O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova participou este venres no último acto de divulgación dos actos de inauguración, pasado mañá domingo, do Memorial dos 90 de San Breixo, que honra ás vítimas da violencia fascista soterradas no cemiterio parroquial de Celanova entre 1936 e 1943: unha rolda de prensa no Concello xunto ao alcalde, Antonio Puga, e á tenente de Alcalde, Teresa Barge.
Baldomero Moreiras, membro do Comité e autor do memorial, explicou que a súa intención foi intervir no cemiterio cunha obra que respectase o conxunto e cuxo deseño non quitase protagonismo ás vítimas, de tal forma que “traballei desde o respecto dos elementos que compoñen e desde o respecto ás familias das vítimas”, indicou Moreiras, quen lembrou que o símbolo das pombas vincula este memorial con outras intervencións do Comité en espazos de memoria na vila.
Ademais, outro portavoz do Comité, Erik Dobaño, subliñou a oportunidade que representa a presenza do Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, que intervirá no acto institucional do domingo convidado polo Grupo Histagra (USC), coordinador en Galiza do Plan estatal de exhumacións 2021-24, para que a Xustiza española se active de vez no país contra os crimes do franquismo, e lembrou que só no grupo dos 90 de San Breixo hai 7 persoas que foron fusiladas, 2 que foron paseadas, 2 que faleceron por disparos dos gardas da prisión, 1 que morreu metrallada nunha emboscada de forzas de represión do réxime ditatorial, e unha máis sobre que a familia sospeita que faleceu a consecuencia dunha malleira na prisión. “En total, trece mortes violentas pola represión franquista, ademais da consideración que merezan as outras 77 mortes como consecuencia das condicións do confinamento”, indicou, “o que as asociacións de memoria e cada vez máis historiadores no país pensamos que son crimes de lesa humanidade”.
Relación de cargos que tomarán la palabra no acto institucional:
Benvida: Ilmo. Sr. Alcalde de Celanova, Sr. D. Antonio Puga
- Rector Magfco. Universidade de Santiago de Compostela, Sr. D. Antonio López Díaz
- Catedrático de Historia Contemporánea da USC e Coordinador do Plan de Memoria Democrática de Galicia, Sr. D. Lourenzo Fernández Prieto
- Presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Sra. Celia Inés Feijoo Soto
- Ilmo. Sr. Sub-delegado do Goberno en Ourense, Sr. D. Eladio Santos Martínez
- Excmo. Sr. Fiscal Xeral do Estado, Sr. D. Álvaro García Ortiz
- Ilmo. Sr. Consejero de Ordenación de Territorio, Urbanismo, Vivienda y Derechos Ciudadanos gobierno do Principado de Asturias, Sr. D. Ovidio Zapico González
- Ilmo. Sr. Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Sr. D. Anxo M. Lorenzo González
- Luis M. Soto López, bisnieto de Victoriano López García, en nombre de las familias
Peche: Ilmo. Sr. Alcalde de Celanova, Sr. D. Antonio Puga.
0 comentarios