria, fronte á ocultación dos crimes da ditadura ou fronte á persecución dos que loitaron pola liberdade.

Nós, non queremos ter profesores e profesoras para reproducir equidistancias. Queremos educadores que nos formen en conciencia crítica, que defendan os valores democráticos e transmitan a verdade histórica. A mesma que Toño levaba anos documentando e compartindo.

Queren que aceptemos que falar de memoria, de igualdade ou de dereitos humanos é “ideolóxico”. Pero non é ideoloxía reclamar que se recoñeza a quen foi fusilado por defender a democracia. Non é ideoloxía esixir reparación para quen foi humillado, torturado ou condenado ao esquecemento.

Igual que no ano 1977 se chamou “reconciliación” ao silencio imposto da amnistía, agora pretenden chamar “neutralidade” ao intento de silenciar ás voces que esixen verdade, xustiza e memoria.

E Toño sabíao ben. Non era un home de grandes discursos, pero si de ideas firmes. E se puidese falar hoxe, probablemente repetiría o que xa nos dixo aquel día no cemiterio de San Breixo: “Algo queda, algo lles vai quedando… esta é a tarefa do Comité, pouco a pouco.”

5. Agradecemento e compromiso co seu legado

Toño deixounos hai pouco, pero non marchou baleiro.

Deixounos un exemplo, un camiño, unha tarefa. E tamén unha confianza: a de que nós —docentes, estudantes, familias, cidadáns— seremos quen de continuar o labor que el fixo durante décadas con teimosía, lucidez e dignidade.

Na súa vida e no seu traballo, Toño demostrou que a historia non é só pasado: é presente e é responsabilidade. Que non hai democracia sen memoria, nin futuro sen verdade.

Por iso hoxe, máis que despedilo, agradecémoslle.

Por compartir con nós a súa voz, por transmitirnos a súa paixón, e por recordarnos que, mesmo cando parece que nada cambia, algo sempre queda.

E agora, recollemos o seu legado.

Seguiremos falando, seguiremos lembrando, seguiremos preguntando. Nas aulas, nos roteiros, nas palabras que sementan consciencia.

Porque, como el nos ensinou, a memoria non se arquiva: transmítese. E a democracia non se celebra: deféndese.

Moitas grazas, Toño.

[Lida o 18 de xuño de 2025 na biblioteca do centro de ensino en presenza de alumnado, docentes e membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova]

O vídeo

Fotografías


Conversas con memoria, para que algo quede. En Radio Canedo. PODCAST: https://go.ivoox.com/rf/150535669 🎙️


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario