A antropóloga Olalla Álvarez e o editor Francisco Macías presentaron onte no Auditorio Municipal de Celanova o ensaio “Ciudad de la Selva”, unha investigación do colectivo Sputnik Labrego sobre a guerrilla na zona de Casaio publicado en 2024.
“Ciudad de la Selva” é froito dun traballo de antropólogos, arqueólogos e historiadores que comezou no 2017 na procura da pegada do asentamento guerrilleiro, sede da Federación de Guerrillas de León-Galicia no oriente ourensán entre 1941 e 1946, “a última fronte de guerra en España”, segundo definiu onte Macías.
Olalla Álvarez falou do labor do equipo de antropólogas a través de entrevistas con persoas das aldeas da contorna que tiveran contacto coas guerrilleiras e guerrilleiros, e que permitiron explicar a vida cotiá na “Cidade” e ampliar a información sobre este aspecto que ía achegando a investigación arqueolóxica que atopou máis de 2.000 elementos (desde restos de comida e medicinas a obxectos de hixiene persoal e diferentes tipos de vidros, entre eles, unhas gafas).
Tamén subliñou as diferencias entre o rol da muller como enlace ou guerrilleira a respecto dos homes, inscritas nun mundo moi masculinizado e que mesmo aconsellou establecer normas escritas contra as agresións sexuais na organización da guerrilla.
“Vivían casas, non en chozos”, subliñou pola súa parte Francisco Macías, que destacou ademais o uso estratéxico das construcións e da paisaxe como elementos de defensa na “fronte de guerra”, e incidiu tamén nos hábitos alimentarios: ”Comían ben, mellor que a xente nas aldeas, e por cuestións obvias coidaban moito a saúde, non podía haber enfermos. E tiñan animais domésticos, como ovellas ou galiñas, segundo foron determinando os restos de osos atopados nas escavacións”.
Francisco Macías ponderou tamén o valor da arqueoloxía da memoria, “que se inventou na Galiza, nos traballos de Xurxo Ayán en Repil”, e sinalou que este ensaio é “único en Europa”, mais lamentou que desde as institucións académicas e os medios de comunicación non estea sendo tratado coa relevancia que merece.
As II Xornadas Memoria e Muller, que organiza o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova en colaboración co Concello de Celanova e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, continuarán o sábado 22 coa presentación no Auditorio de Celanova da obra de teatro “A Loba”, de Avelaíña Teatro.
As xornadas dan continuidade ao traballo do Comité na documentación e sinalización de espazos de represión contra as mulleres durante a guerra e a ditadura que se materializaron en novembro de 2024 coa publicación dunha primeira lista de presas no cárcere de mulleres de Celanova entre 1936 e 1938 e colocación no edificio que albergou aquela cadea (os actuais Xulgados na Praza das Pitas) dunha placa de homenaxe ás represaliadas.

0 comentarios