Grazas a Luis e a Moisés a historia do seu bisavó VICTORIANO LÓPEZ GARCÍA chegou á televisión pública de Castilla-La Mancha. Victoriano foi un dos catro nomes engadidos á lista de Rodríguez Teijeiro até completar a lista DOS 90 DE SAN BREIXO.

Aquí a ligazón á reportaxe: https://www.cmmedia.es/play/tv/en-profundidad/memoria-historica-toledo.html?utm_source=whastapp%26utm_medium=social

Na reportaxe faise referencia a outros toledanos falecidos no cárcere de Celanova. Meses antes que Victoriano -morto na enfermaría da prisión o 15 de decembro de 1941-, falecera TELESFORO GARCÍA GARRIDO naceu en Alcañizo, unha pequena localidade toledana entre Talavera de la Reina e Navalmoral de la Mata. Era labrego, xornaleiro. Estaba casado con Sinforosa Polo e tiñan un fillo de 3 anos cando el ingresa na Prisión de Burgos o 28 de febreiro de 1940, condenado a 30 anos de prisión por un tribunal franquista.

Telesforo García Garrido -que foi outra das vñitimas incorporadas á lista grazas ao labor do Comité- faleceu dezanove meses despois, ás 22,30 horas do 7 de setembro de 1941 na enfermaría da Prisión de Celanova. Tiña 27 anos.

Segundo figura nunha nota no seu expediente carcerario, deixou:
Un jersey
Dos pares de calcetines
Dos camisas
Tres pares de calzoncillos
Un par de zapatos
Un pantalón
Una toalla
Dos pañuelos
y 25 pesetas.

Estas pertenzas foron entregadas a Tomás Ramírez, que asina o recibín o día 11 de setembro. Tomás Ramírez Zorrilla era veciño de Aldeanueva de Barbarroya (Toledo), a uns 30 quilómetros de Alcañizo. Pasou polo cárcere de Celanova, en distintas etapas, entre 1939 e 1941. A data da liberación de Tomás coincide coa da entrega das pertenzas de Telesforo: o 11 de setembro do 41. No seu expediente carcerario figura o mesmo documento. Tomás Ramírez regresou á súa aldea en liberdade condicional, e en agosto de 1950 foi definitivamente liberado.

Telesforo García Garrido faleceu a causa dunha “endocardite séptica”, segundo figura na notificación do médico Jesús Chamorro Piñiero ao director da cárcere. O seu corpo foi inhumado o día 8, como reflicte o último documento do seu expediente na prisión, asinado polo xefe de servizos, Raimundo Menéndez. Telesforo fora chamado a filas o 27 de xullo de 1936, como mozo do re-emprazo de 1936. Tiña 22 anos. Fixo parte do Quinto Rexemento, segundo os arquivos militares.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario