PLÁCIDO ÁLVAREZ PACHECO morreu na Prisión Central de Celanova o 9 de setembro de 1939 “a consecuencia de una neumonía crónica”, segundo anotan no seu expediente o director da prisión, Vicente Fortubel, e o administrador, Manuel Azpilcueta, quen ao día seguinte deixan tamén constancia do soterramento no cemiterio da vila, ás once horas da mañá.
PLÁCIDO ÁLVAREZ PACHECO, era salmantino de Ciudad Rodrigo, tiña 4 fillos (xa mozos, o maior de 25 anos e o menor, de 14). Ingresou na cadea de Celanova o 26 de febreiro de 1939, procedente da Central de Burgos, nun continxente de 88 presos [abaixo, as imaxes da lista completa dos ingresos daquel día]. Fora acusado de roubo e condenado a prisión menor (6 anos, 10 meses e 1 día) pola Audiencia Provincial de Salamanca en xaneiro de 1934. De profesión, xornaleiro.

PLÁCIDO ÁLVAREZ PACHECO non figura nos rexistros de vítimas da Asociación Salamanca por la Memoria y la Justicia. Era un preso común detido o 30 de decembro de 1933, xulgado o 10 de xaneiro e que cumpriría condena en outubro de 1940. O 6 de febreiro do 34 foi trasladado de Salamanca a Burgos, e en xuño dese mesmo ano, de Burgos a El Dueso, para regresar a Burgos a finais de agosto. Alí, desempeñaría o cargo de “pastor” do cárcere até xuño de 1938.
O 8 de novembro dese mesmo ano, a dirección do penal solicita informes a un xulgado de Salamanca sobre José Jaramillo, o “patrocinador” que indicara Plácido para solicitar a liberdade condicional. O xulgado contesta o día 17 que a persoa proposta xa falecera. O 1 de febreiro do 39, remítese outra petición ao xulgado de Ciudad Rodrigo, agora o “patrocinador” é Antonia Román. O día 4, ordénase o traslado de Plácido a Celanova. A resposta sobre Antonia Román Gabriel chega a Burgos o 11 de marzo. Indícase que é persoa “de buenos antecendentes y costumbres y condiciones de solvencia moral y material”.
Antonia era a muller de Plácido, de profesión, “sus labores”, veciña da rúa Peramato -que hoxe mantén o nome-, presentárase diante do xuíz o día 8 de febreiro do 39. Declarárase disposta a garantir traballo e protección “a su marido, el penado, en el caso de que le sea concedida la libertad condicional”.
O 15 de febreiro o xuíz de Ciudad Rodrigo remite un informe para Burgos. É da Jefatura del Servicio Nacional de Seguridad, e nel indícase que Antonia “observa una conducta moral pública y privada que deja bastante que desear, así como también que dicha individua carece de solvencia material”. A Guardia Civil, o día 17, informa en termos parecidos, mais introduce o matiz da política. “Dicha individua es de mala conducta y antecedentes, tanto público, moral y político social, pues es rumor público que su vida privada deja bastante que desear. Durante el mandato del funesto Frente Popular era una de las más alborotadoras e incitadoras en las manifestaciones y actos celebrados por los elementos de izquierdas e insultaba a las personas de orden”.
O Ayuntamiento de Ciudad Rodrigo informou o día 8 de marzo da “conducta moral dudosa” de Antonia.
Unhas semanas despois do seu ingreso en Celanova, o 1 de abril, a Junta de Disciplina presididad por Vicente Fortubel determina que “no ha lugar a formular propuesta de libertad condicional del penado (…) hasta tanto hayan transcurrido los seis meses de permanencia en este establecimiento”. O 27 de maio Fortubel inicia as xestións solicitando informes sobre o recluso á Audiencia Provincial de Salamanca.
O 28 de agosto, cumprido o prazo dos seis meses, o director anota no expediente de Plácido que o procedemento de liberdade provisional fora iniciado. Ese mesmo día apura á Audiencia a enviar “el testimonio de sentencia” que non recibira o condenado e que resulta imprescindíbel para facer a proposta de liberdade condicional.
Nunha carta o día 30, solicita informes sobre un novo “patrocinador”, César Tordera, veciño de Salamanca, “dispuesto a garantizar trabajo y protección al penado”. A sentenza da Audiencia salmantina, de xaneiro do 34, chega a Celanova o domingo 3 de setembro.
Plácido faleceu o sábado día 9, vítima dunha pneumonía crónica, do desleixo dos burócratas e do ánimo de vinganza dos represores franquistas.


