“As prisións de partido de Celanova e Bande presentarán algunhas particularidades como consecuencia da súa transformación en prisión de mulleres. Celanova será a primeira en recibir reclusas enviadas dende a capital provincial, xa dende os primeiros días da sublevación e, así, constatamos que ao longo dos primeiros dez meses de guerra prodúcense nesta cadea un total de 166 altas. No mesmo período de tempo, as altas na prisión de Bande serán 180, aínda que unha parte destas serán homes ingresados no mes de xullo e que de inmediato son trasladados á habilitada no mosteiro de Celanova. No mes de xullo de 1937 había en Celanova un total de 53 reclusas -unha cifra á que temos que sumar as 91 que ese mesmo mes están recluídas en Bande, de modo que o número mínimo de mulleres presas na provincia se situaba nas 142. Este centro será clausurado un ano despois, en abril de 1938, causando baixa todas as mulleres, algunhas trasladadas á prisión de Bande e outras postas en liberdade”, escribe Domingo Rodríguez Teijeiro [1].

A fonte que cita o principal historiador sobre o período da República, o golpe e a represión en Celanova son as “Cuentas de medicamentos, transportes y socorros. 1930-1939” da Prisión Provincial de Ourense, un cartafol duns centos de follas que se conserva no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, pendente de dixitalizar. Dá noticia das presas recluídas nas prisións de partido de varios concellos, así como dos campos do Cumial e de Oseira.

No caso de Celanova e Bande, consérvanse as relacións de presas dos meses de maio, xuño, xullo, agosto, novembro e decembro de 1937, así como as de agosto de 1939. As cifras de reclusas (e nenas e nenos) que pasaron polo cárcere de Celanova foron 47 mulleres (máis tres nenos) en maio; 49 (e tres nenos e unha nena) en xuño; 39 (máis unha nena) en xullo; 45 (máis unha nena) en agosto. Sen documentos sobre os meses de setembro e outubro, no reconto de novembro foran 53 presas (e dúas nenas); e en decembro, foran 38 (e dúas) nenas -unha das reclusas fora posta en liberdade o día 23, así que a final daquel ano había 37 mulleres e dúas cativas. [2]

Daquela última lista do 37, as reclusas máis veteranas eran Estrella Alberte González (ingresada o 25 de xullo do 36), Ramona Iglesias López (19 de novembro do 36) e Celia Barreiros Cantero (16 de decembro do 36).

Nesa mesma altura, o 31 de decembro de 1937, en Bande o número de presas era de 90, con catro nenos e unha nena. Foran liberadas ese mes 12 mulleres e un neno. A presa máis veterana era Eduviges González Ferreras, que xa estivera no cárcere en Celanova. Tamén figuran na relación Enriqueta Iglesias Meana e a súa filla (Dolores), nada a comezos de ano na prisión de Verín. [3]

A prisión de Bande foi asumindo a función que nos primeiros meses após o golpe tiña o cárcere de Celanova, prisión de partido habilitada como cárcere de mulleres polo menos desde o 20 de agosto de 1936. Esa é a data do primeiro documento que atopamos no que se fai unha referencia explícita a unha cárcere feminina.

“Tengo el honor de participarle a usted que en esta esta prisión no cogen más reclusas porque existen 33 y la cabida es para 12; pero en el caso de que haya necesidad de recluir más pueden ser destinadas a la de Bande en la cual cogen más, o habilitar local en el convento de esta villa”, informa o xefe da cadea de Celanova ao Director da Prisión Provincial de Ourense.

PRESAS O 20 DE AGOSTO

Entre estas 33 presas das que se informa no oficio, debían estar Remedios Fidalgo Carnero e un fillo dela, Estrella Alberte González, María Rodríguez (non figura o segundo apelido) e Josefa Rodríguez Varela. Non hai referencias delas nos listados do proxecto Nomes e Voces nin no de Represaliados ourensáns (1936-1945). Polas relacións de reclusas das “Cuentas de medicamentos…” coñecemos que ingresaron en Celanova o 25 de xullo de 1936. Remedios foi posta en liberdade o 18 de xuño de 1937. María e Josefina, o 14 de novembro de 1937. Mentres que Estrella continuaba na cadea en decembro do 37.

