Familiares de Baldomero Vigil-Escalera, un dos 7 asturianos da fosa de Celanova, recibirán este luns, no cemiterio municipal de Deva en Xixón, os restos do mozo fusilado aos 19 anos, o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos contra os muros doutro camposanto, o de San Breixo, en Celanova.
O acto está organizado polo Goberno de Asturias, a través da súa Dirección General de Memoria Democrática, que dirixe Begoña Collado, segundo o desexo da familia, e contará coa participación do equipo de Histagra -que coordinou os traballos de exhumación da fosa a finais de 2022-, e de representantes do goberno local de Xixón, do goberno asturiano e do goberno local de Celanova, na figura do alcalde, Antonio Puga.
A identificación foi posíbel grazas ao traballo do antropólogo forense Fernando Serrulla, que dirixe Instituto de Medicina Lega de Galicia (IMELGA), e do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro. En novembro de 2023, Pilar Vigil-Escalera -sobriña de Baldomero- viaxou até a sede do IMELGA en Verín para deixar unha mostra de ADN para contrastar cos restos exhumados. Aquel día mantivo un breve encontro co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que se repetiu o pasado mes de xaneiro xa en Xixón co fin de axilizar a entrega dos restos.

O Comité agradece especialmente á familia que accedese a celebrar un acto público coa intención de que a difusión da homenaxe axude na localización das outras catro familias dos exhumados: ás de Alfonso Moreno Gayol, Belarmino Álvarez García, Guillermo de Diego Álvarez e Mariano Blanco González. Todos veciños de Xixón e capturados polos sublevados trala caída da fronte de Asturias a finais de outubro de 1937 e que viviron as mesmas circunstancias que Baldomero (e Abelardo e Marcelino, cuxos restos xa descansan en Xixón) até atopar a morte en Celanova.
O Comité tamén agradece ao Goberno asturiano a súa colaboración constante desde que en setembro de 2021 se celebrase no Instituto de Celanova (edificio que albergou aquela Prisión Central) o primeiro acto de memoria na procura das vítimas da fosa, e a dilixencia da Dirección General de Memoria Democrática de Asturias para acelerar as xestión para que a familia Vigil-Escalera poida ocuparse dos restos.
0 comentarios