A sentenza considera probado que o 22 de decembro de 1933, Plácido e outros dous homes, coa cooperación dun cuarto, asaltaron a un vendedor portugués nun camiño da serra do Monsagro, arrebatándolle diversos xéneros por un valor de 508 pesetas. O fiscal solicitou 12 anos de cadea para cada un dos catro implicados e o pagamento solidario de 129 pesetas (o valor do xénero que non foi recuperado tralas detencións) ao viaxante portugués. Finalmente a condena foi por 6 anos, dez meses e un día, máis a indemnización de 129 pesetas. Plácido non tiña antecedentes.
O xefe de servizo da enfermaría da prisión rexistrou o falecemento de Plácido ás 20 horas e 30 minutos. O médico forense do partido xudicial e da prisión certificou a morte a unha da mañá.
O expediente penal do recluso PLÁCIDO ÁLVAREZ PACHECO, fillo de Telesforo e Genara, conclúe coas comunicacións enviadas polo director do cárcere de Celanova a Audiencia Provincial de Salamanca e ao xuíz municipal de Ciudad Rodrigo dando conta do falecemento. O 18 de outubro do 39, o xuíz responde que fixo a “oportuna nota marginal” na acta de nacemento.
O nome de PLÁCIDO ÁLVAREZ PACHECO figura no memorial deseñado por Baldomero Moreiras que honrará no cemiterio de San Breixo de Celanova ás vítimas da represión fascista alí soterradas entre 1936 e 1943. Segundo a documentación revisada até o momento, Plácido é o falecido número 22 na Prisión desde 1938. Os sete seguintes son os 7 asturianos fusilados no cemiterio o 22 de setembro de 1939, doce días após do soterramento de Plácido.
LISTA DOS PRESOS INGRESADOS EN CELANOVA O 26 DE FEBREIRO DE 1939




3 comentarios
Robustiano Zuazua, obreiro de Trubia, morto en Celanova en outubro de 1941 – memoriacelanova · 9 Outubro, 2024 ás 10:11 a.m.
[…] 9 de setembro de 1939, a 22ª vítima na Prisión Central A primeira vítima no 36 en Celanova: o mozo Enrique González Fernández Aniceto Tascón, morto na Prisión Central o 29 de setembro do 41 Categorías: Prisión centralVítimas Etiquetas: memorial cemiterioPrisión Central CelanovaRobustiano Zuazua Menéndez […]
Aniceto Tascón, morto na Prisión Central o 29 de setembro do 41 – memoriacelanova · 13 Novembro, 2024 ás 12:03 a.m.
[…] 9 de setembro de 1939, a 22ª vítima na Prisión Central Agosto de 1936, a instauración do terror en Celanova (I) Acto de homenaxe ao guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira en Celanova o domingo 14 […]
Relación de 90 vítimas soterradas entre 1936 e 1943 no cemiterio de San Breixo – memoriacelanova · 24 Xaneiro, 2025 ás 11:15 a.m.
[…] Nesa revisión, apareceu a información que permitiu sinalar o lugar exacto onde foron soterrados os 7 asturianos fusilados en setembro de 1939 (que estaba na memoria oral, mais non documentado). E, seguindo ese fío, ampliar a información sobre as vítimas no cárcere soterradas en San Breixo. Ademais de engadir 4 novos nomes de vítimas no cárcere á lista de Teijeiro e excluír un, dos dous considerados presos comúns -que comezaron o seu periplo carcerario con anterioridade ao golpe de Estado de xullo do 36- ao non ter atopado aínda no seu caso unha vinculación coa represión política (si no outro caso: ver aquí). […]