Así foi o camiño para chegar a dar cos restos e con algunhas das familias dos 7 asturianos da foxa de Celanova. E unhas cantas cousas nas que continuamos a traballar:
A FOXA
O 30 de novembro de 2023 o equipo de arqueólogas e arqueólogos que interviña no cemiterio de San Breixo, en Celanova, na procura dos restos de Marcelino Fernández García, Abelardo Félix Suárez del Busto, Baldomero Vigil-Escalera Vallejo, Guillermo de Diego Álvarez, Mariano Blanco González, Belarmino Álvarez García e Alfonso Moreno Gayol, atopou as primeiras evidencias duna foxa común.
MEMORIA ORAL
Os fusilamentos do 22 de setembro de 1939 permaneceron durante moitos anos na memoria colectiva. Houbo quen presenciou as execucións, algúns escoitaron a descarga do pelotón de soldados da Bandera de Falange de Marruecos e varios viron os corpos no camiño xunto ao muro leste do camposanto. Houbo quen contaba coma un daqueles mozos ofreceulle os zapatos. Mais o rapaz, axudante do enterrador, rexeitounos.
Hoxe sabemos que polo menos unha das familias dos asasinados visitou Celanova varias veces e preguntou por eles. Sen resposta.
Olivia, a muller de Marcelino, e a filla, Josefa, teimaron até os anos oitenta.
Xa neste século, cando a exhumación dos restos de Ricardo Feijóo Varela, o Maus, a familia do carpinteiro socialista e fundador da Casa do Pobo de Celanova transmitiu a historia e a localización precisa da foxa. Aínda quedaba xente que sabía do sitio, mais a maioría da veciñanza de Celanova ignorábao, e algúns dos que sabían coidáronse durante anos de agochalo.
LARUELO E FERROL
A mañá do 22 de setembro de 2020 un historiador xixonés, Marcelino Laruelo, que ten investigado profusamente as historias carcerarias de centos de asturianos represariados durante a guerra e a ditadura, volveu visitar o cemiterio de San Breixo. Laruelo mantívose ao marxe de todo o que aconteceu despois, mais sempre estivo atento ao proceso. El foi quen indicou ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova o camiño a seguir. Empezando por Ferrol. E aínda está a colaborar co Comité na procura da verdade do que aconteceu cos miles de reclusos na Prisión Central de Celanova.
Por causa das restrición pola pandemia, o Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol tardou meses en contestar á petición do Comité en novembro para consultar a documentación dos xuízos en Camposancos aos sete asturianos que foran executados en Celanova.
Deron cita para o 14 de abril de 2021. E ese día en todos os expedientes apareceu a mesma anotación: o lugar exacto, coa referencia ao “Panteón de don Isauro”, onde foran soterrados os corpos dos sete.
ABRIR ESPAZOS Á MEMORIA
O sábado 29 de maio daquel ano o Comité celebrou o seu primeiro acto público en Celanova, unha charla no Refectorio do Mosteiro, que fora cadea nas primeiras semanas tralo golpe do 36 e que se volvía a abrir para a Memoria.
Reunimos unhas trinta persoas, despois fomos até o cemiterio e depositouse un ramiño de flores no xardín onde estaba a foxa. Fixemos unha foto. Ao día seguinte, medios locais, galegos e asturianos deron a noticia.
O día 22 de cada mes, durante o ano e medio seguinte, levamos un ramiño ao lugar. Foi o noso xeito de protexer aquel espazo.
O GOBERNO DE ASTURIAS
Grazas a Laruelo e a xornalistas asturianos conseguimos poñernos en contacto co Goberno de Asturias. A través de Begoña Serrano, directora general de Emigración y Memoria Democrática, o Goberno comprometeuse a colaborar para conseguir una intervención no lugar. Begoña Serrano, daquela xa enferma (faleceu en xuño de 2023), no puido vir a Celanova, mais enviou a un compañeiro da Consejería de Presidencia, Manuel Calvo, que foi o encargado de ratificar o compromiso nun acto celebrado no Instituto Celso Emilio Ferreiro o sábado 25 de setembro de 2021.
Aquela mañá abrimos outro espazo: o patio do Instituto, que fora o do cárcere. Fixemos unha foto. E o acto, no que participou tamén o alcalde e parte da corporación municipal de Celanova, así como membros dos colectivos de memoria de Camposancos, o Val do Limia e Amigos da República de Ourense tivo a suficiente repercusión como para que nos localizara unha familia, a de Abelardo Suárez Del Busto.
AS FAMILIAS
Graciela, unha das netas de Abelardo Suárez Del Busto, que nunca deixara de buscalo, visitou Celanova e o cemiterio en outubro de 2021. Aquel mesmo mes, a través do Goberno de Asturias, entrou en contacto connosco María José, neta de Marcelino Fernández e filla de Josefa Fernández. Josefa, que nunca deixou de buscar ao seu pai, puido recoller finalmente os restos nun acto institucional celebrado na Casa do Concello de Celanova en xuño de 2023, no que estiveron representantes do Estado, do Goberno de Asturias e autoridades locais.
