O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova completou o proceso de renovación da Xunta Directiva iniciado o pasado 1 de marzo. A única candidatura presentada, a encabezada polo socio Hixinio Araúxo, obtivo o respaldo maioritario na votación durante a Asemblea Xeral celebrada onte, na que a directiva saínte deu conta do estado de tesourería e fixo un balance das liñas de traballo abertas durante estes últimos catro anos.
Xunto a Hixinio Araúxo, que xa formaba parte da anterior directiva, entra como Vicepresidenta a socia Lolis Velo Abraldes, mentres Dores García Duarte ocuparase da Secretaría, e Nuria Rodríguez, da Tesourería. Continúan na directiva María Rodríguez Mosquera e Erik Dobaño, agora como Vogais, e entra tamén como Vogal, o socio Jacobo Piñeiro.
Completado o proceso de renovación de órganos, a Xunta Directiva asumiu o compromiso de continuar o labor do Comité nas liñas de traballo abertas e afondar na investigación da represión no plano comarcal. No inmediato, o Comité manterá a atención ás familias dos 90 de San Breixo para conseguir que se poidan recoller e conservar nun banco de ADN aquelas mostras que decidan achegar e que se declare o cemiterio como Lugar de Memoria. Ademais, retomará as conversas co goberno municipal de Celanova para lograr de vez unha protección eficaz da pintada Adiante Semanario, e a colaboración co Concello de Verea para sinalizar o espazo da Poza das Ras e ampliar a investigación sobre os crimes que se cometeron alí.
A Asemblea Xeral tivo tamén un recordo para os socios falecidos durante este 2025: Andrés González, en febreiro, e Antonio Meléndez, hai apenas uns días. A próxima semana unha representación do Comité participará nun acto de homenaxe ao Toño que renderán alumnado e docentes do IES Doce de Octubre de Ourense, quen a finais de maio realizaron un roteiro de memoria histórica en Celanova no que el foi un dos guías.
O Comité informará nas próximas semanas das datas da campaña de socias e socios correspondente a este ano 2025.
0 comentarios