O sábado 29 de agosto de 1936, no lugar da Poza das Ras, preto de Sabucedo (Ourille, Verea) apareceron os corpos dos mestres Amadeo López Bello (con escola en Carballeda de Avia) e Julio González Álvarez (con escola en Gontán), do chofer Silvio Torres Díaz e do farmacéutico Eloy Romero Luis, que tiña sido presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense até uns meses antes.

Os catro foron sacados da Prisión Provisional de Celanova, habilitada no Mosteiro, mediante ordes de excarceración asinadas polo Comandante Militar da praza, Adolfo Pousa. Mais non foron postos en liberdade, senón conducidos até Verea e executados con arma de fogo.

Daquel acto de barbarie gardan memoria non só os documentos dos carcereiros e asasinos, tamén deron testemuña outros presos en Celanova como Elixio Rodríguez ou Camilo Soto.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova organizou da man co Concello de Verea unha homenaxe no verán de 2023 á que se pretende dar continuidade o ano que vén coa colocación dunha escultura do artista Xoán Torres Cidre, descendente dun dos asasinados. A Alcaldía xa se comprometeu a costear parte da elaboración e montaxe da estrutura e, ademais, solicitou formalmente ao Estado a declaración da Poza das Ras como lugar de memoria, ao abeiro da lei de memoria democrática de 2022.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova continúa así o labor do colectivo Arraianos, que no 2009 xa tributara unha primeira homenaxe aos asasinados, e ampliando a información a respecto das vítimas e doutros casos de represión acontecidos no termo municipal de Verea naqueles anos da guerra e da ditadura.

Alén da resignificación institucional e por parte das familias das vítimas da Poza das Ras, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova avanza na documentación da represión de veciños de Verea presos no cárcere de Celanova, así como doutras dúas vítimas: Serafín Vázquez Vázquez e outro home (nos rexistros figura como “descoñecido”) sacados do cárcere do Mosteiro cunha orde de liberdade asinada polo Gobernador militar, Manuel Quiroga Macía con data do 9 de outubro, e cuxos cadáveres apareceron o 11 de outubro de 1936 en Gontán. O segundo nome naquela orde era o de Luis Gayoso Álvarez.


MÁIS INFORMACIÓN

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario