Robustiano Zuazua Menéndez. Fillo de Claudia e Victorino. Nado en 1908. Veciño de Trubia (Oviedo). Traballador da Fábrica de Armas de Trubia.
Ingresou no Cárcere de Burgos o 9 de marzo de 1939 procedente de Campo de concentración de Camposancos (A Guarda, Pontevedra), onde fora xulgado polo Consejo de Guerra Permanente nº 1 de Asturias o 4 de xuño de 1938 e condenado a pena de morte, conmutada o 3 de xaneiro de 1939.
Na mesma data, celebráronse outros dous consellos de guerra, segundo a recompilación de causas que elaborou Marcelino Laruelo. Canda a Robustiano, na causa 5.664, foron sentenciados Leoncio González Rodríguez, Rafael Iglesias Díaz, Félix Martín Estébanez, Marcelino Blanco Cueto, José Ureta Blanco, César López del Río, Tomás Argüelles García e Belarmino Vargas Álvarez. Estes oito homes e trece máis foron fusilados en Camposancos o 2 de xullo de 1938.
Robustiano faleceu ás 8,30 horas do día 9 de outubro de 1941 na Prisión Central de Celanova como consecuencia dun paro cardíaco. Estaba enfermo de tuberculose.
Robustiano fora detido o 21 de outubro de 1937, cando a caída de Xixón, conducido a Camposancos, onde permaneceu dezaseis meses e viu asasinar a moitos, antes de pasar por Burgos e ser enviado a Celanova, onde ingresou o 5 de outubro de 1940 xunto a un veciño e soldador na Fábrica de Armas de Trubia, Manuel Sanmartín González.

En Burgos, Robustiano pasara un mes en cela de castigo por un comentario despectivo sobre un dos gardas. O xefe de servizos explica o incidente nun oficio ao director: “Debo poner en su conocimiento, que según parte que me cursa el Guardián D. Ángel Ortega, al atravesar el que suscribe el patio general y reprender a un recluso, el también recluso Robustiano Zuazua Menéndez preguntó a otro que era lo que yo le había dicho, contestando después de escucharle, estas palabras: ‘no le hagáis caso que es un chalado perdio’. Por tal motivo y provisionalmente hasta que Vd. Con su mejor criterio resuelvam lo he recluído en celda de castigo. Dios salve a España. Burgos, 8 de Abril de 1939. Año de la Victoria”.
Daquel xuízo militar en Camposcancos, outros dous presos, Jesús Liébana Fernández e Narciso Martínez González, condenados a morte, libráronse dos fusilamentos de xullo porque lles foi conmutada a pena a finais de xuño.
Jesús Liébana Fernández. Fillo de Emiliana e Demetrio. Nado o 22 de decembro de 1900. Veciño de Guardo (Palencia). Mineiro. Ingresou na Prisión Central de Celanova o 25 de xaneiro de 1939 (rexistrado o 2 de febreiro). En maio do 42 foi trasladado á Prisión de Ponferrada para traballar no Destacamento Penal de Fabero para a empresa Moro S.A. Liébana obtivo a liberdade condicional en Casaio o 7 de outubro de 1943, segundo rexistro do B.O.E.
Narciso Martínez González. Fillo de Anastasia e Ramón. Nado o 13 de febreiro de 1931, en León. De profesión, albanel. Veciño do barrio de Puente Castro, en León, e con un fillo que hoxe tería 89 anos. Ingresou na Prisión Central de Celanova o 25 de xaneiro de 1939 (rexistrado o 2 de febreiro). Foi trasladado á Prisión de Oviedo o 21 de outubro de 1941 “para trabajar en la reconstrucción de la ciudad”.
Tamén se enfrontou a aquel xuízo Isidro Blanco Valles, membro da UGT en Pola de Laviana (Asturias). Condenado no 34 pola súa participación da revolución de outubro. Miliciano no Batallón Juanelo nº 223, prisioneiro no 37 trala caída de Xixón, capturado no Gaviota, aquel infortunado barco no que trataron de fuxir moitos dos que pasaron por Camposancos e por Celanova. No consello de guerra caéronlle 20 anos de cadea.
Isidro Blanco Valles. Fillo de María e José. Nado en 1900. Natural de Tiraña, veciño de Barredos, Pola de Laviana. Mineiro. Foi trasladado á Prisión Central de Figueiredo (Pontevedra) o 30 de xuño de 1938. Recibe informes desfavorábeis para a súa liberdade. Ingresa na Prisión Central de Celanova o 2 de xullo de 1941, onde volve coincidir con Robustiano, Narciso e Jesús. Reclámano para traslado a Oviedo, mais o director da prisión de Celanova emite un informe no que o declara “inútil para o traballo” xa que sofre amputacións en varios dedos. Despois de serlle concedida a liberdade provisional en xullo do 43, vólveno reclamar para a traslado a Tuiriz (Lugo). O director repite a xestión con éxito. Finalmente, en agosto establecese en Fontao (Silleda, Pontevedra), no que foi destacamento mineiro.
Manuel Sanmartín González -o veciño de Robustiano que pasou con él por Burgos e Celanova-, fillo de Gumersinda e Joaquín, nado o 23 de decembro de 1896 en Trubia, era soldador na Fábrica de Armas. Ingresou na Prisión de Burgos o 6 de setembro de 1938 procedente de Oviedo. Desde Celanova foi conducido o 9 de febreiro de 1943 ás minas de Casaio, na comarca ourensá de Valdeorras, a cargo da Compañía Montes de Galicia.
Fora condenado a pena de morte nun consello de guerra celebrado en Oviedo en abril de 1938, conmutada primeiro pola de 30 anos de reclusión e despois, en outubro do 43, pola de 14 anos. En liberdade provisional desde setembro do 43, regresou a Trubia, desde onde o primeiro de novembro cumpre a obriga de informar ao Oficial xefe do Destacamento das Minas de Casaio, e escribe: “Encontrándome trabajando y disfrutando del jornal de 13 pesetas”.
NOTAS
Sobre a Fábrica de Armas de Trubia
https://lavozdeltrubia.es/2021/07/21/el-tragico-dilema-de-franco-mussio/
García García, Carmen. (2007). ¿Desenmascarando traidores o persiguiendo a leales?
https://www.academia.edu/118693405/Art%C3%ADculo_sobre_Franco_Mussi%C3%B3_en_la_RUHM

1 comentario
Relación de 90 vítimas soterradas entre 1936 e 1943 no cemiterio de San Breixo – memoriacelanova · 24 Xaneiro, 2025 ás 11:29 a.m.
[…] Fernández61. Ramón Fuentes Gámez62. Telesforo García Garrido63. Aniceto Tascón Tascón64. Robustiano Zuazua Menéndez65. Gabriel López Gómez66. Constantino Tuero Amandi67. Rafael Morales Gordo68. Francisco Soto […]