Entre as 33 puideron estar tamén algunha destas mulleres: Agustina López Otero, María Quintas López, Consuelo Rodríguez López e Mercedes López Santos, veciñas de Bande. Das catro temos noticia a través da correspondencia da prisión e da Causa 622/36 contra Agustina López Otero e outros [5].

Foran detidas xunto a outros 19 homes en Bande o 3 de agosto. Agustina, viúva, ten 66 anos, e a súa filla, María, é costureira, ten 22; Consuelo, tamén viúva, 50; e Mercedes, casada e natural de Recarei, de 41 anos, e é nai doutro dos detidos, José López Santos, de vinte anos e traballador dunha farmacia. Os vinte e tres son trasladados a Celanova. Nos días seguintes foron quedando algúns en liberdade. Consuelo sae o día 9, cando a Celso Núñez e Delfín Dobaño.

Durante as dilixencias en Celanova, entre o 7 e o 11 de agosto, son interrogados sobre reunións en Entrimo e en Bande (aquí, en casa de Felisindo). O xuíz instrutor determina que non queda probado que trala declaración do Estado de Guerra o 20 de xullo tiveran cometido “actos punibles” e decreta o sobresemento provisional da causa.

Agustina, María e Mercedes recibiron o 29 de agosto a notificación de que continuaban detidas a disposición do Gobernador Militar da provincia. Foi nunha notificación ás tres que asina María porque as outras manifestan que non saben ler nin escribir. A notificación ao resto de detidos consígnase aparte e especificando “en la prisión de esta villa destinada para hombres”. [6]

Notificacións a presas e presos da Causa 622/36, por separado, en Celanova o 29 de agosto.

Con data de 6 de outubro consígnase a recepción dun telegrama do Gobernador Militar no que este solicita a posta en liberdade de Mercedes López Santos, ademais da de Antonio Rodríguez Vázquez, preso na prisión provisional.

AS 99 PRESAS (E 4 NENOS E UNHA NENA)

Os nomes que foron documentados das reclusas que penaron en Celanova desde os días posteriores á declaración do Estado de Guerra en Ourense até o 31 de decembro de 1937 figuran na relación que contén a seguinte ligazón:

Na relación non aparece o nome de María Del Valle Lozano, mais a familia garda memoria do seu paso por Celanova. Según unha fonte da familia, Manuel Gómez Del Valle fora detido o 21 de xullo de 1936 cando viaxaba cara A Gudiña para organizar a resistencia ao golpe. Ao día seguinte, a súa nai dirixíase ao Goberno Civil para reclamar a liberdade do fillo cando foi detida na rúa. Outro fillo, Ricardo, enterado da detención, foille levar roupa e quedou preso alí mesmo. A Manuel condenárono a morte tras un xuízo celebrado o día 31. Mentres, María e Ricardo foron trasladados a Celanova. O traslado de Ricardo foi o 29 co primeiro continxente de reclusos enviados desde Ourense.

Hai constancia dun documento presentado o 4 de agosto por Celso Madriñá e Mercedes Gómez Del Valle, outra das fillas, na prisión provisional de Celanova reclamando a liberdade de catro reclusos, entre eles, Ricardo, e Enrique González Fernández, o primeiro paseado en Celanova, uns días antes.

A Manuel fusilárono no Campo de Aragón en Ourense o 11 de agosto. Após da súa liberación, Ricardo sería obrigado a se alistar no bando sublevado, e foi asasinado en Valencia por un falanxista en marzo do 39. 

A nai, María, debeu permanecer presa en Celanova até o seu traslado ao cárcere de Bande onde ingresa o 26 de febreiro de 1937. Sería paseada no lugar da Lomba de Lamas, en Xinzo, o 29 de outubro dese mesmo ano, xunto a Salud Torres Díaz.

Non hai constancia documental de que conviviran na mesma cadea até o día que as mataron. Salud ingresou en Celanova o 20 de abril de 1937. E aparece nos rexistros até o mes de agosto (non se conservan rexistros nin de setembro nin de outubro).