Graciela e Josefa, coas súas familias, volveran a Celanova un ano antes, en xuño do 2022, para visitar a foxa e participar nun acto nunha das celas de concentración de reclusos do que foi a Prisión -hoxe, salón de actos do Instituto- no que tamén estiveron membros da Asociación para a recuperación da memoria histórica do Campo de concentración de Camposancos e a Fosa común de Sestás, encabezados por José Antonio Uris, que presentaron o estudo “A porta do inferno”, e o arqueólogo Fran Alonso e o antropólogo forense Fernando Serrulla, director do Imelga, quen explicaron como se levaría a cabo a intervención da foxa de Celanova, cuxo proceso arrancara a principios de ano baixo a coordinación do Grupo Histagra da USC.
Graciela, Josefa e as súas familias, e as familias de todos os homes e mulleres que sufriron a represión na comarca de Celanova desde 1936 e durante a ditadura, os seus dereitos á verdade, á xustiza, á reparación e ás garantías de non repetición, establecidos polas Nacións Unidas, son a razón e guía da actividade deste Comité. E protexémolas no que puidemos durante todo este proceso, delicado para elas.
En novembro de 2023, Pilar Vigil-Escalera, sobriña de Baldomero Vigil-Escalera Vallejo, visitou o Instituto de Medicina Legal de Galicia, en Verín, para poñer a disposición da investigación unha mostra de ADN que o pasado mes de abril permitiu confirmar a identidade doutro dos corpos atopados na foxa.
A devolución dos restos á familia Vigil-Escalera Vallejo está pendente.
OS INVESTIGADORES
Desde finais de 2021 todo o proceso foi liderado polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, con Lorenzo F. Prieto, Gustavo Hervella e Concepción López á cabeza, e polo doutor Fernando Serrulla, peza clave no labor coas familias e durante a intervención da foxa dirixindo o traballo dos arqueólogos de Tempos Arqueólogos.
O equipo de Histagra mantivo conversas en xaneiro de 2022 coa Viceconsejería de Justicia do Goberno de Asturias para coordinar as accións iniciais. A principios de febreiro, Fernando Serrulla viaxou a Xixón e realizou as probas de ADN a Josefa e a Graciela.
A escavación comezou a finais de novembro e rematou despois da ponte da Constitución, en decembro, coordinada o grupo de arqueólogos por Julián Bustelo e Mario César Vila.
O libro “Investigación histórica, exhumación y análises de los restos de la fosa de Celanova. La fosa de los asturianos”, editado polo Ministerio de la Presidencia en 2023, dá conta de todo o proceso. Os detalles técnicos quedaron expostos no no Informe Histórico, o Informe da Intervención Arqueolóxica e o Informe Antropolóxico Forense, así como na Análise Xenética do Laboratorio de Xenética Forense da USC.
O 25 de abril de 2023, O libro “Investigación histórica, exhumación y análises de los restos de la fosa de Celanova. La fosa de los asturianos”, editado polo Ministerio de la Presidencia en 2023, dá conta de todo o proceso. Os detalles técnicos quedaron expostos no no Informe Histórico, o Informe da Intervención Arqueolóxica e o Informe Antropolóxico Forense, así como na Análise Xenética do Laboratorio de Xenética Forense da USC.
O 25 de abril de 2023, nunha rolda de prensa no Liceo de Ourense na que participaron Concepción López, Fernando Serrulla, Mario César Vila e Ana Mosquera, investigadora do Laboratorio de Xenética do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC, fixeron pública a identificación dos restos de Abelardo e Marcelino.
Apenas dous meses despois, os restos foron entregados ás familias na Casa do Concello de Celanova nun acto organizado por Histagra e a Subdelegación do Goberno.
O PRESENTE
As historias de Marcelino Fernández García, Abelardo Félix Suárez del Busto, Baldomero Vigil-Escalera Vallejo, Guillermo de Diego Álvarez, Mariano Blanco González, Belarmino Álvarez García e Alfonso Moreno Gayol teñen sido amplamente divulgadas en publicacións do Comité e en artigos de prensa e reportaxes de radio e televisión e difundidas en redes sociais en Galiza e Asturias.
Xornalistas como Patricia Martínez (RTPA), Alejandro Tesouro (Faro de Vigo), Domingo Bobillo (TVE), Silvia R. Pontevedra (El País) e Paco Sarria (Onda Cero) colaboraron co dispositivo impulsado desde a sociedade civil da comarca de Celanova que deu como resultado a intervención da foxa e o recoñecemento institucional das vítimas.
Queda por conseguir o recoñecemento e cumprimento dos dereitos que asisten ás vítimas, a todas as vítimas do xenocidio franquista, crimes de lesa humanidade que non prescriben nin prescribirán mentres non sexan xulgados.
Mais modestamente, desde o Comité, no inmediato, traballaremos pola entrega dos restos á familia Vigil-Escalera Vallejo; pola declaración do cemiterio de San Breixo como Lugar de Memoria e a colocación dun memorial cos nomes, case un cento, de vítimas da represión das que hai constancia documental que foron soterradas alí; e na busca de familiares e na divulgación da memoria, sinaladamente nos centros de ensino da comarca cos que afortunadamente a foxa abriu un camiño de colaboración.
LIGAZÓNS DE INTERESE
Fosas: Plan Cuadrienal (2021-2024). Fosa do cemiterio de San Breixo. Proxecto Nomes e Voces. USC
Un silencio enterrado, un podcats de Patricia Martínez, David Fernández y Javier Palomo.
Entrevistas de LaSoga: Patricia Martínez, coautora de Un silencio enterrado.
RTVE (25.112022). Se inician los trabajos para abrir una fosa en Celanova
RTVE (07.12.2022). Hallan restos en la fosa de Celanova, en Ourense
0 comentarios