O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova informa da inauguración este domingo, 23 de marzo, do Memorial dos 90 de San Breixo, no cemiterio parroquial de Celanova, onde teñen sido documentados os enterramentos de 90 vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943.
O Comité, coa colaboración do Goberno de Asturias e outras asociacións de memoria, localizou até o momento 16 familias de represaliados que figuran no memorial. Son nove familias asturianas, unha galega, unha andaluza, unha estremeña, dúas leonesas e dúas madrileñas. Os nomes dos seus familiares enterrados en San Breixo son Gaspar Fernández, Ángel Santos González, Mariano Panizo, Abelardo Suárez, Baldomero Vigil-Escalera, Marcelino Fernández, Victoriano Fernández Moreno, Gerardo Tovar, Francisco Fernández Llaneza, Victoriano López, Francisco Moreno, Hermenegildo Crespo, Ramón Yáñez, Manuel Gregorio Nieto, Constantino Tuero Amandi e Juan Masa Chamorro, o último dos falecidos, o 27 de agosto de 1943.
Entres estes, hai cinco mortes violentas documentadas: as dos tres asturianos fusilados o 22 de setembro do 39; a de Francisco Morena Medina, asasinado dun tiro no cárcere o 21 de xaneiro do 43; e a do guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira, metrallado por policías e gardas civís o 13 de xullo do mesmo ano. Ademais, malia que a súa causa de morte indica unha enfermidade intestinal, a familia de Mariano Panizo, libreiro castelán afincado na conca mineira de Asturias, recibiu información de que morreu como consecuencia dunha malleira.

O acto de inauguración no cemiterio está previsto para ás 13 horas, e consistirá no descubrimento do Memorial, unha peza de ferro dobrada nun ángulo de 90 grados coa inscrición nas caras exteriores dos nomes de todas as vítimas, obra do artista celanovés Baldomero Moreiras, que se ergue sobre unha sepultura baleira no centro do xardín no que se exhumou a fosa dos asturianos en 2022. O Memorial foi financiado con fondos estatais do programa de exhumacións 2021-24, e estará acompañado por un elemento memorialístico que vincula o lugar con outros cemiterios do país nos que o equipo coordinado polo Grupo Histagra da USC interviu outras fosas.
A inauguración porá o ramo aos actos que se celebrarán esa mañá na vila. Ás 11 está previsto una recepción institucional ás familias das vítimas que se desprazarán a Celanova, así como á representación do Goberno de Asturias, encabezada por Ovidio Zapico, consejero de Ordenación del Territorio, Urbanismo, Vivienda y Derechos Ciudadanos do Principado, e que inclúe aos alcaldes de Mieres, Cabrales e San Martín del Rey Aurelio. A maioría das vítimas, asasinados ou mortos polas condicións de confinamento na Prisión Central de Celanova, tiñan orixe asturiana: un total de 43.
Esta acollida institucional que terá como escenario o Refectorio do claustro barroco estará presidida polo Alcalde de Celanova, Antonio Puga, e o Subdelegado do Goberno, Eladio Santos.
O Comité lembra aos medios que, dadas as reducidas dimensións do cemiterio, no acto en San Breixo só se permitirá a presenza de gráficos durante uns minutos no descubrimento do memorial.
A INVESTIGACIÓN
A lista que se tomou como referencia foi a elaborada polo principal autor dos estudos da República e da guerra e a represión en Celanova, o profesor Domingo Rodríguez Teijeiro (Universidade de Vigo), que en 1999 publicou o ensaio “Longa noite de pedra no Mosteiro de San Salvador: represión e reclusión en Celanova (1936-1943)“.
Nesa obra, Rodríguez Teijeiro anotou os nomes das vítimas no cárcere entre 1937 e até o peche da prisión en setembro de 1943. A lista estaba baseada no rexistro municipal de defuncións. Entre o 2021 e o 2024, o Comité revisou ademais os arquivos parroquiais, expedientes carcerarios e outra documentación da Prisión central nos arquivos de Ourense e Ferrol até chegar aos 90 nomes.

Nesa revisión apareceu a información que permitiu sinalar o lugar exacto onde foron soterrados os 7 asturianos fusilados en setembro de 1939. Seguindo ese fío, púidose ampliar a información sobre as vítimas no cárcere soterradas en San Breixo. A primeira versión revisada da lista publicámola o 2 de xaneiro de 2024.
Naquela altura xa se establecera contacto coas familias dos xixoneses Abelardo Suárez del Busto, Marcelino Fernández García, Baldomero Vigil-Escalera Vallejo -os tres, do grupo de fusilados no 39-, do cántabro Victoriano Fernández Moreno, do palentino Gerardo Tovar Gris -estes dous asentados en León-, do xienense Francisco Moreno Medina e do estremeño Juan Masa Chamorro.

No último ano, contactaron co Comité as familias de Ángel Santos González e Gaspar Fernández Pérez, asturianos, e as do madrileño Hermenegildo Crespo Velasco. E atopouse á familia de Victoriano López García, toledano, grazas a unha carta ao director de El País en 2004. Finalmente, en novembro pasado chegou o primeiro contacto con familiares de Ramón Yáñez durante un acto en Monforte en memoria do guerrilleiro. E retomouse o contacto coa familia de Manuel Gregorio Nieto Morales, madrileño, que facilitara Fernando Serrulla nos días da intervención na fosa.
Dous familiares de Gerardo Tovar e de Ramón Yáñez participaron na rolda de prensa na Casa do Concello de Celanova o pasado 19 de febreiro na que se anunciaron os actos.
Nas últimas semanas, desde que se fixo pública a celebración da homenaxe e grazas á colaboración do Goberno de Asturias e da xornalista da RTPA, Patricia Martínez, foi posíbel localizar ás familias de Francisco Fernández Llaneza, Mariano Panizo Fernández e Constantino Tuero Amandi. A busca continúa.
1 comentario
O Comité espera que García Ortiz active á Xustiza contra os crimes do franquismo – memoriacelanova · 21 Marzo, 2025 ás 6:04 p.m.
[…] Localizadas 16 familias do Memorial dos 90 que Celanova inaugura o domingo […]