Salud, militante das xuventudes socialistas, fora xulgada en outono de 1934 por “propaganda incitando a la sedición militar”. Interviñeron un envío de panfletos dirixido a ela e a xustiza implicou tamén a seu irmán Silvio, detido en xullo do 36 e trasladado a Celanova naquel primeiro continxente de presos, e paseado na Poza das Ras (Verea) o 29 de agosto. Ambos irmáns quedaran sinalados e foron a por eles inmediatamente. Desta volta non houbo xuízo.

A dirección postal de Salud, a causa de 1934 e o panfleto interveñido.

REMEDIOS, FLORINDA, GLORIA, ROSA, GUMERSINDA

Na relación de 99 nomes aparecen tamén Remedios Frías Carballo, nai de Alfonso Gayoso Frías, veciño da Valenzá, organizador do PCE en Ourense xunto a Benigno Álvarez, que escapou a zona republicana e acabou no exilio. “Todavía a mediados de 1941, el párroco de A Valenzá recomendaba clausurar la cantina propiedad de Remedios por continuar siendo centro de propaganda de ideas disolventes, de blasfemia pública y de bailoteos procaces e inmorales”, conta a profesora da UNED-Ourense, María Concepción Álvarez Gómez.

Outra historiadora, Rosa Cid Galante, tamén dá noticia de Florinda Ortega Pérez, nai do alcalde republicano de A Gudiña, Felicísimo Pérez Ortega (fuxido a Portugal e exiliado após a guerra), que fora xulgada en Ourense a finais de outubro do 36 acusada de auxilio á rebelión, e permaneceu confinada en Celanova. Após da sentenza, e malia o resultado de absolución, o 11 de febreiro de 1937, determínase o seu ingreso no cárcere. Permaneceu alí até xuño.

A Casa da Viúva, como se coñecía o seu local (tabacos e combustíbel), e hoxe en día centro de actividades de memoria na Gudiña. Conta Rosa Cid que Florinda “empadronouse en Vigo en 1938 e despois exiliouse en Chile en abril de 1940. Faleceu o 21 de xullo de 1946 e está enterrada no cemiterio Xeral de Santiago”. [8]

O nome de Gloria Arias figura nun oficio do 8 de xaneiro de 1937 que asina Jesús Bernárdez, “jefe de la prisión de mujeres”, no que informa da existencia na cadea de catro enfermas, xunto a Gloria están Francisca Conde, Remedios González e Concepción López.

De Gloria Arias, o rexistro A Represión na provincia de Ourense [9], precisa que foi sometida a consello de guerra, que tiña 20 anos e foi xulgada por auxilio á rebelión o 3 de agosto. Obtivo sentenza absolutoria o 10 de febreiro de 1937, ingresando na cadea en Celanova o día 11.

Segundo o mesmo Rexistro, Rosa Blanco Lamela, veciña de Ourense de 47 anos, encausada na 485/1937, foi xulgada en consello de guerra o 14 de xuño de 1937 e condenada a 15 anos de cárcere por auxilio á rebelión. Rosa figura como ingresada en Celanova o 14 de abril dese ano. Sae o 22 de xullo, recibe a sentenza o 23 e reingresa en Celanova o 29 do mesmo mes.

Rosa continúa na última lista de reclusas que se conserva do cárcere de Celanova, de decembro de 1937. Ingresou en Bande o 10 de xaneiro de 1938, e alí continuaba cando se fixo o último reconto que se conserva, de agosto de 1939.

Unha das últimas presas das que hai noticia é Gumersinda Marta Lorenzo. O seu ingreso é notificado o día 19 de outubro nun oficio asinado por Rodolfo Mosquera, xefe da prisión. Días despois, aparece xunto a outras catro reclusas nun aviso de envío das Follas de conducta: Julia Bello González, Florinda Conde Vieitez, Nieves Espinosa (o) Pérez e Cándida Álvarez Pérez.

Gumersinda fora presa e condenada “por roubo de diñeiro” no Carballiño. Entrou na cade cun neno. No período que vai de agosto do 36 a decembro do 37 houbo en Celanova varios cativos (unha nena e catro nenos).


