Coñecemos por Marcelino Laruelo [1] que Aniceto Tascón Tascón (Aviados, León, 18 de abril de 1914-Celanova, 29 de setembro de 1941) deu un paso definitivo na súa vida na fronte de Somiedo, cando o 21 de novembro de 1936 pasouse xunto con outro compañeiro ás forzas leais á República.
Aniceto, veciño de Trobajo de Cerecedo (León), casado, fora mobilizado polo bando sublevado nos primeiros meses da guerra integrado no Regimiento Burgos número 31 e destinado á fronte asturiana. Tiña 22 anos.
Menos de dun ano despois daquel paso en Somiedo, estaba na enfermaría do campo de concentración de Camposancos, na Guarda, a causa dun “eczema crónico” na perna dereita, na que recibira un tiro durante os combates. [2]
Aínda non fora sometido a consello de guerra -iso sucedería pouco despois, en xuño, porque todo ía moi rápido naquel inferno-, máis xa experimentara as consecuencias da derrota. Aniceto escapara de Xixón o último día, o 21 de outubro do 37. Embarcara no ‘Gaviota’, unha nave que tampouco conseguiu fuxir da derrota. A Camposancos chegara, do mar, o día 28, segundo o rexistro dos represores.
Canda a el, no ‘Gaviota’, primeiro, e na Armada sublevada, viaxaban tamén José Olivar Roza e José Ramón Díaz Prieto. E outros nomes cos que compartiu travesía; primeiro a Camposancos, máis adiante, a Celanova. Olivar Roza e Díaz Prieto xa nunca sairían de Camposancos.
O 22 de xuño de 1938, oito meses desde a fuxida de Xixón, un tribunal militar instalado no campo de concentración pontevedrés condenou a pena de morte a José Olivar Roza, José Ramón Díaz Prieto, Francisco Poo Fernández, Francisco Álvarez Moscoso, Aurelio Cimadevilla Piquero, Camilo Llaneza Álvarez e Antonio Tascón Tascón.
Os cinco primeiros foron fusilados en Camposancos o 27 de xullo. O día 20 exeutaran a 18; o día 2, a 48.
Camilo, que fora capitán das milicias, e Aniceto libraron. Aniceto recibiu a conmutación de condena pola de reclusión perpetua o 1 de xullo.
Naquela causa (nº 5.593) foran condenados a perpetua Manuel Pérez Arias e Marcelino Díez López; mentres Francisco Monteserín Blanco, Maximino Alonso González, Manuel Estrada Menéndez, Benigno Seoane Justo e Manuel Martínez Artamendi recibiron outras condenas, e José Viña Fernández resultou absolto.
Marcelino, Benigno e Artamendi foran trasladados inmediatamente ao campo de Figueiredo (Pontevedra). Os tres acabarían en Celanova en xullo do 41 [3]. Alí volverían coincidir durante unhas semanas con Aniceto Tascón.
A folla 152
Aniceto Tascón ingresou na Prisión Central de Celanova o 25 de xaneiro de 1939. Chegou nun continxente procedente de Camposancos xunto aos 13 fusilados no Campo de Aragón en Ourense en marzo, e os 7 fusilados asturianos de setembro, recuperados da fosa do cemiterio de San Breixo. [4]
Aquel día ingresaron en Celanova 232 presos segundo os rexistros do cárcere que se conservan no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. A maioría eran asturianos, trasladados desde Camposancos, e casteláns e estremeños, de Salamanca.
Nas follas 152 a 155 están os datos dos últimos daquel día. Aniceto Tascón Tascón é o primeiro nome da folla 152 co número 1.577. Na mesma folla figuran os nomes de dez dos 13 do Campo de Aragón, unha relación que se completa na folla 154. Foron rexistrados xuntos. O seu destino estaría xa decidido. Eran: Máximo Camblor Remis, Ovidio Castaño Zapico, José María Díaz Dorado, Pascual Ferreño del Caño, Manuel García Capín, José Heres Martínez, Julio Menéndez Vázquez, Manuel Muñiz Espina, Ovidio Ponte García, Tomás Rodrigo García, Florencio Rodríguez Gómez, Miguel Álvarez Cobián e Manuel Álvarez Ruíz.
Na 152 tamén aparecen os nomes de dous dos 7 que serían asasinados en San Breixo –Baldomero Vigil Escalera Vallejo (cuxos restos están pendentes de entregar á familia)- e Guillermo De Diego Álvarez (nº 1.587), que figura xusto antes dos trece, e ben podía facer parte daquel grupo. Mais a súa execución tería lugar máis tarde. Como Aniceto, Baldomero tamén fora capturado no ‘Gaviota’, o mesmo que Abelardo -os seus restos xa descansan en Xixón-, Alfonso Moreno Gayol e Belarmino Álvarez García -de quen seguimos a buscar descendentes, pois os seus restos aínda están no IMELGA-.
Co número 1.586 aparece José Manuel López Núñez [5], quen, gravemente enfermo, morrería no Hospital de Ourense en febreiro do 43. E co número 1.583, o xornalista Juan Antonio Cabezas Canteli, tamén condenado a morte (espazo en branco na columna delito), que zafou por unha conmutación a principios de marzo, e foi trasladado ao penal de Vitoria e acabaría dirixindo o semanario Redención desde a cadea en Madrid. Canda el levaría pouco despois a Juan Antonio Vega Pico (nº 1.581 na relación), trasladado á prisión de San Antón en Madrid, en maio.
A morte
Non se conservan os libros de enfermaría da Prisión Central anteriores a xaneiro de 1942, e tampouco o expediente carcerario de Aniceto Tascón dá conta das atencións médicas que puido ter recibido na cadea en Celanova. En Camposancos, permaneceu na enfermaría entre o 20 de novembro e o 4 de decembro do 37. De Celanova só queda anotación da causa da morte: “bronquiectasia” e “aceso cerebral”. Faleceu na enfermaría, segundo consigna o médico, ás 6 da mañá do 29 de setembro de 1941. O director informa ese día de que os seus restos serán inhumados no cemiterio.
Aínda non pasaran dous anos daquela decisión na fronte de Somiedo. Seguramente Aniceto xa tiña elixido de que parte estaba moito antes. Combateu, sofreu a represión e morreu en defensa das súas ideas, que son as nosas.
O nome de Aniceto Tascón Tascón figura, xunto aos doutras 87 vítimas da barbarie fascista, no memorial que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, con financiamento do Plan Estatal de Fosas, instalará proximamente no cemiterio de San Breixo no lugar da fosa dos sete asturianos. Descoñécese o lugar exacto onde foron soterrados os restos de Aniceto e as demais vítimas.
IMAXES
NOTAS
[1] Laruelo Roa, Marcelino (1999) La libertad es un bien muy preciado : consejos de guerra celebrados en Gijón y Camposancos por el ejército nacionalista al ocupar Asturias en 1937: testimonios y condenas.
[2] Expediente persoal do recluso Aniceto Tascón Tascón. AHPOU. Caixa 25156/043. Dixitalizado: consulta.
[3] Expedientes persoais dos reclusos Marcelino Díez López, Benigno Seoane Justo e Manuel Martínez Artamendi. AHPOU. Dixitalizados. Accesíbeis a través de Galiciana Arquivo Dixital de Galicia.
[4] Libro rexistro de penados. AHPOU. Caixa 24958/04
[5] Expediente persoal do recluso José Manuel López Núñez. AHPOU. Caixa 25063/022. Dixitalizado: consulta.
0 comentarios