NOTAS

[1] Rodríguez Teijerio. D. Presos e prisións na Galicia de Guerra e de Posguerra. 1936-1945. Ed. Galaxia, 2010. Páxs. 31-32.

[2] AHPOU. Fondo Prisión Provincial. Cuentas de medicamentos, transportes y socorros. 1930-1939, caixa 12.893.

[3] Entrevista com a filha de Benigno Álvares: A semente dos sonhos do comunismo. 25/11/2010. https://www.diarioliberdade.org/galiza/antifascismo-e-anti-racismo/9080-entrevista-com-a-filha-de-benigno-alvares-a-semente-dos-sonhos-do-comunismo.html

[4] AHPOU. Prisión Central de Celanova. Correspondencia do ano 1936. Caixa 13041/06. https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?control=ADGD20211281074

[5] AMIF. Causa 622/36 contra Agustina López Otero y veintidós más. Juzgado Militar Eventual de Orense.

[6] AMIF. Causa 305/36 contra Eligio Rodríguez y 26 más. Juzgado Militar Eventual de Orense. Documento facilitado polo Comité pola Memória Histórica do Val do Límia. Páxs. 90-93.

[7] Álvarez Gómez, M. C. (2017). Las víctimas ocultas del expolio. Las mujeres ante la represión económica del primer franquismo. Revista Historia del Presente, nº30, pp. 35-47.

[8] Cid Galante, R. (2024). Florinda Ortega Pérez. Entrada do 17 de abril de 2024 no blog Historia das nosas mulleres ourensás. https://mulleresourensas.blogspot.com/2024/04/florinda-ortega-perez.html

[9] A Represión na provincia de Ourense. Buscador de represaliados ourensáns (1936-1945) da Deputación Provincial de Ourense e do Grupo de Investigación HC1 da Universidade de Vigo. https://represion.depourense.es/buscador.php

Pomba en ferro de Baldomero Moreiras que fará parte da placa.

📌 BADAL NOVAS
https://www.badalnovas.com/2024/11/20/100-nomes-de-mulleres-que-penaron-no-carcere-de-celanova/
📌 O SIL
https://osil.info/100-nomes-de-mulleres-que-penaron-no-carcere-de-celanova-na-guerra-civil/
📌 21NOTICIAS
https://21noticias.com/2024/11/19/100-nomes-de-mulleres-que-penaron-no-carcere-de-celanova/
📌 TERCERA INFORMACIÓN
https://www.tercerainformacion.es/articulo/memoria-historica/19/11/2024/100-nombres-de-mujeres-que-han-sufrido-en-la-prision-de-celanova-orense/

📌 HISTORIA DE GALICIA
https://historiadegalicia.gal/2024/11/lembrando-as-mulleres-que-pasaron-polo-carcere-franquista-de-celanova-hoxe-xulgados-do-concello/

📌 FARO DE VIGO
https://www.farodevigo.es/ourense/2024/11/09/o-actual-xulgado-celanova-foi-111534887.html

📌 NÓSDIARIO
https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/celanova-descobre-que-foi-carcere-mulleres-1936-1943/20241109121908210430.html

📌 LA VOZ DE GALICIA
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/celanova/2024/11/09/celanova-honra-memoria-mujeres-represaliadas-placa-conmemorativa-antigua-carcel/00031731152475373122631.htm

📌 CRMH A CORUÑA
https://memoriadacoruna.gal/celanova-descobre-o-que-foi-carcere-de-mulleres-entre-1936-e-1938/

📌 O SIL
https://osil.info/celanova-amosa-o-que-foi-carcere-de-mulleres-entre-1936-e-1938/

📌 TERCERA INFORMACIÓN
https://www.tercerainformacion.es/articulo/memoria-historica/09/11/2024/celanova-descubre-identifica-la-antigua-carcel-de-mujeres-entre-1936-y-1943-como-lugar-de-memoria/

📌 NUEVA REVOLUCIÓN
https://nuevarevolucion.es/celanova-descobre-o-que-foi-carcere-de-mulleres-entre-1936-e-1943/

📌 OURENSE NA REDE
https://ourensenarede.com/identificaran-carcere-mulleres-celanova/


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario